Jonny Greenwood – O fío invisible

Release Date
12 enero, 2018
Discográfica
Nonesuch Records
Xénero
Banda sonora
Our Score
7.9
Jonny Greenwood leva sendo unha figura fundamental dentro da banda Radiohead dende os seus comezos. Se hai dúas cousas que converteron a Creep nunha canción de éxito en 1993 foron a voz de Thom Yorke e a ruidosa e enormemente distorsionada guitarra coa que Jonny Greenwood prepara, mediante rasgueos fóra de ritmo, a entrada ao retrouso do tema. A partir do disco Kid A, lanzado polo grupo no ano 2000, a labor de Greenwood mudou considerablemente, prestando menos atención á guitarra e poñendo o foco de atención nos sintetizadores e os arreglos orquestrais.
Este último elemento é o que levou a Jonny Greenwood a dar o salto á composición de bandas sonoras no ano 2003. Mais sería no 2007 cando traballaría por primeira vez para un filme do aclamado director Paul Thomas Anderson, en concreto para o xenial drama de época There Will Be Blood protagonizado por Daniel Day-Lewis. Greenwood pasou a ser o compositor de referencia para Paul Thomas Anderson en todos os proxectos que realizou dende aquel momento en adiante, sendo Phantom Thread o máis recente deles.
Se as bandas sonoras deste compositor acostuman a caracterizarse por algo, é pola experimentación tanto con elementos electrónicos, como coa fusión de xéneros musicais e pola composición de arreglos orquestrais que foxen da música clásica e que se adentran máis nos territorios da vangarda. Sen embargo en Phantom Thread atopamos a un Greenwood menos radical, que busca a elegancia e a sutileza máis que noutros dos seus traballos previos. A instrumentación deste novo traballo consiste exclusivamente en orquestra e piano, e por momentos semella que algunhas das principais influencias poden moverse entre a música do romanticismo, certas melodías recordan as composicións Franz Schubert ou os pianos impresionistas de Claude Debussy.
Tamén se aprecian influencias máis contemporáneas como pode ser a música minimalista de Steve Reich, a cal está moi presente na pista Sandalwood I, así como en certos momentos os arpexios dos piano e as orquestracións cristalinas fan pensar na canción Glass Eyes do último disco de Radiohead. Pode que Phantom Thread non sexa a banda sonora máis atrevida de Jonny Greenwood, pero isto non vén da man con que sexa de menos calidade. Con esta nova obra, o músico inglés continúa a consolidarse como un dos compositores de música para cinema máis interesantes e polifacéticos da actualidade.
Jonny Greenwood – O fío invisible
7.9
Pódeche interesar...
FKA twigs estrea ‘sad day’, novo adianto de MAGDALENE