King Gizzard & The Lizard Wizard – Infest the Rats’ Nest

Fecha de lanzamiento
16 Agosto, 2019
Discográfica
Flightless Records
Xénero
Rock
A nosa puntuación
8.3

O eclecticismo e a experimentación levan sendo o selo identificativo dos australianos King Gizzard & The Lizard Wizard dende a súa formación. Ningún dos seus 15 álbumes ­­–que, por certo, comezaron a lanzar en 2011– soa igual que o anterior. Sen ir máis lonxe, o seu anterior LP, Fishing For Fishies, publicado en abril deste mesmo ano, é unha peza chea de melodías folk e blues mentres que este Infest The Rats’ Nest fai unha clara homenaxe ao thrash metal dos 80. Iso si, co toque distintivo de Stu Mackenzie e compañía.

A banda australiana xa coqueteara co metal en anteriores discos como Murder Of The Universe ou Nonagon Infinity, pero sempre enmarcado dentro da súa psicodelia garaxeira característica. Sen embargo, nesta nova experiencia King Gizzard abraza o son metaleiro na súa totalidade, sen artificio algún. É unha volta ao thrash dos 80.

Como en case todo LP de King Gizzard & The Lizard Wizard, Infest The Rats’ Nest ten un concepto detrás. Neste caso, trátase dunha historia que comeza cunha catástrofe medioambiental que causa unha división todavía maior entre ricos e pobres e que remata cun puñado de tolos viaxando a Venus para tirarse á súa superficie ardente. Un concepto moi estraño e surrealista, pero extrapolable –de certa maneira­– á situación actual. Poderiase dicir que a banda levou ao extremo as súas preocupacións medioambientais, que son un motivo constante nos seus temas de aquí a un tempo, no seu álbum máis radical.

Os 35 minutos de Infest The Rats’ Nest pasan como unha exhalación. Os ramalazos thrash flúen un tras outro sen descanso, o ritmo é frenético. A única pausa, por así decilo, é Superbug, xusto cara á metade do álbum. É unha homenaxe a Black Sabbath en forma de tema de 6 minutos cun riff monstruoso moi pesado, ao máis puro estilo da banda comandada polo mítico Ozzy Osborne. Ao longo do disco destaca a voz do versátil Stu Mackenzie. O seu ton agudo e melódico habitual muda por un ton grave e raspado que reflexa a seriedade e contundencia que anuncian as guitarras. A batería, comandada, coma sempre, por Eric Moore e Michael ‘Cavs’ Cavanaugh, loce especialmente en Self Immolate, un dos singles, no que chega a ter un solo ao inicio da canción.

Mars For The Rich é a peza máis “convencional” do álbum na que a banda denuncia, á súa maneira, as desigualdades sociais. Trátase dun tema máis rockeiro, cun riff bastante blues, pero no que Stu utiliza esa voz gutural tan ominosa e característica do LP. Ademáis, esta canción da nome e pon banda sonora ao videoxogo gratuito que a banda lanzou xunto co disco, case como se dun videoclip se tratase. Venusian 1 e Venusian 2 sacan a relucir a parte máis psicodélica e tola da banda e en Perihelion deléitannos cun dos estribillos máis potentes e pegadizos. Hell, con guitarras descontroladas e riffs frenéticos pecha o álbum nun punto moi álxido, deixándonos con ganas de máis.

En definitiva, Infest The Rats’ Nest é o traballo máis completo e redondo de King Gizzard & The Lizard Wizard dende o seu afamado Nonagon Infinity. Os australianos continúan explorando xéneros á súa maneira, e iso é o que os fai cada vez máis interesantes. Non queren encasillarse e continúan lanzando álbumes dunha calidade consistente e sen perder a súa capacidade de sorprender. Xa van por 15 –dous este ano–, e quen sabe se nos deleitarán con outro máis antes de que chegue xaneiro.

8.3
Pódeche interesar...
Paredes de Coura 2019, día III: Black Midi contra o mundo