Pixelin

Lina_Raül Refree: Emocións ao descuberto entre texturas electrónicas

Probablemente un dos aspectos máis característicos da colaboración entre a fadista Lina e o instrumentista e produtor Raül Refree é o minimalismo. No disco publicado o ano pasado baixo un nome estilizado como Lina_Raül Refree, revisitaron unha colección de composicións que formaron parte do repertorio da icónica cantante portuguesa Amália Rodrigues, envolvían as súas melodías con distintos teclados e sintetizadores.

O espectáculo que presentaron este sábado en Vigo coa súa actuación no Festival Underfest SON Estrella Galicia levou esta mesma proposta ao terreo do directo. O enfoque minimalista quedou marcado dende a propia posta en escena. Os dous artistas subiron a un escenario apenas iluminado, vestidos de negro, onde unicamente seus rostros aparecían entre a escuridade case como se se tratara dunha pintura tenebrista.

A proposta de Lina e Raül Refree en directo móvese por terreos similares ao do seu traballo onde a instrumentación electrónica envolvía as emotivas melodías do fado dando forma a este son escuro, atmosférico e melancólico. Porén, neste formato desfixéronse das liñas que separan unha canción doutra, cun concerto no que apenas houbo momentos de silencio. Entre peza e peza, Raül Refree interpretou diferentes interludios sacando o máximo partido ao limitado número de instrumentos sobre o escenario: un rhodes, un sintetizador e un piano.

Entre a escuridade da posta en escena, o fume que enchía o escenario e a sobriedade da instrumentación, destacou unha vez máis a voz da fadista Lina Rodrigues. As súas interpretacións cheas de emoción aportaron unha cara máis humana e un interesante contraste á presentación dos dous músicos, marcada por sons máis sintéticos do que acostuma a ser habitual no fado portugués.

Antes do concerto de Lina e Raül Refree, a viguesa Margarida Mariño tomou o escenario do Teatro Salesianos de Vigo, acompañada únicamente do seu violonchelo, que combinou con ‘loopers’ e distintos elementos electrónicos cos que deu forma a complexas armonías. Entre o seu repertorio destacou un adianto do seu novo traballo, que espera publicar o próximo ano, e que semella profundizar nunha proposta sonora a medio camiño entre o clásico e a vangarda.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.