Little Simz mostra o seu lado máis gris en ‘Drop 6’

Release Date
6 Maio, 2020
Discográfica
AGE 101 MUSIC
Xénero
Hip Hop
Our Score
6.5

Ata o ano pasado, falar de Little Simz era falar do descoñecido. Tratábase dunha artista británica que facía grime e trap, como moitas outras, e contaba como único aval internacional o apoio de Kendrick Lamar, quen a recoñecera alá por 2015 coma unha das súas artistas favoritas. Aquel ano lanzara o seu disco debut, lanzando o segundo ao ano seguinte.

Unha vez entrabas no que daquelas era o seu disco debut, A Curious Tale of Trials + Persons (2015) atopabas o que poderías esperar dun disco feito no momento en Inglaterra, en pleno resurxir do grime, pero con pequenos detalles que facían pensar que podíamos estar ante un diamante en bruto.Un ano despois, os cambios no seu rango estilístico fixéronse notar en  Stillness in Wonderland (2016), que se ben semellaba tedioso aos ouvidos unha vez te puñas con el ao completo, contaba ao seu favor con acertos como Picture Perfect ou Backseat.

Little Simz precisaba centrar as súas ideas. Podía atoparse un talento detrás dos seus álbumes, detrás de todos os erros. Alá onde funcionaba, non era por casualidade senón por unha auténtica habilidade para rimar e unha selección na producción excelsa. E pasaron os anos, e as plegarias e o pulimento chegaron neste 2019 da man de Grey Area, onde Little Simz deixaba de ser unha artista de grime máis para abrazar o jazz rap, o neo-soul e o hardcore rap sen perder a esencia que a facía especial polo camino. Nada na artista volvería a ser considerado igual, e mesmo, dende a total humildade, Balea rendíuse á evidencia e seleccionou o álbum coma o quinto mellor do ano pasado.

A artista británica xa non precisaba experimentos, situándose no olimpo do rap británico cun dos albumes máis redondos do ano e cun futuro no que todo parece posible, onde o rival a bater agora é ela mesma tras rozar a perfección. E, namentres decide cal será o seu seguinte paso na súa evolución, temos Drop 6.

Atendendo ao formato, os tres exemplos anteriores eran álbumes ao uso, coma os coñecemos e soemos consumir. No novo traballo, pola contra, estamos ante un EP, que moitos artistas —ante o mostrado e coñecido, tamén Little Simz— utilizan para experimentar sen presións sobre o seu propio son, e incluso para recibir feedback antes do que será o seu seguinte traballo. Cartas de presentación, por dicilo dalgún modo.

 Se os tres longos lanzados ata a data diferían dunha maneira notoria ente eles, en Drop 6 non atopamos un cambio tan xigante, e de feito ás veces semella un paso atrás: se ben continúa na liña mostrada en Grey Area, con bases máis escuras que de costume e unha lírica entre ansiosa e política, volve en máis ocasións das que poderiamos esperar a ritmos que aparecían nas súas anteriores obras, con ritmos máis achegados ao rap alternativo, minimalista, que ao experimentalismo escuro e incluso sucio mostrado no último álbum.

O achegamento e influencia de Grey Area continúa existindo, obviamente, mais non chega en ningún momento a encantar. As cancións, aínda sendo soamente cinco, pásanse unha á seguinte sen unha cohesión clara, no que parece unha experimentación máis propia que musical que é incapaz de chegar a ningures máis que a unha escoita esporádica.

Se Drop 6 fose un EP debut, dun artista descoñecido, estariamos ante un novo diamante en bruto. Ante o que xa coñecemos, sabendo do que Little Simz é capaz, quedámonos cunha escoita fría que, se ben non resulta soporífera, nunca chegará a resultarnos tan hipnótica como poderiamos esperar. Teremos que esperar ao seguinte longo.

6.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.