Mac Miller firma o desenlace perfecto á súa traxectoria con ‘Circles’

mac miller circles
Data de lanzamento
17 Xaneiro, 2020
DISCOGRÁFICA
Warner Records
XÉNERO
R&B
A nosa puntuación
7.7

Mac Miller deixounos pouco despois de que o seu quinto álbum de estudio, Swimming (2018), vise a luz. Nun principio, este non foi tan aclamado coma o seu predecesor, The Divine Feminine (2016) -un álbum conceptual verbo da exploración da muller a través das figuras femininas que formaron parte da súa vida-, mais a repentina morte de do seu autor elevouno á categoría de manifesto imprescindible sobre a derrota, a perda e a desesperación.

Circles concibiuse como un álbum complementario a Swimming: “nadando en círculos”; reflexionando sobre a imposible e falida busca da felicidade e da autorrealización. Porén este álbum póstumo, rematado polo produtor Jon Brion co consentimento da familia de Miller, móstrase moito máis alegre que o anterior.

Os círculos tamén se debuxan ao longo das estruturas de todos os cortes do álbum. Compases de 4/4 -a excepción de That’s On Me, con estrutura de vals- que repiten os tres ou catro mesmos acordes ao longo de sinxelas pero refrescantes cancións, con clarísimas influencias do lo-fi e renunciando case por completo ao rap. Moi lonxe do “frat rap” dos seus inicios, reafírmase mellor que nunca como compositor híbrido, soamente achegándose ao xénero da man do R&B en Blue World e Hands.

O corte de apertura reza “I just end up right at the start of the line / drawin’ circles” sobre unha alegre e pausada melodía; como unha sorte de conformismo cara as fraquezas da vida e desorientación interior. Con Circles pódese albiscar un futuro reformado para Mac Miller, tristemente frustrado. Desta vez, a contemplación e a autorreflexión non nacen da angustia impetuosa que envolvía Swimming, senón da necesidade de quebrar os círculos.

O único adianto do disco, Good News, enfrasca todo o contido semiótico do traballo e retrata á perfección a belísima dicotomía trazada por Miller ao longo de Circles. Reflexiona sobre a morte (There’s a whole lot more for me waitin’ on the other side / I’m always wonderin’ if it feel like summer) en escala de Mi Maior, conformando unha mastodóntica canción que se move entre o pesimismo e o optimismo. Harmonizada mediante arranxos de corda que buscan a emotividade no oínte, ningunha outra canción podería pechar mellor o legado musical de Mac Miller.

Everybody vai na mesma liña emotiva. Guiada por un piano minimalista e complementada cunha batería e un baixo potentísimos, constitúe unha contemplación melancólica e existencial sobre a vida e a morte. Aínda sendo unha cover de Everybody’s Gotta Live de Arthur Lee, a peza é a que máis explicita a grandísima influencia de John Lennon no estilo de Miller.

As dúas últimas pistas pechan o disco formando un romántico binomio sobre a incapacidade de sentar cabeza. Pero entre o caos interior, divisa no horizonte a cura á tolemia. En Surf, divisa no horizonte a cura á tolemia, entre todo o caos interior (“And I know that somebody knows me / I know somewhere there’s home / I’m startin’ to see that all I have to do is get up and go”). O último verso do traballo, as últimas palabras do traballo musical de Mac Miller, rezan “Once a day, I try, but I can’t find a single word”, un segundo antes do abrupto final do álbum. Abrupto coma o triste final dunha vida en aras de reparación.

Cando un artista falece, os diversos factores da industria musical adoitan espremer ao máximo todo o seu material inédito para aproveitar o tirón. O máis valioso de Circles é que, aínda que non saibamos canto do proceso se fixo con Miller vivo, supón un álbum compacto e cheo de vida propia. Quizais o que non puido desfrutar Mac Miller en vida sexa o mellor traballo da súa carreira.

7.7
Pódeche interesar...
FØ Records lanza ‘Chicane’, con Camel B. & goodboy.Xd