Mark Lanegan, a afouteza dunha alma ferida envolta en seda negra

24 de outubro de 2019. 21:00 horas. Data que inicia a xira europea da lenda viva do grunge e líder da que foi unha das bandas máis misteriosas do mesmo movemento musical nos oitenta, Screaming Trees: Santiago de Compostela recibe cos brazos abertos a Mark Lanegan nunha sala Capitol preparada para desfrutar.

O músico americano volve a pisar terra galega nesta cita dentro do ciclo American Autumn (a derradeira visita foi no 2016 na cidade da Coruña) para dar comezo á serie de concertos nos que presenta o seu disco recentemente publicado, “Somebody’s Knocking”, un álbum que nos transporta a tempos musicais pasados máis lúgubres, electrónicos e palpabrexantes no que se poden atopar notables influencias de grupos icónicos, tales como Depeche Mode, Joy Division, The Stooges ou New Order, éste último recibe unha dedicatoria nun dos temas incluidos na nova publicación.

A banda comeza a venue con dúas composicións nunca antes interpretadas en directo, “Disbelief Suspension” e “Letter Never Sent”. A cada segundo que transcorre, a voz rota tan característica de Lanegan, aumenta en forza e enche a sala de maxia. A súa aura de crooner maldito, tan escura, decadente e incluso distante, e á vez, tan chea de vida e tremendamente melómana, fai as delicias do público.

Chega o turno de “Nocturne”, composición que forma parte de “Gargoyle”, un dos seus álbums mellor valorados pola crítica.  A banda interpreta con maestría a atmosfera aveseda, densa e áspera que caracteriza a composición, sons que son potenciados polo vibratto vocal “perfectamente imperfecto” do norteamericano.

A pesar de non alcanzar a fama da mesma maneira que outros da súa época e movemento musical, Lanegan deixou un legado clarividente nas novas formacións new wave, tan só basta con botar unha escoita a “Luminous” (2014) dos británicos The Horrors.

A “violencia feble” que garda a súa creatividade é hipnótica, ata o punto de que pechar os ollos mentres presencias o directo transpórtache a outro lugar, a unha América desértica, a noites estrañas iluminadas en neón e paraxes descoñecidos.

“Deepest Shade”, tema que podería marcar o momento romántico do baile oitenteiro de primavera dun instituto americano, amosa a faceta tenra oculta de Lanegan, demostrando aos presentes que a súa capacidade vocal é moldeable, versátil e capaz de transmitir un universo amplio de sensacións.

As letras de cancións como “One Hundred Days” recordan á lírica complexa e brillante de artistas como Leonard Cohen, e falan dun compositor que garda no seu interior unha mestura de experiencias dicotómicas de dor, paixón e nostalxia. Mark podería ser perfectamente compañeiro de vida de Charles Bukowski, xuntos compartindo noites de tabaco e whisky sen fin. (Coincidirían algunha vez en persoa?).

O salgueiro dóbrase ao final do día, e o crepúsculo cae de novo sobre o gracioso canto dun merlo… Como non quedan xa boas razóns, seguirei facendo o mesmo: pensar en ti… Igual que unha longa tempada de choiva, permanecerei pensando en ti.

– One Hundred Days, Mark Lanegan –

O setlist escollido pola banda non defrauda: un gran porcentaxe dos temas son procedentes do novo disco, porén temas míticos da súa discografía como “Bleeding Muddy Water” fan vibrar a todos os espectadores. Unha visita inesquecíbel para a cidade compostelá.

Pódeche interesar...
Caudal Fest 2019: Día I. Oxalá chova licor café