Mundo Prestigio, superheroes da música urbana galega en ‘Los Vengadores’

Release Date
16 Abril, 2020
Discográfica
La Melona
Xénero
Música urbana
Our Score
8

Resulta bastante común que unha banda remate saturada da súa propia música, sobre todo cando esta non outorga o éxito necesario para que o fin sexa mellor que a enfermidade. De aí, que moitos grupos decidan rachar co seu propio estilo e innovar de cando en vez, arriscándoo todo no camiño. Pero poucas transformacións foron tan radicais como a de Jay, referente vigués do noise rock galego.

Tras sete anos de percorrido e dous albumes e un EP ás costas, Jay desintégrase e nace das súas cinzas Mundo Prestigio. Cunha formación parcialmente nova, Brais Otero (antes voz e baixo, e agora samplers e saxo), Julián Foicoa (antes guitarra, agora baixo), Fernando Areal (teclado) e Fiz García (batería) reveláronse como unha das apostas máis rompedoras do panorama nacional. Mundo Prestigio chegou pisando moi forte. Mesturando hip hop, jazz, e pop, o seu EP debut, de título homónimo, coroouse como un dos mellores discos galegos de 2019.

Xusto 11 meses despois, chega Los Vengadores. Apostando outra vez pola publicación en pequenas doses, este novo traballo supón unha continuación do xa declarado o pasado ano. A golpe de sampler, dunha potentísima liña de baixo e -fóra do que estamos acostumados na electrónica- dunha ben marcada batería, Mundo Prestigio consolidan o seu estilo converxente do hip hop instrumental co jazz; e tamén máis disco que nunca.

Se Mundo Prestigio era unha fascinante declaración de intencións que abría unha novo camiño á experimentación nun estilo musical aínda por explorar, Los Vengadores móstrase sólido, claro e conciso. Mesturado novamente polo Hevi, deixa menos espazo á creación de formas e colores, derivadas dos dinámicos e amplos pasaxes instrumentais que conformaban o anterior disco. No seu lugar, superpóñense aos estouros cromáticos tres brillantes colaboracións con tres dos músicos máis interesantes de Galicia, brindando os puntos álxidos do percorrido.

Un baixo introduce in crescendo un sample digno de balada latina. A batería electrónica anticipa o quebre, e rompe o sampler. Mundo Nuno abre o disco con forza. Pon a voz Nuno (Grande Amore, Oh! Ayatollah), nunha sorte de spoken word, e xa o di el: “Isto é o mellor que escoitaches este ano porque sabes que che gusto aínda encima son tan raro”. Mundo Prestigio semellaban fuxir da voz, mais aquí demostran que saben combinala brillantemente co instrumental. A complicidade da pista vogal coa base é impecable; unha base extremadamente envolvente, por momentos forte e abafante, por outros suave e harmoniosa. Un pouco coma aquela pulsión perfecta no paso do caos á calma que nos ensinaran os Beatles en A Day In The Life.

Quen Quere Falar nace dunha alianza entre dous dos grupos galegos que máis darán de que falar nos próximos anos. Guille pon a voz, e con ela un anaco da tropicalia de Bifannah, e Mundo Prestigio vertébraa cunha musicación que transpira disco setenteira polos poros. Un sampleado de Goku n’As Bolas do Dragón irmándase co espírito do Off the Wall de Michael Jackson para conformar un auténtico temazo.

Despois do subidón dos dous primeiros cortes, Domingo Sen Callos fai de interludio e relaxa o ambiente. Con aires chillwave, a melódica base apóiase nun robusto baixo e nunha batería jazzística. Case a mesma coa que engancha en Quando, outro corte instrumental que consegue hipnotizar ao oído. O sampler é capaz de compoñer unha instrumentación de aparente complexidade, na que unha repetitiva sección de corda escorrenta a redundancia. Na ponte, un organiño trae novamente a calma, desvanecéndose entre o baixo e a percusión, sempre facéndose presentes.

E o momento esperado chega: a colaboración con Cibrán de Boyanka Kostova, o único asinante vogal do EP predecesor. Cibrán é un dos mellores -se non o mellor- e máis dinámicos letristas galegos da actualidade, e O Caseiro pono en testemuño. A mostra máis achegada ao jazz que tanto marcou os primeiros pasos de Mundo Prestigio supón un canto retranqueiro aos caseiros, archi-inimigos da mocidade. Surfeando entre o pepinazo de trap, a pista de smooth jazz e o sampler de voz feminina de R&B, O Caseiro coróase como o tema máis fresco visto ultimamente na música urbana galega.

Kes pon o punto final a un percorrido brillante. É este o corte máis desordenado de Los Vengadores, onde a mostra de corda e vento, case filarmónica, non consegue harmonizar. Porén semella que Mundo Prestigio querían pechar o disco nun in medias res do caos. No medio do desorde dunha cidade distópica que debe ser salvada polos superheroes que dan título ao traballo.

Los Vengadores funciona; e funciona moi ben. Resulta fascinante observar como un grupo que vén dun xénero tan distinto é quen de mergullarse na música negra instrumental, e conseguindo sacar un rédito impresionante ao sampler mesturado con baixo e batería. Mundo Prestigio despegaron hai tan só un ano, e conseguiron con dous EPs ser máis ca unha promesa: cun son maduro, sólido e extremadamente compacto, Mundo Prestigio chegaron para quedarse. Seguramente non salvarán o mundo coma os heroes de Marvel, pero si o futuro da música urbana galega.

8
Pódeche interesar...
Presumido estrean ‘Encerrados’, gravado en corentena