Mura Masa non da voz a unha xeración con ‘R.Y.C’, mais si ten cousas que contar

Release Date
17 Xaneiro, 2020
Discográfica
Anchor Point Records
Xénero
Pop
Our Score
6.5

Unha habitual cada certo tempo é que saia un artista ao que é sinxelo chamar “Voz dunha xeración”. Por unha razón ou outra, a asiduidade coa que os medios tentan nomear a un artista baixo estes termos é enorme, aínda co difícil, ou incluso imposible, que pode resultar algo así.  Si que podemos falar de que certos estilos musicais, en certo momento, poden definir un momento histórico por como este é recibido, atendendo ao momento e lugar onde se desenvolveron, e así véñennos á mente artistas como The Sex Pistols con aquel Never Mind the Bollocks Here’s the Sex Pistols (1977) que definiu o final dos setenta británicos, ou, e dentro da mesma rexión, os The Stone Roses encabezaron aquel movemento coñecido como Madchester nunha cidade que era un caldo de cultivo para que o descontento cultural florecese debido aos problemas que a cidade viña herdando dende a Segunda Guerra Mundial, perdéndose entre 1961 e 1983 máis de 150.000 traballos.

Dende entón, a cultura ten cambiado moito, e antes de comezar a poñernos a falar do álbum que da título á crítica debemos ter algo en cambio: non estamos ante un novo traballo esencial para a historia da música, pero si ante un intento, incluso casual, de selo.

Aínda está por ver que definirá a nova esencia musical do Reino Unido, falta de herdeiros dende que aqueles anos 2000 trouxeran grupos como os Arctic Monkeys ou The Libertines, e que hoxe son unha pantasma do que foron e significaron daquelas, para ben ou para mal. A herdanza que se podía conseguir por parte do Britpop dos noventa, á súa vez herdeira do movemento de Madchester, parece estar rematando e dando os seus últimos intentos de manterse na cima.

Vivimos en épocas difíciles para as novas xeracións. A falta de expectativas ou perspectivas de futuro é cada vez máis visible, e xunto a ela é normal que se cree un enfado profundo ou, simplemente, creando profundos problemas psicolóxicos que se traducen en ansiedade e depresión. Como non estar tristes, cando a túa única posibilidade semella vivir o día a día preguntándote se terás un futuro óptimo e ninguén e capaz de asegurarcho?

Alex Crossan debutou como Mura Masa en 2017 cun álbum homónimo. Non era o mellor disco do universo, pero funcionaba ben: mesturaba xenial R&B xunto a pop, con detalles de rap e disco e contaba con grandes colaboración do momento británico como A$AP Rocky, Charli XCX, Damon Albarn, Nao ou Christine and the Queens, e soaba moderno e auténtico aínda que se podía ver en todo momento de quen bebía. Tiña auténticos temas rompepistas, e Messy Love era o inicio soñado para un álbum aberto a facernos soñar. Caíase un pouco durante a segunda metade, pero a percepción xeral era boa.

Para R.Y.C, este novo álbum, Mura Masa cambiou varias cousas: por unha banda, os nomes xigantes do anterior álbum foron substituídos por nomes máis pequenos, aínda que moi sonados igualmente. Con todo, eran menos: destacarían sobre todo como colaboradores agora Clairo, slowthai e Wolf Alice. Co cambio de colaboracións, ademais, virían certos cambios no estilo máis puro: continuaba o pop, incluso con máis forza, pero íanse o disco e, sobre todo, desaparecía o rap quedando a expensas do traballo de slowthai na marabillosa Deal Wiv It.

Nas letras, a sinceridade de Alex Crossan, nacido en 1996, expresa moitas desas ideas que alguén da súa xeración pode ter. Existe durante todo o álbum unha idea de falta de esperanza e expectativas, concretada en temas como No Hope Generation —cuxo nome ben explica ese sentimento—, ​vicarious living anthem ou Live Like We’re Dancing, aínda que todo o álbum chama sen fisuras a esa melancolía.

Con todo, o álbum de Mura Masa está afastado de ser o mensaxe que unha xeración busca, e quédase nas expresións, ás veces incluso mal levadas, dun membro máis desta. A maneira directa e clara coa que expresa ese sentimento fai incluso que sexa demasiado obvio, e algo que moitos outros artistas antes ca el nestes anos souberon expresar con máis tino. A súa claridade á hora desta expresión non é, a nivel lírico, nin un acerto nin tampouco un erro, pero si o causante de non xerar máis emoción.

O desvío artístico, ademais, crea que no nivel musical se cree unha cohesión entre temas ás veces dubidosa, onde semella que se levou por riba a idea de pór enriba a produción musical naqueles temas nos que se conta cun colaborador, namentres se é incapaz de crear algo á altura —ou incluso relacionado— no resto de cancións, aínda que non en todas.

Se ben destacan sinxelos adiantados antes da saída do álbum como No Hope Generation ou Deal Wiv It funcionan e son bos sinxelos, son tal vez os momentos nos que a brillantez do álbum desaparece para non aparecer moito máis. Mura Masa non se gardou nada verdadeiramente máxico para darlle corpo ao álbum, semellando máis interesado en que se escoiten un ou dous temas que o disco ao completo, e se ben este feito en si non ten nada de malo, á hora de enfrontarnos ao traballo completo si que se ven eivas enormes, sobre todo a nivel musical, que é difícil deixar de lado.

Non foi coincidencia que no anterior álbum de Mura Masa aparecese Damon Albarn, vocalista e líder daqueles Blur que tantas alegrías deron nos noventa do Britpop, pois indirectamente a herdanza de Mura Masa da música daqueles é enorme, pertencendo Alex Crossan a unha nova corrente de pop británico que pode ter moito que contar, pero que non consegue atopar o vehículo concreto para facelo como si os que foron vangarda para eles e si fixeron artistas que colaboraron con Crossan como Charli XCX, FKA Twigs ou Kero Kero Bonito.

Hai cancións a escoitar unha e outra vez no R.Y.C. de Mura Masa, e se ben ten boas ideas, á hora de concretalas falla en maior ou menor medida, ás veces de maneira estrepitosa e outras deixando temas marabillosos. Membro desa No Hope Generation como tantos outros da súa quinta, se ben non será a voz desta, si é un espello máis da falta de expectativas nun futuro incerto.

6.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.