Nace o Cuarentena Fest, un festival en streaming para vencer o illamento

Entre o 16 e o 27 de marzo, artistas como Cariño, Confeti de Odio ou Megansito el Guapo retransmitirán concertos gratuítos desde as súas casas e estudios

Ante as novas políticas de reunión -e as conseguintes cancelacións de concertos- nadas da ameaza do COVID-19, unha boa fornada de grupos decide non deixar que a música pare, aínda que “todo ao noso arredor se desmorone”. Así nace o Cuarentena Fest, que entre o vindeiro luns 16 ata o 27 de marzo retransmitirá en streaming 30 actuacións, e máis que están por confirmar.

Os concertos poderán seguirse de dúas formas: ben mediante un visionado selectivo nas correspondentes canles de YouTube dos artistas en cuestión, ben en serie a través da web do festival, cuarentenafest.tumblr.com. As sesións están previstas para todos os días ás 21 e ás 22 horas.

A plataforma tamén puxo a disposición do público un Paypal no seu sitio web, co fin de colleitar doazóns para axudar aos artistas colaboradores, que están a sufrir as consecuencias das cancelacións dos seus concertos nun sector xa precarizado de por si.

Pódeche interesar...
Bieto Romero: “A xente non adoita a pagar pola música, como tampouco a comprar libros”