Nine Inch Nails – Bad Witch

Release Date
22 junio, 2018
Discográfica
Autoeditado
Xénero
Industrial
Our Score
9.1

No ano 1995 a xira de ‘The Downward Spiral’, o segundo disco de longa duración de Nine Inch Nails, atopábase co Outside Tour de David Bowie. Durante 26 concertos ao longo da xeografía estadounidense o rock industrial de NIN entrelazouse coas cancións máis electrónicas e escuras do músico británico. Cada noite os de Trent Reznor abrían os concertos co seu set. Chegada a metade da actuación, empezaba a soar ‘Subterraneans’, do álbum ‘Low’ de David Bowie. Nine Inch Nails facían de banda de acompañamento do duque branco mentres Trent Reznor tocaba o saxofón.

Tras esta xira Trent adicou os anos seguintes a desenvolver outros proxectos como as bandas sonoras do videoxogo ‘Quake‘, lanzada en 1996 e do filme ‘Lost Highway’ de David Lynch, do ano 1997. Non sería ata dous anos despois cando sería publicado o seguinte disco de Nine Inch Nails, ‘The Fragile’, sen dúbida o traballo máis ambicioso firmado por Trent Reznor, sen embargo pouco se podía atopar nel do estilo que os seus proxectos viñan desenvolvendo anteriormente. Vinte anos despois, ‘Bad Witch’ é sen lugar a dúbidas o disco de NIN no que máis presentes están as influencias de David Bowie, dos ambientes opresivos de ‘Quake’ e do cruce entre jazz e industrial de ‘Lost Highway’.

O disco arranca con ‘Shit Mirror’. Esta canción atopa puntos en común coas aperturas dos dous anteriores EPs, tanto co ritmo de ‘Branches/Bones’ como coas melodías de ‘Less Than’. O uso das palmas como elemento percusivo lembra ao rock dos anos 50, bailable, alegre, mais nesta ocasión as capas de distorsión deforman esta idea, como se se tratase dunha extraña mutación. Esta aposta estilística funciona de maneira moi axeitada coa letra, que parece estar escrita de maneira satírica dende a perspectiva dunha persoa de ideoloxía de extrema dereita ante o contexto político actual dos Estados Unidos.

A frenética batería de ‘Ahead Of Ourselves’ lembra dende o primeiro momento ao ritmo de ‘The Perfect Drug’, o single estrela da banda sonora de ‘Lost Highway’. A letra, cantada cun efecto vocal que transforma a voz de Reznor nun glitch, resume en certa medida a tese do disco. Unha reflexión pesimista e nihilista sobre a natureza do ser humano expresada nun estribillo no que os niveis de volume se disparan mentres soan as palabras “obsoleto, insignificante, anticuado, irrelevante”.

‘Play The Goddamned Part’ baixa o ritmo do disco para explorar novos territorios sonoros. Arrancando cunha percusión distorsionada e unha liña de baixo que serven como soporte para a canción, o saxofón vai gañando protagonismo de maneira progresiva ata que, superada a marca dos dous minutos, convértese no único instrumento a soar nunha sorte de clímax á metade da canción. Son inevitables as comparacións con ‘Driver Down’, outro corte composto por Reznor para ‘Lost Highway’. O saxo mantense en ‘God Break Down The Door’, mais desta volta acompañado por loops de sintetizadores e unha batería que soa como unha versión máis sucia do traballo de Mark Guiliana no ‘Blackstar’ de Bowie. Á metade do último lanzamento desta triloxía de discos de Nine Inch Nails moitos esperarían comezar a conseguir respostas, sen embargo o que atopamos son as primeiras pistas instrumentais do proxecto e letras que non traen consigo máis que comentarios crípticos e contestacións negativas as nosas preguntas.

‘I’m Not From This World’ explora distintos ambientes opresivos, mecánicos e agobiantes. Nesta pista, de novo instrumental, Reznor e Ross poñen en práctica os recursos que xa puidemos escoitar nos seus traballos cinematográficos, especialmente xunto ao director David Fincher, mais desta vez cun tono todavía máis escuro e retorcido que lembra á banda sonora de ‘Quake’. A maneira en que esta canción enlaza con ‘God Break Down The Door’ converte a este tramo do disco nunha viaxe surrealista, moi visual mais difícil de describir.

‘Over And Out’ pecha o disco nun punto de confusión narrativa. As preguntas que se platexaba esta triloxía según o propio Reznor, tratar de comprender quen somos nós agora e de que maneira encaixamos no mundo, obrigaron a percorrer toda esta viaxe para chegar a descubrir que por moito que o desexemos nunca atoparemos as respostas que estamos a buscar. Frases como “I’ve always been 10 years ahead of you” ou “Feel like I’ve been here before, over and over again” recordan aos últimos diálogos da terceira tempada de ‘Twin Peaks’, da que Nine Inch Nails tamén formaron parte. Estas letras tamén nos sitúan de volta no punto de partida desta triloxía na que Trent cantaba no estribillo de ‘Branches/Bones’ “Feels like I’ve been here before, I don’t know anymore”, como se nos atopásemos atrapados nunha viaxe cíclica da que non podemos escapar.

Os tres lanzamentos desta triloxía funcionan ben como pezas independientes, cada unha explorando distintas ideas temáticas e musicais, mais non se pode negar a evidencia de que forman parte dun mesmo proxecto. Se tomamos as 16 cancións que compoñen os tres actos desta historia atopámonos sen lugar a dúbidas co mellor traballo lanzado por Nine Inch Nails dende a publicación de ‘The Fragile’ en 1999. Cunha producción única, chea de numerosas capas de son capaces de crear ambientes escuros no que o orgánico e o electrónico logran ir da man, este proxecto tamén recupera o compoñente político de discos como ‘Year Zero’. O feito de que 30 anos despois do nacemento de Nine Inch Nails Trent Reznor siga producindo música capaz de mirar de frente aos mellores discos da banda nos anos 90 fala por si mesmo.

9.1
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.