Pixelin

O clamor de Maria Arnal i Marcel Bagés

Coa publicación do seu último disco ‘Clamor’, o dúo catalán conformado por Maria Arnal e Marcel Bagés consolidouse como unha das propostas máis interesantes do panorama musical estatal. A súa persoal e vangardista aproximación ás coplas tradicionais volvíase máis electrónica cunha produción cada vez máis densa na que tiñan cabida todo tipo de instrumentacións, e tamén a ausencia total das mesmas para dar o protagonismo á voz. Tratábase dun disco especialmente ambicioso que soamente podería terse trasladado ao directo mediante un espectáculo igual de elaborado.

As expectativas eran altas, pero a actuación de Maria Arnal i Marcel Bagés este domingo en Vigo no marco do Festival Underfest SON Estrella Galicia cumpliu con todas elas. Acompañados polo produtor David Soler e as súas dúas coristas Mireia e Julia, tomaron o Teatro Salesianos cunha impoñente posta en escena, que sorprendeu especialmente como contraste á presentación de Lina_Raül Refree da anterior xornada neste mesmo espazo, marcada pola sobriedade e o minimalismo. Todo o contrario ao que ofreceu desta vez o dúo catalán.

Ao igual que no seu último disco, o concerto comezou coa canción ‘Milagro’ onde as guitarras distorsionadas de Marcel tomaron o auditorio envolvendo a arrebatadora voz de Maria, vestida dun branco impecable, ao igual que as súas coristas que tamén complementaban as súas coreografías. O material do novo disco ‘Clamor’ trasladouse á perfección ao directo mediante un formato capaz de levar máis alá a intensidade de cortes como ‘Jaque’ ao mesmo tempo que facer aínda máis íntima a súa interpretación do canto litúrxico tradicional ‘Cant de la Sibil·la‘.

Durante o concerto tamén houbo tempo para interpretar cancións do seu primeiro disco de longa duración, ’45 Cerebros y 1 Corazón’ (2017), como ‘Tu que vienes a rondarme’, un corte que xa é imprescindible en todas as súas actuacións en directo e un dos momentos máis aplaudidos polo público. Pero a canción deste traballo que mellor se trasladou á nova presentación en directo de Maria Arnal i Marcel Bagés foi ‘La gent’, que contou cunha introdución máis longa e misteriosa para estoupar no seu tramo final con moita máis forza do que xa o fixera no estudio.

Durante todo o concerto, Maria Arnal amosou unha enorme enerxía e vitalidade sobre o escenario, ao mesmo tempo que non deixou en ningún momento de animar ao público a participar na actuación cantando e dando palmas, aínda que con maior éxito no segundo. Con todo, a medida que foron pasando as cancións e soaban algúns dos temas máis destacados do dúo como ‘Fiera de mí’, os asistentes que enchían o teatro foron soltándose cada vez máis para concluír da única forma en que podía rematar este concerto, con todo o público de pé mentres Maria Arnal cantaba ‘Ventura’ dando saltos sobre o escenario.

Despois de publicar un disco como ‘Clamor’, Maria Arnal i Marcel Bagés xa se confirmaron como unha das propostas musicais máis destacadas do estado nos últimos anos, algo que seu espectáculo en directo corroborou unha vez máis e que nos deixa con aínda máis ganas de descubrir cal será o novo paso para este dúo catalán que semella seguir crecendo con cada lanzamento.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.