O Fanzine Fest volta a Coruña

O evento celebrarase entre os días 5 e 7 de decembro

A Coruña sitúase esta semana no epicentro da escena da música electrónica de vangarda mundial. Do 5 ao 7 de decembro, a cidade acollerá a quinta edición de Fanzine Fest, un encontro único e innovador que conta no seu line-up con máis de 20 artistas imprescindibles do universo electrónico. Figuras como The Horrorist, Levon Vincent, Galaxian, Lena Andersson (Kyoka & Eomac) ou Dorian Concept participarán na edición máis completa do Fanzine Fest, unha aposta por visibilizar e dinamizar a escena de vangarda local e cultura underground co obxectivo de xerar, tamén desde un punto de vista didáctico e divulgativo, un ecosistema único en Galicia con proxección estatal e internacional.

Fanzine Fest nace impulsado por Fanzine Project (Roi Grobas e Pablo Cubeiro). Trátase dunha proposta coidada e de calidade na que as figuras máis brillantes do son electrónico a nivel mundial converxen no mesmo cartel que creadores locais e galegos cunha traxectoria sólida e contrastada no panorama estatal ou europeo. Xunto á súa aposta musical, o festival inclúe toda unha programación expandida repleta de actividades e workshops que inciden na aposta por achegar a escena electrónica a todos os públicos.

Live shows, dj set, talleres infantís e charlas para público adulto daranse cita ao longo de tres intensas xornadas colmadas de actividade frenética en cinco sedes que se estenden por toda a cidade, como son os Museos Científicos (Planetario da Casa das Ciencias e Sala Maker da Domus), o Teatro Colón, a Fundación Luís Seoane e a sala O Túnel do Coliseum. Será un fin de semana intenso e estimulante no que tanto os amantes e entusiastas da música electrónica, como aqueles que queiran achegarse ou adentrarse nela a través das sesións ou workshops, están chamados a gozar, en tres actos, dunha atractiva experiencia, única no noroeste da península.

O festival comezará mañá co universo sonoro de Death Whistle (o proxecto electrónico de Víctor García, compositor das bandas sonoras de Psiconautas e Decorado), que iluminará o Planetario na xornada inaugural do Fanzine Fest, cunha sesión que envolverá ao espectador entre o onírico e o terreal, e que fixo sold out aos poucos días do seu anuncio.

Pódeche interesar...
O Que Arde, nomeada aos Goya en catro categorías