Mauro Borrazás

O poder místico e as paisaxes desérticas de Emily Jane White

Tras seis álbumes de estudo ás costas e xiras a nivel internacional, a cantante californiana Emily Jane White presentou na noite do mércores 19 de febreiro o seu novo traballo ‘Immanent Fire’ na sala Radar de Vigo.

Este novo disco, que explora o folk dende a visión artística máis escura e misteriosa, reflexiona sobre a idea actual de desaparición inmanente (como indica o título) do noso planeta a causa da contaminación, o cambio climático e a escasa empatía coa natureza que nos rodea.

A artista, que comezou a súa andaina musical no ano 2003, foi protagonista dun concerto íntimo e introvertido, no que o público non perdeu detalle da gran diversidade de sons que estaban a producirse sobre o pequeno escenario.

‘’Washed Away’’ foi o tema escollido para dar o pistoletazo de saída á velada. Acompañada de guitarra e batería, a voz de Emily inunda a sala viguesa coma unha aparición divina no medio da escuridade. Ataviada cun vestido de estilo wiccano e botíns acordoados, irrompe a escea cuns xiros vocais que transmiten tristeza, pero non dende a percepción de debilidade ou fraxilidade, máis ben dende a análise dunha tristeza real e poderosa, sombría, madurada co tempo, chea de sabiduría.

Mauro Borrazás

O seu directo é un coidadísimo xogo de contrastes: acordes graves de guitarra, xunto con ritmos sólidos e intensos de batería, intercálanse cunha voz rota e sensual, conseguindo unha simbiose tan interesante coma intrigante.

A súa capacidade de transmitir sentimentos, a través tanto de melodías sinxelas ao piano coma de cánticos ceremoniais ancestrais, evocan a tempos pasados: esceas de ritos máxicos en noites de inverno á calor do lume dunha fogueira, onde o cheiro a herbas aromáticas torna intenso e as lendas de xeracións antigas invaden a nosa imaxinación.

Composicións de álbumes anteriores tamén estiveron presentes ( ‘’The Cliff’’, ‘’Sleeping Dead’’ ou ‘’Dagger’’), éste derradeiro pertencente ao seu primeiro traballo, Dark Undercoat.

Para finalizar, Emily interpreta ‘’Hole In The Middle’’, tema de gran carga rítmica dentro do setlist, que fai as delicias dos espíritus máis fieis ao rock clásico americano. Un auténtico percorrido pola América máis melancólica, onde o único eterno son as madrugadas de néboa.

Mauro Borrazás
Pódeche interesar...
Rina Sawayama sorprende dende o humor