O Son do Camiño II. Día 2: Cando o ceo chorou con ‘Catalina’

Foi a partires da segunda xornada de O Son do Camiño cando empezaron a pasar polo Monte do Gozo os grandes pesos pesados do cartaz desta segunda edición. Pero a tarde comezou con concertos que nada tiñan que ver co que nos esperaba pola noite. O tontipop de Cariño trouxo consigo un dos momentos máis divertidos do día. O escenario Galicia todavía non estaba ateigado, había espacio de sobra para moverse e bailar coa música desenfadada das madrileñas, que mesmo se atreveron a tocar unha versión á guitarra e sintetizador de C. Tangana. Cariño foron exactamente o tipo de grupo que queres ver a esa hora nun festival.

Foto: Martín Gómez

A partires deste momento comezaron a ter máis presenza finalmente os artistas galegos. Dende Pontevedra, Igloo trouxeron ao escenario principal de O Son do Camiño o seu rock alternativo. Encantounos o uso de proxeccións da serie Twin Peaks durante algúns momentos do concerto aínda que en xeral daba a sensación de que o volume que había na zona do auditorio era quizáis excesivo.

A actuación da ourensá Marem Ladson levou ao Son do Camiño a mistura de rock, pop e folk que puidemos atopar no seu primeiro disco de estudio, cuxa xira está comezando a rematar, tal e como sinalou a propia artista. O Sol todavía estaba alto e a ladeira na que se sitúa o escenario Galicia animou a moita xente a ver sentados este concerto no que era máis importante escoitar que saltar ou bailar.

Foto: Martín Gómez

O turno agora era para Iván Ferreiro, que saiu ao escenario dicindo que hoxe ía “falar pouco e cantar máis”, parecía que non había tempo que perder. O público comezou a corear as primeiras cancións da tarde nun concerto no que Ferreiro estivo especialmente animado. O problema chegou nada máis comezaron a soar os primeiros segundos do seu éxito Turnedo, a banda tivo que parar de tocar, xa era a hora que estaba programada para a fin do concerto e a organización non lles deixou continuar para a decepción de boa parte do público. Unha sensación que se voltaría a repetir máis adiante esa mesma noite.

Foto: Martín Gómez

Solapándose co final de Iván Ferreiro comezaron a tocar Varry Brava no escenario Galicia co seu indie pop festeiro. O último momento de relax antes de que comezaran os platos fortes desta segunda xornada do festival. A primeira gran aglomeración do día chegou con Bloc Party. Abanda londinense de indie rock compañeira de xeración dos Arctic Monkeys e Franz Ferdinand dérase a coñecer no 2005 co seu debut Silent Alarm e dende entón nunca voltaron a acadar ese mesmo nivel, exceptuando quizáis seu segundo traballo.

Pero a banda chegou a O Son do Camiño lista para interpretar de maneira íntegra seu primeiro disco. Comezando polo final deste traballo, o concerto foi gañando ritmo pouco a pouco ata chegar ao clímax da actuación con Hellicopter. Todavía quedaba tempo para un par de cancións máis e unha vez rematado o set do Silent Alarm os londinenses pecharon o concerto con varias outras cancións da súa primeira etapa e o single Ratchet que engadiu un chisco de funk ao tradicional indie-rock da banda.

Foto: Martín Gómez

A expectación por Rosalía fixo que moita xente quedara xa nese mesmo escenario para ir collendo sitio. A cantante catalana a día de hoxe é xa un nome xigante, saltando de maneira repentina de aparecer en letra pequena nos festivais a ser unha cabeza de cartaz indiscutible tralo éxito da publicación de El mal querer. Se o día anterior parecía que había moito público, na segunda xornada, a partires deste momento as aglomeracións foron aínda maiores. A espera facíase longa e o público comezou a cantar a Rianxeira para procurar que o tempo pasase máis rápido.

Finalmente Rosalía saíu ao escenario arrancando con Pienso en tu mirá, unha das cancións máis famosas do seu segundo disco. O impacto que está a ter Rosalía quedou patente ao escoitar a todos os asistentes que enchían o auditorio do Monte do Gozo cantar as letras das súas cancións. O concerto estivo prácticamente centrado no seu novo disco e as cancións que foi publicando ao longo deste último período, tanto singles como colaboracións con outros artistas como James Blake ou J Balvin. A catalana mesmo se atreveu a interpretar algunas cancións e versións todavía inéditas.

O único oco que quedou para seu primeiro disco, o moito máis íntimo e acústico Los Ángeles, foi para unha interpretación a cappella de Catalina, que Rosalía cantou visiblemente emocionada e que supuxo un dos momentos máis sinceros e impactantes de todo o concerto. Tamén foi o momento no que comezou a chover. As nubes levaban ameazando dende horas antes e finalmente foi neste concerto no que descargaron as súas pingas. Dado o momento case parecía que o propio ceo estaba a chorar con esta versión de Catalina que tamén fixo caer algunhas bágoas pola cara da propia Rosalía. Mais a pesares da chuvia, que se prolongou un par de cancións, ninguén se moveu do escenario principal de O Son do Camiño ata o peche do concerto, que, como non podía ser doutra forma, foi co single Malamente.

Foto: Martín Gómez

De novo foron poucas as persoas que se moveron do seu sitio. Todavía faltaba no escenario Estrella Galicia a actuación dos Black Eyed Peas. O público tiña toda a predisposición a pasar un bo rato cargado de nostalxia da década pasada e non cabe dúbida de que así foi. Con todo, o concerto da banda de hip hop e rythm & blues, agora sen Fergie, resultou un pouco caótico.

Comezando máis tarde da hora prevista, o concerto sentiuse en todo momento máis como o show de will.i.am que o dunha banda completa. Funcionando como líder absoluto, o resto de membros tiveron por así decilo unha pequena cuota de protagonismo, mentres que todo o tramo central do concerto consistiu nun DJ set de will.i.am.

Soaron algúns dos principais éxitos da banda como Pump It ou Where Is the Love?  que foron coreados por todo o público. Con todo o retraso co que arrincou o concerto fixo que I Gotta Feeling, quizáis a canción máis coñecida dos Black Eyed Peas, comezase a soar cando xa pasaban 20 minutos da hora na que estaba previsto o concerto. Como se se tratase dun déjà vu do final da actuación de Iván Ferreiro, a organización mandou parar o concerto cando soamente soaran 30 segundos da canción.

Todavía quedaba algo de noite por diante coa actuación de Hard GZ, que despois de cambios de horario de última hora por parte da organización do festival quedara programada para as tres da mañá. O concerto do vigués foi todo un golpe de honestidade, vindo do son máis procesado e ensaiado dos Black Eyed Peas. A pesares da hora, o público viviu o concerto con entrega total. Os pogos máis grandes que se viron nesta edición de O Son do Camiño pecharon esta segunda xornada do festival.

Foto: Martín Gómez
Pódeche interesar...
Mark Lanegan, a afouteza dunha alma ferida envolta en seda negra