Olivia Rodrigo devólvenos á adolescencia con ‘SOUR’

Release Date
21 Maio, 2021
Discográfica
Geffen Records
Xénero
Pop Rock
Our Score
6.8

Sábeme mal comezar cada análise musical falando da pandemia. Pero é que os fluxos da industria dependen tanto de toda esta situación, que se me fai imposible facer un contexto honesto sen aludir á covid. Porque a covid parou o mundo, parou os concertos e incluso parou gran parte da distribución discográfica mainstream. E entrou TikTok no xogo coma o máis punteiro clarividente de éxitos musicais.

Fronte á predictibilidade das emisoras de radio e das plataformas de streaming á hora de axendar os postos máis altos das listas de éxitos -a man invisible das grandes multinacionais-, a certa aleatoriedade do algoritmo a rede social converteuse no árbitro supremo das tendencias musicais. E case da nada, dun día para outro, a túa canción pode estar soando en todo o mundo.

Así estoupou a popularidade de Olivia Rodrigo hai apenas catro meses, co lanzamento do seu sinxelo debut drivers license. Actriz Disney de 18 anos recentemente cumpridos, nunha etapa na que ser estrela da factoría xa non implica tanto coma hai unha ou dúas décadas. Arroupada por este éxito repentino, Rodrigo non se demorou moito en publicar o seu primeiro álbum de estudio: SOUR.

Cómpre sinalar que o bombazo de Olivia Rodrigo tamén se debeu, en parte, a un triángulo amoroso da farándula Disney. Valga a mención porque, se ben pouco nos interesan os chismes en Balea, este feito marcará en gran medida a narrativa do disco. Porque SOUR -“agrio”- supón un manifesto dunha pequena adulta descubrindo o desamor e o aciaga que pode ser a vida.

Raiba e tristeza, mais tamén entusiasmo e ata alegría, toman forma nun traballo que, aínda dentro da súa monotonía temática, escapa de facerse tedioso. A progresión entre os cortes formula un arco interesante, acotío en xogo antitético entre un tema e o seguinte: primeiro, a furiosa enerxía de brutal -declaración de intencións absoluta-; segundo, a balada pausada con toques de Billie Eilish que é traitor; terceiro, un salto cuantitativo en capas harmónicas cara á produción barroca drivers license. E etcétera.

E se 30 minutos de rupturas e celos adolescentes non se fan pesados, un certo talento hai. Porque, máis que constituír un chamado á xeración Z, SOUR chama á identificación interxeracional -quen de nós non pasou por situación idéntica ou moi semellante?-. E quizais por iso, entre o público de Olivia Rodrigo figuran máis rapazas de 20 e pico anos querendo ter 16 para chorar escoitando traitor, que adolescentes de 16.

Nada novo no horizonte

En SOUR non atopamos nada novo. Coma se metésemos nunha cocteleira todo o que se fixo na escena pop e rock mainstream nas últimas dúas décadas. Unha mestura entre balada e pop-punk que, se non rechama pola súa orixinalidade, si o fai pola súa compacticidade. Ao que cómpre engadir unhas dotes vogais que, sen dúbida algunha, están aí. enough for you é o exemplo óptimo; peza que por outra banda, e xunto con deja vu ou 1 step forward, 3 steps back, deixa a plena vista a capital influencia de Taylor Swift.

Pero, por suposto, hai fallos. SOUR vai perdendo paulatina forza a medida que se suceden os cortes. Xa no tramo final, happier, favourite crime e hope ur ok xa non son máis que baladas simplonas, que delatan un rango limitado de recursos creativos por parte de Rodrigo e o seu produtor Dan Nigro. Chegados a este punto, os comodíns para relanzar o interese na canción son: 1) meter arranxos de coros harmónicos, e mais 2) cuspir un par de versos acelerados na ponte.

Por sorte, a espectacular jealousy, jealousy -seguramente o punto álxido do disco xunto co absoluto himno pop que é deja vu– media para evitar que SOUR caia definitivamente no hastío. Unha liña de baixo ao estilo de Jack White sustenta unha canción cuxa maior arma é a contención. Un estoupido que o oído pide a berros mais que nunca chega de todo, contentando a pulsión cunha poderosísima instrumentación que abrangue ata reminiscencias do R&B.

SOUR supón un debut prometedor, mais non revelador. A Olivia Rodrigo lle queda aínda moito que amosar; moitos anos de carreira por diante que, se apuntan na dirección correcta, de seguro acadarán un son moito máis evolucionado e depurado. E aínda que, de momento, a súa irrupción no panorama musical non supón unha revolución ao nivel das que foran as de Lorde ou Taylor Swift, si achega unha frescura que adoito se bota en falta na escena mainstream. Olivia Rodrigo vén a encher un oco que non sabiamos que estaba aí.

6.8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.