Brais Nogueira

Ortiga: “Os xéneros non son machistas, son as persoas”

Detrás de Ortiga está Manuel González, ou Chicho, que en poucos anos leva moito dado do que falar na música galega. Primeiro con Boyanka Kostova, pioneiros do trap en galego, e pouco despois co dúo tropical Esteban & Manuel. Con Boyanka aínda dando moita leña, chega o seu novo proxecto, Ortiga, unha mestura de verbena e ritmos tropicais con son MIDI e autotune.

Tras darse a coñecer sorprendendo no circuíto de festivais o pasado verán, Ortiga cumpriu todas as nosas expectativas co seu álbum debut, Chicho & Sus Chichas. Falamos con el do disco e de todos os seus proxectos, pero tamén do reggaeton, dos límites de tomarse a un mesmo demasiado en serio e da idiosincrasia da música galega.

A vida dun chaval de Fontiñas segue igual cando che escoitan 15 mil persoas en Spotify ao mes?

Si ho, cero cambios. Sigo pechado en casa de domingo a xoves e metido nun coche de venres a domingo, así que tampouco hai un cambio tan grande desde os catro anos que levo facendo o mesmo. A peña si escoita máis os meus temas, pero o único cambio é que me saen máis bolos.

Que hai de Esteban & Manuel en Ortiga?

Manuel. Son conceptos que foron contemporáneos, porque cando estabamos rematando con Esteban & Manuel xa tiña algunhas cousas feitas con Ortiga. Como o que canta, o que produce as bases, o que pensa os tema e os canaliza, é a mesma persoa, hai moito. Antes era eu con outro rapaz, e agora son eu só.

E de Boyanka Kostova?

Pois o chaval que produce as bases. En Ortiga, a letra de Pistolera é do meu compañeiro de Boyanka [Cibrán] porque el é un letrista moi bo e ademais non lle custa traballo. É o meu colega e teño que aproveitarme del. Pero sobre todo o que hai de Boyanka Kostova é a experiencia de levar varios anos tocando por sitios.

E que hai de novo en Ortiga respecto a todo o que fixeches anteriormente?

Son eu só, polo que é un rollo máis concreto a nivel temático; se estou só teño que contar a miña vida. Boyanka Kostova ten un compoñente “xoglaresco” pola forma de ser do meu colega, pero mólame poder contar a miña vida con Ortiga. Tamén teño todo o tempo do mundo para darlle as voltas que eu quero ás cousas. Está guai non estar atado a nada e poder ser libre artisticamente. Depender da xente artisticamente mola un montón, pero apetéceme tamén facer o que queira un pouco.

Chico & Sus Chichas e Nova Canción Galega saíron con moi pouco tempo de diferenza, os dous proxectos se solaparon dalgunha forma?

Problemas nunca. Realmente Chicho & Sus Chichas fíxeno desde finais do 2018 ata que saíu. Nova Canción Galega xa o tiñamos gravado a mediados dese ano, pero por distintos temas loxístico-burocráticos acabaron saíndo a unha. Non considero que se toquen, porque cando non comezara Ortiga, o disco de Boyanka Kostova xa estaba acabado. Eu entendo que para o público vaia unido, pero para nós xa é vello. O que os une é que estou eu nos dous lados.

Brais Nogueira

En Balea gústanos moito referirnos á túa música como unha “marca xeracional”: plasmas o amor da mocidade actual galega pola música de verbena, pero tamén consegues enganchar á xente moito máis maior, porque eles tamén ían ás verbenas da vila.

Eu fago o que me gusta, tampouco lle dou voltas. Pero si desfruto de que sexa algo que abarque o maior número de xente posible. Un grupo de punk que caga no chan nos concertos, non lle pode dicir ás súas avoas que vaian velos. A min mólame que poida chegar a todo o mundo, gústame gustarlle tanto a peña maior como pequena, porque ao fin e ao cabo é música.

Os teus concertos son algo máis que puro orquestreo para os que non lle gustan as orquestras?

Eu quero pensar que si, pero tampouco son eu quen o ten que dicir. Eu creo que a posta en escena non é un orquestreo puro e duro, porque son eu só en chándal movéndome como boamente poido e berreando polo micro. Igual tería máis que ver esteticamente cun rapeiro. Pero claro, todo o que está soando, e un pouco a idiosincrasia do show, si que é orquestra pura e dura. Tamén mola xogar co rollo de que a xente se pregunte se o que estou facendo é de verdade ou non é de verdade.

Tes declarado que te sentes máis cómodo no trap ou no indie que no estilo latino. Porén as bases das túas cancións beben sobre todo do mambo e do merengue. Por que saír desta zona de confort?

Porque eu estou en casa e digo “Elvis Crespo, o puto amo”, ou “como me flipa Bad Bunny”. Son unha persoa moi simple e primaria, e todas esas ralladas típicas dos músicos non as teño. Eu chego e digo “bachata e trap”, e xa está, non me como moito a olla.

A Carmona [Hoy Empieza Todo, Radio 3] dixécheslle que os Ramones e Anuel son o mesmo.

Non son o mesmo pero ao mesmo tempo si o son. Díxenllo nun contexto de crítica a eses rockeros e indies que a tomaron co reggaeton e cos ritmos latinos. A min paréceme un pouco racista e de olvidarse de onde vimos todos. Aparte iso de que o reggaeton é puro machismo é unha mentira. Os xéneros non son machistas, son as persoas. Dicir “ponme el culo en la cara” non me parece machista, pero a apoloxía a follarse a menores de idade dos Beatles si me parece chungo. Un sudamericano tatuado de arriba a abaixo facendo movementos de pelve obscenos é menos machista que un europeo con gafas que parece listísimo.

Todo ese discurso de odio radical musical faime gracia porque os Ramones empregaban baterías que pode tocar un “subnormalito”, harmonías que pode tocar un “subnormalito”, onomatopeas nos retrousos… E Anuel é o mesmo: ritmos para tontos, harmonías para tontos… Ese rollo de crispar todos os discursos paréceme unha merda. A min mólame Sepultura, Quim barreiros… E iso non é incompatible con que me guste KAROL G.  

Pensas que se están disipando as connotacións negativas do reggaeton, a cumbia e todos os estilos tropicais?

Molaríame dicir que si, pero seguramente non. E iso contrasta con como se está movendo a industria musical a día de hoxe. Nos Grammys xa só compiten reggaetoneros. As únicas persoas que cando sacan temas teñen a todo o mundo en vilo son xente como Bad Bunny e J Balvin. Bad Bunny comezou a facer música a nivel semi-profesional case ao mesmo tempo ca min, en 2016 ou 2017, e cantas cancións sacou desde entón? Estivo pechado en casa coma ninguén. Quen currou tanto ultimamente coma Bad Bunny? Nin un indie, nin un rockero, nin hostias. É normal que sexa a persoa máis escoitada do mundo porque é a persoa que máis currou no mundo.

Cal é o valor musical do autotune?

Que a peña coma min que non sabe cantar e lle mola, que pode cantar. Eu vivo do autotune, son cantante porque podo cantar con autotune. É unha democratización do canto. Xente que canta ben hai moita, pero na súa casa. A música é un rollo de “ou molas ou non molas”. As letras fágoas eu e o autotune afínamas. Á peña que lle escoce é porque ou non o probou ou porque non lle mola, así que o seu valor artístico é crispar á peña que ten que ser crispada e safarlle o cu a quen llo ten que safar. Ademais creo que soo gracioso.

Brais Nogueira

Cal é a túa fronteira entre o humor e o tomarse en serio?

Toda. Non se pode estar serio sempre, pero tampouco pode ser todo unha coña. Sempre hai unha áurea máis interesante de misterio cando a xente che escoita e se pregunta: “Será que lle faltan 15 minutos ou ten as movidas claras?”.

Toda a música de Boyanka Kostova está en galego, pero en Chicho & Sus Chichas só en Acostumbrao cantas en lingua galega. Por que?

Porque son un chaval de Galicia, Galicia ten dous idiomas e eu fago temas en castelán porque tamén me dirixo a peña en castelán, non só en galego. Eu son galegofalante pero tamén levo falando castelán toda a vida. Na idiosincrasia de Ortiga pégame máis o castelán polos temas que trato, as persoas ás que se dirixe, as bromas que fago… En Boyanka Kostova é máis difícil porque como eu falo en galego con Cibrán non ten sentido facelo noutro idioma. O tema idiomático non debería ser importante, nin por exceso nin por defecto. Como dicía antes, eu son un tipo simple. Non estou en casa e penso “van oito temas en castelán e un en galego”, nin tampouco que co castelán podo acceder a máis listas de reprodución.

Louvaches en entrevistas anteriores ao movemento musical galego, que é o que che parece tan interesante da nosa música?

Que nos dá igual o que pensen os demais. Os grupo españois están moito máis atados ao que dirán, teñen moita máis merda na cabeza, e aquí somos máis puros. O Portughés, por exemplo, é un pavo que non se anda con merdas. Non é o mesmo que un grupo dunha gran cidade que a súa única inquedanza é saír de festa. Polo noso illamento temos outros rollos que non teñen por aí adiante. Ao non poder saír de casa polo tempo, hai unha cantidade de frikazos que é a hostia. Super-frikis de produción igual hai tantos en Madrid como en Santiago. E a min mólanme máis os de Santiago porque o que lles mola é a tortilla e o raxo.

Tamén dixeches que a nosa música está illada, pero temos casos como a exportación de Novedades Carminha ou, máis recentemente, á túa. Pódeste ir de Galicia sen perder a esencia?

Non o sei, porque non me fun, pero supoño que si. Para min é máis música galega Novedades Carminha que moitos outros de aquí, pola defensa dos pensamentos. Se eles poden, por que non podemos os demais? O noso illamento xeográfico acaba causando un illamento mental que creo que nos beneficia. Somos peña que non se anda con merdas, e cando unha banda galega funciona, funciona moito mellor que as demais, ou esa é a miña opinión.

Brais Nogueira

Banana Bahía e Royce Rolo foron pioneiros no trap en España, e ti tamén o fuches, primeiro con Boyanka Kostova e logo con Ortiga. É a música galega pioneira?

Sempre o foi, Os Suaves foron pioneiros tamén. Somos pioneiros porque temos moito tempo libre e podemos estar en casa ensaiando. Todos os músicos galegos que coñezo que fan iso, pecharse en casa a gravar temas, e o resto do tempo tocando por aí adiante. Somos moi traballadores, como todo na vida, e a música vai directamente proporcional ao traballo que fas.

Na nosa cidade, La Melona axudou moito a promover a cultura musical. Formaches parte activa do colectivo, pero co último traballo de Boyanka e agora con Ortiga, desvinculácheste. Que pasou?

Eles son unha xente que fan as cousas por hobby e chegou un punto no que quixemos traballar en serio nos nosos proxectos musicais. Eles simplemente queren xuntarse polas tardes para revitalizar a escena cultural de Santiago, pero eu non quero revitalizar escena ningunha. Quero vivir do meu traballo e facer as cousas dunha forma eficaz e profesional.

É verdade que deches máis de 350 concertos o ano pasado?

Non ho! Debo de levar agora case 300 concertos desde 2017. O ano que máis din foron 101 bolos no 2018. Que realmente é unha burrada, debo de ser da peña da miña idade que máis bolos deu en Galicia. Porque que vou facer, estar en casa dicindo que vou revitalizar a escena cultural de Santiago? Terei que revitalizala en Murcia tamén, porque nas portas dos bares non se revitaliza nada, revitalízase nos escenarios.

Ti sempre fuches moi natural no escenario. Despois de xirar tanto e de repetir tanto as mesmas cancións, un non se cansa e perde a naturalidade e as ganas de facer o pallaso?

Espero que non. Por exemplo, Colacao [de Boyanka Kostova] non a ensaiamos, pero tocala, hai que tocala. A música non son só notas, o público tamén forma parte activa. A peña responde aos temas aínda que pasasen tres anos, así que hai que seguir tocándoos. Non porque é o que quere a xente, pero eu vou querer tocar unha canción na que sei que se vai caer a casa.

Aparte de seguir rebéntandoo en todos os festivais, que lle depara a Ortiga o futuro?

Moito coche, moita habitación, e pouco máis. Tocar, facer temas, e o que xorda. Non teño ningún plan, non vou ir á lúa. Vou seguir co que levo facendo tres anos.

Pódeche interesar...
Dúas curtametraxes en galego son nomeadas aos Premios Fugaz