Os 20 discos que máis agardamos de 2020

O mundo non se para por ningún momento e mentres todavía estamos escoitando a nosa música favorita do ano pasado xa comezan a chegar os primeiros discos de 2020, o cal promete traer consigo novas cancións dalgúns dos artistas máis importantes a día de hoxe tanto a nivel internacional como en Galicia.

21/02/2020

Miss Anthropocene

Grimes

Grimes xa se colara na nosa lista dos discos máis esperados do ano pasado, porén o lanzamento do quinto disco da canadiense fíxose de rogar. Pero desta volta xa hai data e sabemos que o novo traballo de Claire Boucher se chamará Miss Anthropocene e promete chegar cargado de sintetizadores espaciais e voces etéreas, mais desta vez cun tono máis escuro que en álbumes anteriores.

14/02/2020

The Slow Rush

Tame Impala

O cuarto disco de Tame Impala verá a luz o próximo día de San Valentín. Os catro adiantos publicados ata a data auguran outro traballo que bebe da psicodelia dos 70, quizais máis que nunca na carreira de Kevin Parker. Tras tres álbums excelentes que deixaron o listón cada vez máis alto, The Slow Rush ten por diante a difícil tarefa de repetir o éxito de crítica e público do seu predecesor, Currents (2016).

Título por confirmar

Kendrick Lamar

Kendrick Lamar é sen lugar a dúbidas un dos artistas máis importantes e influíntes a día de hoxe. Discos como To Pimp a Butterfly ou Damn. son a mellor proba disto. Non hai indicios indiscutiblemente claros de que o norteamericano vaia lanzar un novo disco en 2020, pero xa van preto de tres anos dende a publicación do seu último traballo e o anuncio dunha nova xira dá moitas esperanzas.

Run the Jewels IV

Run the Jewels

A pesares de que todavía no haxa ningunha data confirmada, xa sabemos que este ano poderemos escoitar un novo disco do dúo formado por El-P e Killer Mike, Run the Jewels, que xa conta con outros tres traballos as súas espaldas con algúns dos momentos máis destacables que deixou o rap ao longo dos últimos anos.

17/01/2020

There Is No Year

Algiers

A música de Algiers non é sinxela de describir. A súa proposta sonora atópase a medio camiño entre o post-punk e o soul, tal e como xa amosaron no seu debut homónimo e no memorable The Underside of Power que lanzaron en 2017. Dentro duns días poderemos comprobar se a música de Algiers continuará a sorprendernos.

Título por confirmar

Bala

Despois de darse a coñecer con Human Flesh e dun fantástico e enérxico segundo disco como foi Lume, as ganas de escoitar nova música de Bala están polas nubes. Ademáis, desta volta V e Anx non estarán soas, xa que contarán con colaboracións como as de Najwa Nimri e a baixista Bonnie Buitrago.

14/02/2020

What’s Tonight to Eternity

Cindy Lee

What’s Tonight to Eternity é o disco polo que están esperando os amantes do lo-fi neste ano 2020. Despois de catro discos onde o ruido e as producións coidadamente descoidadas luciron por enriba de todo, Cindy Lee estará de volta no mes de febreiro cun novo LP que promete ser toda unha experiencia sonora.

Título por confirmar

Frank Ocean

Despois de que vise a luz o estelar Blonde (2016), pouco soubemos do que estaba a argallar Frank Ocean, quen desaparecera da esfera pública tras publicar uns cantos singles en 2017. Ata finais do ano pasado, cando anunciou que estaba a preparar o seu cuarto álbum. Os dous adiantos do misterioso novo disco anuncian un abandono do R&B, achegándose ao rap e ao trap como nunca antes fixera.

21/02/2019

We Love To Look At The Carnage

Wrekmeister Harmonies

De We Love To Look At The Carnage xa puidemos escoitar a canción Coyotes of Central Park, un corte pausado e reflexivo que se move polos espazos característicos do post-rock de Wrekmeister Harmonies. Porén trátase da pista máis breve de todo o traballo, que terá cabida para varias composicións de máis de dez minutos que prometen explorar espazos sonoros fascinantes.

Título por confirmar

Fiona Apple

Cando Fiona Apple publicou The Idler Wheel… (2012), rematou de desprenderse da imaxe de cantante pop adolescente que a acompañara desde os seus inicios na industria. O disco, encapsulado entre innumerables referencias ao jazz e melodías de instrumentos serpenteantes, revolucionou como unha tempestade o panorama musical. Tras unha espera de oito anos, Apple anunciou o ano pasado que o seu quinto álbum vería a luz a principios de 2020. De momento nada sabemos sobre o que escoitaremos este ano, máis aló de que xa a comezos de 2019 atopábase gravando o novo material.  

Factory Baby

Noname

Noname conseguiu namorar á crítica especializada coa súa mixtape Telefone (2016) e seu LP debut Room 25 (2018) onde mesturaba o hip-hop co jazz e o soul cunha grande mestría. Dous anos despois, cada vez queda menos para poder escoitar un segundo LP que sairá publicado baixo o título Factory Baby.

Título por confirmar

Rihanna

Desde a publicación de Anti (2016), levamos catro anos sen escoitar nada de Rihanna, máis aló da constante anticipación do que será o seu noveno álbum de estudio, coñecido comunmente como R9. Pero por fin parece que R9 está rematado por fin, e que poderemos escoitar este 2020 un disco que, segundo a propia Rihanna anticipou, beberá máis do reggae e do dancehall que do pop.

Título por confirmar

Triángulo de Amor Bizarro

Triángulo de Amor Bizarro son unha das mellores bandas de rock de Galicia de de todo o Estado, polo que o anuncio dun novo traballo da agrupación coruñesa é unha noticia que non podía pasar desapercibida neste ano no que se cumpre unha década do lanzamento de Año Santo.

Título por confirmar

Angel Olsen

A intención de Angel Olsen sempre fóra sacar simultaneamente as dúas versións gravadas do material de All Mirrors (2019) -ao que en Balea nomeamos segundo mellor disco do ano pasado-. Pero deuse de conta de que os espectaculares esforzos sinfónicos de All Mirrors merecían atención con calidade única, polo que poderemos ver este ano o seu álter ego: unha volta ao folk rock primixenio de Olsen. Expectantes estamos por escoitar versións alternas de pezas como Lark ou New Love Cassette, e observar se conseguen manter a espectacularidade que nos deslumbrou o pasado outono.

White Hot Forever

Lana del Rey

Tras a publicación de Norman Fucking Rockwell! (2019), Lana Del Rey tardou apenas dous meses en anunciar que xa estaba preparando o seu novo álbum, do que xa tiña parte do material gravado e esperaba que vira a luz en outono de 2020. Do que non cabe dúbida é que deixou as expectativas moi altas con NFR!, o mellor traballo da súa carreira. Pero Del Rey está imparable: o mes que vén publicará Violet Bent Backwards Over the Grass, un álbum de poesía propia recitada

Título por confirmar

The Strokes

Case dúas décadas van desde que The Strokes marcaran un antes e un despois no garage rock revival co seu icónico álbum debut, Is This It (2001). Desde aquela, a banda non conseguiu repetir o éxito de crítica. Julian Casablancas confirmou os rumores sobre un sexto LP a pasada Noitevella. Só nos queda esperar que The Strokes consigan recuperar a frescura que os levou á primeira liña do rock internacional.

Título por confirmar

The xx

The xx deron a benvida ao 2020 o pasado 1 de xaneiro cunha publicación de instagram na que anunciaban que a banda estivo traballando en nova música e que non podían esperar a poder compartila. Este novo álbum sería xa o cuarto disco de The xx, tras a publicación de I See You en 2017.

I

Arrhythmia

Os lucenses Arrhythmia lanzarán na primavera deste ano I, seu terceiro LP, que lograron sacar adiante grazas a unha campaña de micromecenado online. Desta volta a banda aspira a lograr un son de maior calidade no que tratarán de plasmar a súa proposta musical máis auténtica e definida.

Título por confirmar

Haru Nemuri

A mistura dun colorido j-pop, noise rock e rap que Haru Nemuri foi capaz de desenvolver no seu fantástico disco de debut, 春と修羅, puxo á xaponesa no mapa como unha gran promesa musical. Este ano poderemos escoitar as súas novas composición, que con sorte estarán tan cheas de vida como no seu impactante primeiro traballo.

Título por confirmar

Cardi B

Invasion of Privacy (2018) foi un auténtico bombazo que a levou á primeira liña do pop rap. Pero pouco sabemos aínda do seu sophomore album; incluso o que pensamos que ía ser o seu título, Tiger Woods, era simplemente unha broma para rirse dos seus haters. Polo momento, Cardi B asegurou que todos os seus esforzos están centrados neste novo disco.

Pódeche interesar...
‘O veciño’, superheroes de Malasaña