Os Foo Fighters póñense nostálxicos en ‘Medicine at Midnight’

Release Date
5 Febreiro, 2021
Xénero
Rock
Discográfica
RCA
Our Score
5.8

A estética dos anos 80 estivo especialmente de moda durante a última década. Dentro do audiovisual foron innumerables as series e películas ambientadas nesta década, dende ‘Stranger Things’ ata filmes de superheroes como ‘Wonder Woman’. Na música, máis do mesmo, o synth-pop dos 80 voltou con enorme forza, e bandas como Paramore tamén revisitaron estilos característicos desta década como o new-wave para darlle un novo impulso ao seu son.

Pero se houbo un xénero musical dos 80 que ninguén quixo recuperar, ese foi o rock de estadio. Ata agora. O último disco dos Foo Fighters chegou cargado con nove cancións que se sumerxen por completo neste son, dando como resultado cortes que a pesar de ser recén estreados non se atoparían fora de lugar nunha emisión de media tarde en Rock FM.
Porén, este ‘Medicine at Midnight’ é un disco máis difícil de criticar do que podería parecer, xa que dentro da discografía da banda liderada por Dave Grohl, supón un pequeno sopro de aire fresco, ao traer novidades no seu son primeira vez, despois de dous discos demasiado continuístas, como ‘Sonic Highways’ (2014) e ‘Concrete and Gold’ (2017).

Un dos maiores acertos deste novo álbum é a súa produción. ‘Medicine at Midnight’ soa orgánico e analóxico en todo momento, ao mesmo tempo que cada pequeno detalle está perfectamente controlado e coidado, contando ademáis cunha paleta sonora máis ampla que a que acostumaba a caracterizar ao son dos Foo Fighters, unha tendencia que xa se viña dando dende os dous anteriores traballos.

‘Making a Fire’ comeza cuns coros femininos (cantados pola filla de Dave Grohl) que se abren paso entre os riffs de guitarra, trátase dunha pista divertida e frenética, unha tendencia que continúa en ‘Cloudspotter’, cunha guitarra que soa todavía máis a rock clásico, alonxándose do estilo alternativo da banda dende os anos 90. En ‘No Son of Mine’, os Foo Fighters achéganse a un son máis próximo ao metal, con certos aires a Motörhead, pero sen chegar a ter a pegada que tiña a banda de Lemmy Kilmister ou os propios Foo Fighters nos seus comezos.

Sorprendentemente, os mellores momentos deste disco son aqueles que soan, por así decilo, menos rock. Antes do lanzamento de ‘Medicine at Midnight’, Dave Grohl asegurou en varias entrevistas que unha das infuelncias deste álbum era o ‘Let’s Dance’ de David Bowie, e aqueles temas que máis beben deste son son algúns dos que máis destacan no tracklist.

Cancións como a que da título a este traballo ou ‘Shame Shame’, deixan de lado as guitarras para dar un maior protagonismo á voz e sobre todo á percusión, que soa como nunca ata o de agora nun disco dos Foo Fighters. Por outra banda, o son máis acústico de ‘Waiting on a War’ trae consigo un dos momentos de máis carga emocional do traballo, que ademáis estoupa nun clímax especialmente enérxico, probablemente o mellor momento de todo o álbum.

En xeral, ’Medicine at Midnight’ soa demasiado a banda tributo para ser un disco composto por novas cancións completamente orixinais. Hai unha compoñente rancia que ata o de agora non chegaramos a escoitar nun disco dos Foo Fighters, porén, as interpretacións de Dave Grohl, a coidada produción, e un tracklist sen descansos nen baixóns claros como ocorría cos dous anteriores discos da banda salvan a este álbum.

5.8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.