Sabela estrea un adianto do seu primeiro disco

A cantante galega Sabela Romil deuse a coñecer hai un ano no programa Operación Triunfo, onde logrou chegar ata a final cantando cancións en galego como unha versión entre o tango e o fado do poema Negro Caravel de Rosalía de Castro, composta por Rosa Cedrón, quen foi a súa profesora de canto, e Cristina Pato, ou Benditas Feridas, tamén de Rosa Cedrón.

Unha vez rematado seu paso polo programa Sabela non se fixo demorar, e xa anunciou seu primeiro disco, titulado Despedida, que será publicado o 29 de novembro, cunha mensaxe nas súas redes na que se podía ler “Tiven que pechar para abrir. Tiven que despedirme e despedirme para dar a benvida a este marabilloso novo camiño”.

Un camiño que comezou hoxe, coa estra do primeiro adianto deste novo álbum, a canción que lle da título ao traballo. Sabela optou de novo polo galego para lanzar a súa carreira musical con esta breve introducción a seu disco que en pouco máis de dous minutos ten moito que dicir, cunha proposta musical moito máis atrevida e diferenciada do que se puido escoitar ata o de agora entre os artistas que pasaron polas últimas edicións de Operación Triunfo, marcada polos sons instrospectivos e melancólicos acompañados por guitarras etéreas que lembran a bandas como Daughter ou mesmo Slowdive no tramo final da canción.

Pódeche interesar...
Godspeed You! Black Emperor a 24 fotogramas por segundo