Shame perfeccionan o seu post-punk en ‘Drunk Tank Pink’

Release Date
15 Xaneiro, 2021
Xénero
Post-Punk
Discográfica
Dead Oceans
Our Score
8.4

Un día coma hoxe en 2018 publicabamos a crítica de ‘Songs of Praise’, o primeiro disco da banda británica Shame, e un dos primeiros traballos musicais que destacamos dende Balea. Tres anos despois, o mundo é un lugar completamente diferente, pero se hai algo que segue igual, é a capacidade da banda liderada por Charlie Steen de dar nova vida ao xénero do post-punk da mesma maneira que están a facer outros artistas británicos como Idles ou Fontaines D.C. nos últimos anos.

Shame apareceron da nada en 2018 cunha colección de 10 cancións debaixo do brazo cargadas de enerxía, boas melodías e unha actitude cada vez menos frecuente no rock británico, tres elementos que impulsaron o seu debut e que tamén están presentes en ‘Drunk Tank Pink’, seu segundo traballo recén publicado.

Sen momentos tan accesibles na primeira escoita como as cancións ‘Concrete, ‘One Rizla’ ou ‘Concrete’ do primeiro disco da banda, que mesmo se achegaban aos sons do primeiro britpop de bandas como os Stone Roses, ‘Drunk Tank Pink’ continúa o camiño aberto no debut de Shame cunha produción moito máis densa, ritmos máis elaborados e un volume todavía máis alto.

‘Alphabet’ abre o disco cun estilo continuista, podería tratarse perfectamente dunha das pistas que conformaban o primeiro lanzamento de Shame, con todo o bo que iso pode supoñer. Pero é en ‘Nigel Hitter’ onde os británicos comezan a explorar novas ideas, guitarras, baixo e batería móvense de forma errática pero perfectamente calculada esculpindo unha instrumentación complexa que serve de base para a voz de Charlie Steen, tan carismática coma sempre.

Resulta evidente a man do produtor James Ford, colaborador habitual de bandas como os Arctic Monkeys, á hora de dar forma ao son que caracteriza este disco. Se no primeiro disco de Shame eran os ecos e a reverberación das guitarras as que dotaban de densidade o son da banda, neste disco cada instrumento fai uso de timbres moito máis secos, e son todas as pistas que conforman estas cancións, coidadamente misturadas as que aportan esta complexidade que diferencia a ‘Drunk Tank Pink’ doutros discos de post-punk onde a produción habitualmente se atopa descoidada.

‘Born In Luton’ conta con todos os elementos que dan personalidade a este traballo. A frenética percusión entrelazada coas caóticas guitarras e mesmo pequenos elementos electrónicos que conforman as súas estrofas, seguidas de marcados cambios de ritmos que rachan con todo o anterior, engadindo dramatismo e mesmo enerxía, cun crescendo final onde a instrumentación non deixa de crecer ata asolagar no seu muro sonoro a voz de Charlie Steen.

Se en ‘Songs of Praise atopabamos cancións de forma máis libre e con maior peso lírico no tramo central do disco, como era o caso de ‘The Lick’, aquí acontece o mesmo con ‘Snow Day’. Con todo trátase de pistas completamente diferentes. Cun ritmo acelerado e unhas guitarras tan minimalistas como melancólicas, Charlie Steen canta en primeira persoa unha das súas mellores letras como nunca o fixera ata o de agora, amosando unha cara moito máis adulta desta banda. Mentres tanto a instrumentación non deixa de transformarse en todo momento, tomando por momentos aires de math-rock, e desmbocando nun climax que supón un dos momentos máis fascinantes na discografía da banda.

No tramo final do disco, volve a aparecer a cara máis punk de Shame. ‘Great Dog’ arranca a toda velocidade, cunha interpretación vocal teatral que lembra por momentos ás de Joe Talbot. ‘Harsh Degrees’ mantén a enerxía e engade á mistura numerosas disonancias que fan desta pista unha escoita todavía máis frenética e desconcertante.

‘Drunk Tank Pink’ pecha con ‘Station Wagon’, outra pista que, de forma similar a ‘Snow Day’, explora sons máis ambientais e engade instrumentos novos como o piano nunha coda que non deixa de gañar intensidade, mentres Steen deixa de cantar para recitar, e finalmente gritar, as súas letras sobre o paso do tempo, con referencias a figuras sobre James Dean. Se xa o primeiro disco da banda británica chamara a atención, este novo traballo non é máis que a confirmación do seu talento.

8.4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.