Sharon Van Etten – Remind Me Tomorrow

Fecha de lanzamiento
1 enero, 2019
Discográfica
Jagjaguwar
Xénero
Pop
A nosa puntuación
8.5

Hai discos dos que resulta máis difícil falar que doutros. No caso do último traballo da cantante e compositora norteamericana Sharon Van Etten, ao rematar de escoitar as dez cancións que compoñen este Remind Me Tomorrow non sobran as palabras. E non porque este disco resulte especialmente complexo ou estrano. Case máis ben todo o contrario. Se resulta difícil falar deste disco é porque todo soa exactamente como debería soar. Dende as interpretacións, ata a produción pasando pola composición, todo neste disco soa coidado ao milímetro, funcionando á perfección, como se se tratase do mecanismo dun reloxo suizo.

Dende os primeiros momentos de I Told You Everything, o piano melancólico e a voz de Sharon Van Etten marcan o tono que seguirá o resto do disco, se ben as revolucións non tardan en subir un pouco en No One’s Easy to Love, onde tamén se atopa unha maior sensibilidade pop na estrutura e nas melodías. Por outra banda, o son misterioso de Memorial Day lémbranos de que a norteamericana estivo entre a lista de artistas que pasaron polo escenario da Roadhouse de Twin Peaks durante a terceira tempada da serie de David Lynch. Esta canción ben podería ter soado en calquera episodio desta serie.

Poderíase seguir repasando cada canción deste Remind Me Tomorrow xa que todas resultan memorables, cunha produción densa mais nunca sobrecargada, instrumentacións nas que os sintetizadores conviven coas guitarras, e especialmente cunhas letras que xiran entorno á nostalxia cara os momentos da xuventude que resultan completamente sinceras e emocionais grazas as interpretacións de Sharon Van Etten.

Todos estes ingredientes xúntanse na canción Seventeen. Quizáis a mellor pista de todo o disco, na que o ritmo e a enerxía da base musical serven como acompañamento para a voz da norteamericana, que desta volta canta sobre a cidade de Nova York, reflexionando sobre o seu pasado, á idade de dezasete anos, ofrecendo unha perspectiva sobre as tribulacións da vida, e como a xente pode medrar, cambiar e, finalmente, atopar o seu lugar no mundo. O momento no que Sharon canta a frase “I know that you’re gonna be” aos tres minutos da pista, deixándo toda a súa voz nestas palabras, é quizáis un dos instantes musicais máis emocionantes do que vai de ano.

Remind Me Tomorrow é un disco de pop que fuxe do convencional, do banal, do retro e das modas do momento. Sen dúbida presenta un son máis enérxico que o dos comezos máis acústicos da artista. Dende o comezo ata o final deste disco podemos atopar nostalxia, emoción, tristeza e tamén moita beleza, como a que aportan as melodías e os instrumentos nos momentos fiinais de Stay. Trátase sen lugar a dúbidas un firme candidato ao mellor disco do ano, que chegou xa as poucas semanas de comezar este 2019.

8.5
Pódeche interesar...
O FIV desvela as datas da súa edición de 2020