Tame Impala pisa o freo en ‘The Slow Rush’

Release Date
14 Febreiro, 2020
Discográfica
Universal Music Australia
Xénero
Pop Psicodélico
Our Score
6.5

Tame Impala é fascinante. Mellor dito, Kevin Parker é fascinante, porque o resto de integrantes da banda só son figurantes colocados na segunda liña dos escenarios para interpretar todo o que Kevin Parker compuxo, gravou e arranxou. Todo aquel que chegara nalgún momento á súa música -xa sexa desde a viaxe psicotrópica de InnerSpeaker (2010), a psicodelia pop de Lonerism (2012) ou o dance pegadizo de Currents (2015)-, moi probablemente quedaría mergullado na mesma, e de seguro atoparíase volvendo constantemente a ela e sorprendéndose unha e outra vez pola súa capacidade de engaiolar un inmenso mundo interior na súa multiplicidade de melodías e sons.

Sen lugar a dúbidas, The Slow Rush era un dos discos máis esperados este ano. Case cinco anos pasaron desde que Tame Impala dera o salto definitivo á primeira liña do panorama musical con Currents, e a expectación por escoitar aquilo que lle estaba levando tanto tempo rematar era máxima. De feito, Parker previu que o seu cuarto álbum de estudo vise a luz en abril do ano pasado -xusto antes da súa actuación no Coachella como cabeza de cartel-, pero decidiu postergar a publicación para mellorar o disco.

En marzo de 2019 saíu o primeiro adianto, Patience, e deixou fríos aos oídos ávidos do novo de Tame Impala; o single non conseguiu chegar ao tracklist de The Slow Rush. Despois viñeron Borderline, It Might Be Time, Posthumous Forgiveness e Lost In Yesterday, con máis ou menos favorables comentarios e críticas, pero o desencanto era case consensuado: non eran malos cortes, nin moito menos; a produción artesanal de Parker era brillante, se cadra máis madura que nunca, pero faltaba algo. Quizais ese “efecto Tame Impala”, de harmonías penetrantes e inmersivas que unha vez aterran na túa cabeza, fican no subconsciente e non marchan nunca.

O 14 de febreiro, The Slow Rush viu a luz e confirmou o que auguraban as nosas sensacións sobre os adiantos. Non hai picos de adrenalina perfectamente milimetrados (soamente e a ratos en It Might Be Time), aquilo que fixo triunfar os seus traballos anteriores. En troques, case unha hora de suave psicodelia armada a través de centos de sons de cordas e sintetizadores, imbricados e arranxados á perfección. Pero non hai chispa. Aínda que siga a estela pop tan accesible de Currents, a viaxe faise tediosa e soporífera.

The Slow Rush é practicamente monotemático, o fío condutor é único: o paso do tempo, a transición da xuventude á madurez. Atrás quedou aquel Kevin Parker pechado en si mesmo, centrado en retratar a súa mente como unha cápsula introspectiva que fluía só dentro da súa cabeza. Agora ábrese, emprega en primeira persoa de plural, ve un futuro en familia e incluso mira cara atrás no tempo para falar co seu defunto pai -en Posthumous Forgiveness, quizais o mellor corte do disco-. Incluso desprende unha aura de carpe diem por momentos (“Why don’t we just say one more year? / Not worryin’ if I get the right amount of sleep”, canta en One More Year, a pista que abre o disco). Pero a sensación desfigúrase a medida que pasan os minutos, e xa pasado o ecuador do álbum, o oído canso, algo abrumado, pide que esa “celeridade lenta” que dá nome ao álbum se apresure un pouco máis.

Pero existe un punto moi positivo en The Slow Rush que cómpre destacar, un punto de inflexión importante con respecto ao seu traballo anterior: os ritmos. Currents levou a Tame Impala a outro nivel na escala mainstream e abriulle as portas a Kevin Parker a traballar con músicos doutros mundos. Desde a versión da súa pista New Person, Same Old Mistakes para Rihanna, ata colaboracións con grandes do rap como Travis Scott, Kendrick Lamar ou Kanye West. Parker descoñecía a capacidade das súas composicións para facer samples, e o achegamento a produtores hip hop fíxolle explotar a faceta máis rítmica do seu potencial musical. Así, atopámonos en todas e cada unha das pistas de The Slow Rush bases que se samplean a si mesmas, a máis BPMs que nunca antes, e que configuran unha sensación de ritmo ao longo do disco que, aínda sen aportar todo o que precisaba para facer un traballo á altura dos anteriores, aporta unha certa harmonía reconfortante, a ratos refrescante.

Pode ser que nos mataran as expectativas, e esperaramos de The Slow Rush moito máis do que realmente acabou sendo; Tame Impala deixou o rango tan alto que incluso o fan impón un nivel maior que o que se auto-impón o propio Kevin Parker, perfeccionista abondo. Por outra banda, a sensación que desprende o disco semella ser, simplemente, a pretensión por resultar ser un proxecto musicalmente desfrutable; e consígueo. Ao fin e ao cabo, Kevin Parker deixou claro que está a facerse maior. Como reza en It Might Be Time, “xa non é tan divertido como adoitaba ser”.

6.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.