Tanxugueiras: “Hai cultura porque hai idioma, e o día que morra o idioma non haberá cultura”

Celia Eiras

Ao ter a oportunidade de facer esta entrevista, un pregúntase se os medios escritos poderiamos ter máis eivas das que nos gustaría amosar. Durante a mañá que pasamos con Sabela e Olaia Maneiro e Aida Tarrío fomos testemuñas dunha amizade e unha confianza abraiantes, con mostras de cariño continuas e finalización das frases das outras para apoiar, dunha maneira honesta, os argumentos que as outras tentaban expresar. Todo entre bromas, pero sempre atentas ao que o resto querían contar. E unha vez escrita, aínda que alegres co resultado, non podemos deixar de pensar que tanta liña transcrita, aínda que interesante como é, non será capaz de ensinar toda esa expresividade.

As Tanxugueiras levan relativamente pouco facendo música, pero o que queren amosar é do máis interesante que podemos atopar. Tras un debut sólido e entre guitarras, o ano pasado chegou Contrapunto, o seu segundo álbum, onde os cambios no seu son, radicais dentro do seu estilo e da súa obra, foron máis que suficientes como para que o elixiramos mellor disco galego deste pasado 2019. Falamos con elas na previa á súa xira de presentación.

Presentades Contrapunto, o voso segundo álbum. Como o definiriades?

Aida: Contrapunto é, para nós, moitísimo máis maduro que o anterior porque, queiras que non, aínda que Tanxugueiras [o álbum] teña moi pouquiño tempo, vai só un ano dende que o sacamos.

Formámonos máis en música, en técnica vocal, e tiñamos máis claro como queríamos que soase este novo, e ademais porque fomos capaces de ser valentes e dicir “pois nos temos agora os recursos para poder sacar un disco, para poder gravalo nós”, xunto con Isaac Palacín que co-produceu con nós o disco e mais nos deixou o estudo para gravar e fixo as mesturas, e gravou as percusións.

Era sobre todo por iso, porque tiñamos novas inquedanzas, tiñamos cousas na cabeza e tiñamos claro que agora xa eramos capaces de mostralas. E foi como, “pois aquí estamos, estas somos nós a día de hoxe, e p’adiante”.

Chámame a atención que no anterior hai moitísimas guitarras, e neste é practicamente todo percusión e voz.

Sabela: Si, non hai guitarras. Soamente hai percusión e voz e algún bordón para que a peza creza un pouco e non sexa tan monótona. Pero non hai ningún tipo de guitarra, nin acordeón, nin nada. Hai un contrabaixo en dúas cancións e unha gaita.

Aida: Nós somos pandereteiras. No primeiro disco si que tiñamos ganas de ter unha banda detrás porque non o fixeramos nunca, pero este ano dixemos: “nós somos pandereita e voz, e polo tanto queremos un disco que nos represente ás Tanxugueiras”. E como o noso instrumento a parte da pandeireta é a voz, que moita xente non considera a voz un instrumento e si que o é, o disco tiña que ser iso. Aparte que queriamos volver ás raíces, dándolle sempre un toque moderno e tentándoo poñer ao día de hoxe, tentando que fora simple, si, pero que aínda así calara na xente. E creo que se conseguiu.

Como foi producir un disco así?

Aida: Este disco xa levaba ano e medio nas nosas cabezas. Acabamos o outro e xa estabamos pensando neste. E nada máis sentarnos as tres e dicir “hai que facer un disco” soubemos que tiña que ter sentido todo. Por iso o disco ten a cara e a cruz de cada situación, a parte boa e a parte mala. Todo isto refléxase nos temas. Nós queriamos que os temas foran… Non sinxelos, pero non tan complexos coma o outro disco. Todos tiñan que ter un sentido e algo interesante. Entón xogamos: “por aquí metemos un bordón distorsionado”, “por aquí metemos unha voz distorsionada”…

Olaia: Eu creo que cada un dos temas ten algo especial que escoitar, onde dis “oh, e isto?”. E asombrándose segundo pasa o disco. “Buah, agora mira, metéronlle isto”. Aínda que unha persoa non saiba de música quédase con eses pequenos detalles. Esperta a curiosidade de ir pasando as cancións.

Sabela: Había unha rapaza que nos escribiu por Instagram, que de repente subiu unha historia na que dicía “non sei que é o que ten o disco, pero me atrapa”. A simple vista parece un disco que é moi de raíz, pero de repente é como que che leva a outros estilos, tamén. Igual non da ganas de bailar unha muiñeira, pero si ganas de moverse. Os que queiran bailar baile tradicional van poder facelo, e os que non van poder bailar doutra forma. Incluso sen saber bailar. Eu creo que esa é a maxia deste disco, que tampouco sabemos nós moi ben que é o que ten.

Hai temas alucinantes en Contrapunto. Que me podedes contar de Malquerenza?

Aida: Eu odiábao. Era un tema que nin fu nin fa para min. Sabela foi unha das pioneiras dese tema. Con todo, era un tema que a verdade é que sabíamos que o queriamos meter, que tiña moita potencia.

Sabela: Eu sabía como quería que soase. Tíñao na cabeza. Empecei a escoitar moitas muiñeiras, de todo tipo: vellas, ribeiranas… E de repente, un día, estaba co ordenador e saíume unha melodía. Era unha mestura entre todas esas muiñeiras que escoitei. E ese titaquititún eu quería que Isaac o fixera co bodhrán, e canteilla e díxenlle como quería que soara.

Aida: Entón Isaac díxonos “Non metín o bodhrán, pero metín isto”. Ese titaquititún, así cantado, no directo é de impacto. E nada, despois metémoslle un retrouso e cando Sabela nos pasou a melodía dixen “isto é unha ribeirana”, e unha das cualidades que teñen as ribeiranas é que teñen moitísima forza. Tódolos temas teñen unha pouco de tradición. Este haino que escoitar ben, pero tentamos que os pasos de baile das ribeiranas estiveran metidos aí. Está moi escondido, porque non queriamos que se destacara, pero está aí.

E nós temos unha cousa que é que estamos como putas cabras. Entón, se ti nos vas a pasar como fixo Isaac unha percusión cunha batería a tope e un bodhrán distorsionado nós vamos a dicir que si. E cando Isaac nolo pasou e nos preguntou se nos gustaba; nos dixemos: “Encántanos”.

Sabela: A melodía e a letra falan de desamor, pero non como o coñecemos. É como, “que te den por culo, se te queres ir te vas”. A peza foise construíndo soa.

Aida: Chegou un momento no que tiñamos a copla e o retrouso, pero quedaba moi plana. Faltaba algo. Foi un dos últimos temas que rematamos. E é unha das pezas que máis gustan.

Séguea Desposorio no disco, que é totalmente o contrario.

Aida: Propúxeno eu. Foi tras escoitar diferentes temas tradicionais e ao final saíunos a melodía. Cada un empezou a poñer o seu graniño de area, pero a verdade é que o primeiro que saíu foi o retrouso. Paseillo e dixéronme “que popero soa isto!”. Pero cando o rematamos dixemos: “temazo”. Foi o primeiro que acabamos, e entón decatámonos de que todo o disco tiña que estar á altura.

Notástedes diferencia de públicos dun disco ao outro?

Olaia: Si. Moitísima xente que ven mesmo do mundo do rock, ou outras influencias da música, e xente que escoitaba a música que escoitaban nos 40 principais ou que aparecen na tele están escoitando Contrapunto e dicindo “oh, pero isto mola!”. Claro que mola! o que pasa é que hai que darlle unha oportunidade.

Aida: E iso que realmente este disco é só percusión e voz. A xente que sempre viu á música tradicional apartada estase achegando a nós co que é pura tradición. Porque non deixa de ser un disco de pandereteiras. Con toques modernos, si, pero outro era moito máis escoitable, porque tiña música, e tal. Este non, porque é un disco moi intenso.

Celia Eiras

Presentades o disco na Sala Capitol este domingo. Que tendes preparado para esta ocasión?

Sabela: Os nosos directos tampouco sabería explicalos, porque cada directo é distinto. Agora, con este novo disco queremos facer un directo no que haxa luces que impacten e unha posta en escena que vaia acorde co que estamos cantando. Ceo que neste directo a xente que non o vira vai quedar impactada. Sobre todo o comezo e o final, aínda que o transcurso tamén.

Aida: O que non queriamos era perder a nosa esencia de naturalidade, somos xente sen filtro. Non pensamos. Falamos e despois dicimos “Merda, isto tiña que calalo”. Tampouco queriamos perder iso. Pero si queriamos dar un paseniño máis cara a profesionalidade e crear un pequeno espectáculo do directo.

Olaia: Queremos que a xente saia do concerto pensando “Que acaba de pasar? Que acabamos de ver?”. Que lle dean voltas. Non que sexa un concerto máis e marchen ás súas casas e non pensen.

Hai moita música ultimamente que abraza as raíces tradicionais como vos, Mercedes Peón ou Baiuca que está facendo cousas moi diferentes. Credes que a música tradicional desfruta dun bo momento?

Olaia: Si, eu creo que si. Ao mesmo tempo, creo que cada vez tense menos medo a xogar con ela, a facer realmente o que un lle gusta e o motive. Creo que está nun bo momento e espero que dure así moitos anos más.

Linvos comentar algunha vez que vos gustaría que a vosa música formase parte da tradición. Como se materializa isto?

Aida: Simplemente, nós pensamos que se as señoras cantaban cando eran novas, fai cen anos, e a día de hoxe se recollen as pezas que cantaban, nós queremos seguir creando pezas novas sen deixar de lado as que xa están, porque iso é patrimonio cultural.

Sabela: A tradición, ao fin e ao cabo, foi mudando. O que estamos facendo, ou o que está facendo Xabier [Díaz], probablemente sexa tradición dentro duns anos. O que queriamos era deixar esa pegada. Creo que o estamos conseguindo e que dentro duns anos haberá pegada do que fixo Tanxugueiras. E será tradicional. A tradición está mudando dende que chegaron as radios as casas, como cando a xente collía cancións de Manolo Escobar tocaba pandeiretas con elas.

Aida: Fixemos un par de temas, e incluso partes dalgúns temas que están do disco, que nos gustaría escoitar dentro dun par de anos nunha foliada, ou nun serán, e que non o asociaran directamente connosco.

Celia Eiras

Resulta difícil irse dese estigma de que “A música tradicional é para vellos”?

Olaia: Resulta complicado. Si que é verdade que cada día hai máis grupos que fan que a xente nova se involucre, pero si que é difícil. Sobre todo en xente que está moi apartada do mundo tradicional que aínda ten esa visión de que “é para vellos, de que non mola”. Pero para iso estamos loitando todos. Para que esta música sexa para todos.

Sabela: Eu creo que cada vez hai menos estigma. Estabamos o outro día nun almorzo coa prensa e nos preguntaban como chegar á xuventude. E nós, mirando a xente que nos sigue, que é xente de todas as idades, dende señores de 80 anos ata nenos de 2 anos, aínda que sexa polos pais, vemos que hai unha franxa de idade, que é dos 20 aos 25, onde si que notamos como un baixón.

Olaia: É como que da adolescencia ata os 20 anos ben, despois dos 20 aos 26 moito máis frouxo, e dos 26 para arriba si que xa temos moita máis xente. É esa franxa de idade…

Sabela: E ademais non sabes por que non chegas. E se te pos a pensalo e igual cres que a adolescencia é igual a máis problemática, polo tema de que non vaian a pensar que son unha aldeá, que son unha paleta… Pero despois a adolescencia é un dos colectivos que máis nos sigue.

Vai seguir habendo ese tipo de pensamento ata que o galego estea coidado, ata que as institucións empecen a coidar o que é noso… Todo iso vai ligado. Hai cultura porque hai idioma, e o día que morra o idioma non haberá cultura. No momento no que as institucións miren polo noso, cando aporten cartos, visibilidade e leis que protexan ao galego… a cultura, e polo tanto a tradición, empezará a ser ben vista por parte da xente.

Pódeche interesar...
Revolution 2×09 – Sonic Adventure