Temples – Hot Motion

Fecha de lanzamiento
27 Setembro, 2019
Discográfica
ATO Records
Xénero
Neo-Psicodelia
A nosa puntuación
7.5

Movemento a toda velocidade. Así presenta o grupo británico Temples o seu novo disco. ‘Hot Motion’, título que da nome á nova creación, iníciase cun riff de ritmo marcado, seguido dun patrón cheo de escuridade que prepara a benvida de honra á voz de James Bagshaw, líder da formación.

Ao igual que nos albumes anteriores, o Santo Grial de Temples é a busca da atmosfera psicodélica perfecta a través da exploración e experimentación empregando reverb infinito nos coros, sons palpabrexantes e brillantes, sintetizadores máis barrocos que ochenteiros e unha néboa fuzz que nos transporta aos anos 70.

GRAN VELOCIDADE PERO SEN ALCANZAR A META

Con todo, esta nova proposta non consegue a homoxeneidade creativa que acadaron nos seus dous anteriores traballos e a busca tórnase difusa, e non no bo sentido da palabra. Algo non encaixa, non remata de satisfacer os desexos dos seguidores máis fieis, xa que o feito de escoller como single un tema tan repetitivo, sen substancia nin progresión melódica, como é ‘Hot Motion’, resulta ser case pecado capital tendo en conta a xoia estilística que é ‘You’re Either On Something’. Esta é unha das mellores novidades dentro da última publicación, con harmonías inesperadas e reminiscencias melódicas que evocan a Tame Impala ou Melody’s Echo Chamber.

Se hai algo que caracteriza a Temples, é a capacidade de desenvolver conceptos musicais en cada unha das súas creacións, cal tese de filosofía. Unha continua e incansable resurrección entre vida e morte, Eros e Thanatos, subidas e baixadas, euforia e decaemento rítmico, aceleración e pausa. Todo isto dentro de diversos estilos dentro do universo pop: sunshine, jangle… que por desgraza neste disco non chegaron a explotar ao cen por cen.

Neste novo traballo, onde a guitarra é a protagonista e os sintetizadores xogan un papel secundario, destaca, xunto con ‘You’re Either On Something’, dúas cancións: ‘Holy Horses’ e ‘Context’, polo reflexo do esforzo por manter a idea de progresión rítmica, melódica e sobre todo, onírica. Porén, ‘Holy Horses’ (xunto co feble himno militar ‘The Howl’) adquiren unha tintura máis lúgubre dentro do carácter xeral do disco, que asemellan a anteriores traballos de grupos como Interpol e The Black Keys.

En resumo, un grupo profundamente destacable no panorama musical actual que está a (e debe) probar novos camiños, polo que é de aplaudir a súa valentía nesta nova proposta e esperamos que, cal ave fénix, aprenda dos pequenos errores cometidos e brille a través das cinzas; errores que non converten este derradeiro lanzamento nun impecable proxecto.

7.5
Pódeche interesar...
Tanxugueiras estrean ‘Perfidia’. Novo disco o 22 de novembro