Terbutalina – Espabila Gallego

Fecha de lanzamiento
4 Outubro, 2019
Discográfica
Autoeditado
Xénero
Garaxe
A nosa puntuación
3.9

Non fai falta tomarse en serio para soar ben, e así o amosaron sempre Terbutalina, catro amigos da ría de Muros que observaban a música como unha afección máis que como un traballo. E desde que viu a luz o seu disco debut, Broncodilatador (2011), non deixaron de medrar e medrar, facéndose un oco cada vez máis grande nos escenarios galegos. Porque Terbutalina, como o seu propio nome indica, son un broncodilatador en directo capaces de facer tremer calquera recinto.

Con Espabila Gallego, os Terbutalina trocan parte do seu cómodo estilo garage punk -que eles mesmos definían como “gastropunk”- por un son alternativo máis inspirado no rockabilly e no surf que no punk clásico. Cun certo aire aos seus coetáneos Familia Caamagno ou incluso aos Novedades Carminha de Juventud Infinita (2014), rebaixan os tempos e suavizan as guitarras invitando ao baile sen ningún tipo de pretensión.

Porén os de Esteiro abordaron esta transformación musical facendo caso omiso a un problema estrutural: a instrumentalización do punk -baseada na tríada clásica de guitarra, baixo e batería- non é suficiente para o indie. Sen experimentación nin integración de novos instrumentos, queda un disco baleiro que soa descoidado e inmaturo. Terbutalina non evoluciona con Espabila Gallego; involuciona no intento errado de subirse á ola galega do indie surf. Tanto é así que custa crer que o álbum dure tan só 20 minutos.

Está vostede aquí inaugura a transmutación sonora con desastroso resultado: guitarras desganadas que non conseguen construír un groove e que non conectan nin coa voz de Miguel, nin co ouvinte, nin entre elas mesmas. Os adiantos Marisco barato e Pura Makica xa rebaixaran as expectativas con antelación, e a meirande parte do resto de pistas non fan máis que reafirmase no hastío.

Aínda así, de entre todo o amasillo homoxéneo que supón Espabila Gallego, cómpre salientar Muinheira da Costa, unha sorte de revival da música tradicional galega con estrutura circular, que substitúe as pandeiretas por un xogo de címbalos de batería e a gaita por un dúo de guitarras. Tampouco é de todo desbotable o corte de peche, Vou tolear, o máis achegado aos Terbutalina de sempre. Estas dúas son as únicas pistas nas que a instrumentalización fai xustiza á pretensión.

Por sorte Terbutalina xoga cunha vantaxe ao seu favor: e é que todo o seu éxito llo deben ao directo. Seguramente o seu fiel público non os teña nas listas de máis reproducidos en Spotify, pero si acode relixiosamente aos seus concertos. E Antonte vinte fai gardar esperanzas: no disco é unha peza malsoante máis, pero en directo -levan tocándoa en escenarios varios meses- todos os erros pasan desapercibidos entre un setlist construído cos seus traballos anteriores.

Tras o fracaso de Espabila Gallego, a Terbutalina ábrenselle dous camiños. O máis sinxelo sería volver ao “gastropunk” de bandeira que levan desenvolvendo durante case unha década, desde aquel éxito no panorama musical galego que foi Filloa. Ora ben, se deciden continuar pola senda do indie, pónselles por diante a necesidade dun período de experimentación e formación para entender o que supón un estilo cunha complexidade instrumental moito maior que a do punk, sobre todo nun xénero tan complexo e variado no que se leva feito tanto ao longo de case cinco décadas.

3.9
Pódeche interesar...
O Super Bock Under Fest desvela por completo o seu cartel