Verto fan ‘Puro Ocio’, pero teñen potencial para facer moito máis

Data de lanzamento
13 Marzo, 2020
Discográfica
Autoeditado
Xénero
Urbano
A nosa puntuación
6

Coñecín a Verto o Día de Reis ben cedo pola mañá. Para os estudantes universitarios, moita maxia do Nadal non hai, e en lugar de estar almorzando roscón coa familia e abrindo agasallos, estaba chegando á Conchi -para quen non coñeza, a biblioteca que funciona como parking aberto 24 horas do estudantado compostelán en época de exames-, onde me dispoñía a pasar todo o día e parte da noite. Á dereita da entrada da biblioteca, nunha plataforma idónea para fumar un piti co café nos descansos, vexo unha caixa de zapatos chea de caixas de CD. O dorso da tapa rezaba: “VERTO PACK DO NADAL; de balde”.

Despois de botarlle unha ollada a un dos CDs, decidín non levarmo por pudor, pero o primeiro que fixen ao instalarme na miña mesa da planta -3 foi poñer aos tal Verto no Spotify. Tiñan catro cancións publicadas, e escoiteinas todas en orde de lanzamento. A produción era simple, pero os temas eran moi pegadizos. Mesturaban pop, R&B e lo-fi, cun pouco de funk, cloud rap ou incluso algunhas influencias do vaporwave. Unha música urbana en galego que, aínda recoñecendo a súa natureza case amateur, se tomaba moi en serio.

Un par de semanas despois, Berto e Fer estaban tocando Oie Gayego no Luar, e a súa popularidade estoupou coma un petardo. Sobre unha base tropical, movíase un trap retranqueiro perfecto para bailar no Tarasca. Oie Gayego chegou ao primeiro posto dos temas máis escoitados na provincia da Coruña e, como nos contaron na entrevista que lles fixemos a semana pasada, non se demoraron en preparar o salto á longa duración. Nun mes e medio, Puro Ocio estaba listo; un disco de sete cortes que, pola súa curta duración, cadra máis coma unha mixtape que coma un álbum.

E tamén pola súa natureza fragmentada, pois non existe ningún nexo musical nin lírico entre os cortes. Un dos grandes perigos das mixtapes é non conseguir que o oínte chegue a conectar co produto, sobre todo aqueles -cada vez menos- que desfrutamos da experiencia de escoitar os discos de principio a fin e de valoralo como un armamento sólido artellado por pezas que pouco importan por si soas. Por iso, nunha primeira escoita superficial, Puro Ocio deixoume unha sensación agridoce. Un disco disperso no que cada corte xoga nunha liga diferente.

Nunha análise máis profunda, tentando deconstruír a miña forma inconsciente de observar un álbum, custoume moito conectar con algunhas das cancións. Con Rebolando x Ti, Algo que non sexa, ou Na de na foi cousa de amor a primeira vista, pero os temas de Puro Ocio fanse os difíciles. En Pa’ Impresionar, o piano que abre o disco marcando un ritmo tropical funciona ao instante, pero uns reverbs insinúan un estouro que nunca chega, mentres unhas voces distorsionadas que rezan “onde estás ti?” non conseguen satisfacer nunca a pulsión.

Porén o segundo corte, que dá nome ao disco, entra rapidamente. Quizais abrir Puro Ocio co seu tema homónimo tivera sido unha mellor decisión. Un tema de trap suave que non só se pega con facilidade na cabeza, senón que tamén funciona como unha estupenda declaración de intencións: “Estamos facendo música que vos faga bailar, que vos faga desfrutar, que vos faga sentir que a vida é algo máis que pelexar”, seguido dun longo agradecemento á xente que os rodea. Porque a Balea xa nolo dixeron, que o que querían era música que lles fixese bailar aos seus colegas.

En Roneo do Barato aparece Grande Amore para construír un pegadizo tema de cumbia; sempre é un pracer ver a Nuno Pico (cantante de Oh! Ayatollah, e xa colaborara con Ortiga na xenial Acostumbrao) colaborar con bandas locais. Despois de Que Va, que pasa sen pena nin gloria en clave de lo-fi, vén o gran banger do disco: Sempre Igual é sen dúbida a canción mellor construída e, ademais, perfecta para bailar nos garitos. Nunha brillante narración do que supón un xoves noite para calquera estudante de Compostela, os sintetizadores con aires funky dos 80 artellan subidas e baixadas que ben se agradecen nun percorrido que se estaba empezando a facer demasiado repetitivo. Sempre Igual non é soamente un auténtico single, senón a produción máis madura de toda a discografía de Verto.

Xa na recta final e despois do subidón, Dálle recupera as malas sensacións do corte de apertura, pero esta vez trocando a base por algo que recorda demasiado aos primeiros pasos do trap feito a nivel estatal -moito evolucionaron Kinder Malo e Pimp Flaco desde aquela-. Por último, Mellor Así volve con influencias dos chill lo-fi beats, armando un tema tranquilo e tristón marabillosamente acondicionado. Un piano e unha guitarra eléctrica poñen suavemente a guinda e, desvanecéndose lentamente, pechan o disco.

Os 24 minutos que dura Puro Ocio compoñen un percorrido irregular, no que mellores e peores cancións se suceden sen entrelazarse e sen conseguir crear unha atmosfera conceptual. É posible que Berto e Fer precisasen de máis tempo para facer o que pretendían; ou quizais artellar unha viaxe musical nunca foi o seu propósito. Pero guste máis ou guste menos, do que non cabe dúbida é de que en Verto existe un gran potencial, visible en dous músicos que levan apenas cinco meses facendo música xuntos. E de seguro que coa exploración e o auto-coñecemento do seu propio son, chegarán a converterse nun gran expoñente da música urbana galega. Ata entón, desfrutemos do puro ocio.

6
Pódeche interesar...
14 películas sobre o confinamento para o confinamento