Weezer deixan pasar outra oportunidade con ‘OK Human’

Release Date
29 Xaneiro, 2021
Discográfica
Crush Music
Xénero
Pop
Our Score
6

Introducirse na discografía dun grupo como Weezer é difícil. Os de Rivers Cuomo, con OK Human, firman xa o que é o seu décimo cuarto disco en vinte e sete anos. E, por se fose pouco, este ano verá a luz tamén Van Weezer, disco que tentará, dalgún modo, mesturar o definido pop da banda co hard rock dos Van Halen.

Ás veces pensamos que as tolemias veñen dos grupos novos. Deses que están comezando, que teñen ganas de explorar o seu son. Os grupos cun percorrido sonado semella que, unha vez atopan o seu punto de equilibrio, tentan manterse aí. E é normal. Pensade nese grupo mítico herdanza dos teus pais. Incluso dos teus avós! Quédalles algo que demostrar?

Weezer é un caso diferente. Moi irregular. Xa dende os seus comezos, todo foi estraño. En 1994, o seu Álbum Azul, homónimo e debut, foi recibido pola crítica coma a segunda chegada de Xesucristo á terra. Sobraban os piropos para o que, aínda a día de hoxe, segue a ser un dos álbums debut con mellor acollida na historia da música.

Dous anos despois chegaría Pinkerton, para o cal, tamén, deberían sobrar as palabras.  Con todo, nun principio non foi así. O que a día de hoxe se converteu no álbum máis querido polos fans e pola crítica botou de menos un entendemento na súa saída. As retraccións chegaron máis tarde, pero os Weezer tardaron cinco anos en lanzar o seu seguinte álbum. E, dende entón, o máximo que houbo que esperar foron tres anos, lanzando dous albumes o mesmo ano en varias ocasións.

Con todo, esperar algo semellante a Pinkerton resultaba cada vez máis imposible. Tal vez, con sorte, os Weezer lanzarían un bo sinxelo que cantar nos seus concertos. Se cadra, algún álbum  podía chegarche a ti no persoal. Pero nunca sería o mesmo. Nunca se repetirían as sensacións que crearon o Álbum Azul e Pinkerton. Ata que en 2016 chegou o Álbum Branco.

En 2014, Everything Will Be Alright in the End, o décimo álbum de Weezer sinalaba que a banda parecía andar a recuperar un son alegre, divertido, cunhas letras que ás veces incluso chegaban. O Álbum Branco foi unha solidificación desas ideas, recuperando a mellor versión dos de Rivers Cuomo pero actualizados, incluso ríndose deles mesmos. Había humor, sarcasmo, tristeza, optimismo, himnos. Eran os Weezer! Os que todo o mundo quería escoitar!

Pero os Weezer non eran só iso. Os Weezer están aí, ás veces dispostos a aparecer como unha estrela fugaz que soará nos nosos dispositivos unha e outra vez. Capaces de facernos cantar e sentir. Pero ao mesmo tempo son pasos en falso, decepcións unha e outra vez e fe. Moita fe.

Se botamos a vista atrás nestes últimos cinco anos, antes de que chegase este OK Human, veremos exactamente isto. Os tres albumes que lanzou Weezer dende aquel Álbum Branco non conseguiron vivir das expectativas que aquela pequena marabilla creou. Eran erráticos, inconsistentes, con pequenas luces entre moitas sombras. E OK Human, lamentablemente, tamén.

Con todo, este novo álbum mellora o pasado recente. OK Human é un álbum que, se ben non enche nunha soa escoita, si da ganas de escoitalo unha e outra vez. O sinxelo promocional, All My Favorites Songs, é esa pequena luz que ten toda esa tristeza divertida que Cuomo lanzaría con exactitude en Pinkerton. Unha canción divertida, chea de agridoces que suman capas ao tema.

Atopamos tamén detalles que ilusionan en temas como Aloo Gobi, Grapes of Wrath (os outros dous sinxelos) ou Numbers. Neles, Cuomo deixa ver a mellor cara. Weezer brilla como máis gusta, como máis parecen gustarse a si mesmo. Os retrousos son pegadizos. Créanse pequenos himnos que somos incapaces de sacar da nosa cabeza ata horas despois.

Alén deses himnos, o resultado non é bo. A meirande parte dos temas pasan un tralo outro, sen chegar a aborrecer pero tampouco a gustar. Se somos o suficientemente pacientes co álbum, temas como Playing My Piano ou Dead Roses poden chegar a gustar, pero tampouco caeremos rendidos aos seus pés. Se cadra, poderemos ver neles momentos mellores, ou conectar coas letras, e sentir un pequeno momento de ledicia. Pero con moita sorte.

En xeral, os trinta minutos de álbum pasan rápido. É un álbum decente, pero que cae na táboa media dos albumes dos Weezer. Non encanta, pero tampouco decepciona. Os magníficos sinxelos deixan bo sabor de boca, pero non atoparemos aquí a panacea, e tampouco unha nova salvación na discografía do que pode ser, ao mesmo tempo, un dos peores e mellores grupos da historia.

Se fósemos persoas de fe, poderíamos pensar que dentro de pouco, coa saída de Van Weezer, atoparemos esa estrela fugaz que aparece na discografía dos de Rivers Cuomo cada cinco, ou dez anos. Pero creo que, polo menos hoxe, non estamos para crer en contos de fadas. Tocará esperar. Mais sempre, por moito que nos intentemos mentir a nós mesmos como fixemos neste mesmo parágrafo, con confianza cega en que volveremos a tempos mellores.

6
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.