WOS Festival 2019 I. A vangarda galega (repatriada)

Santiago de Compostela volveu converterse do 11 ao 15 de setembro no epicentro da música electrónica e de vangarda da man do explorativo WOS Festival. Un evento que se celebra desde fai seis anos cada mes de setembro nunha ducia de localizacións da cidade. Dous museos, dous teatros, un cinema ou unha igrexa son algúns dos espazos que acollen concertos, faladoiros e proxeccións. En total medio centenar de actividades programadas para os cinco días que dura este singular festival -premiado como Mellor Festival Indoor europeo de 2018- e que daba comezo o mércores co concerto inaugural da pianista catalá Marina Herlop no Paraninfo da Universidade.

A xornada do xoves puxo o foco en cinco artistas galegos de música experimental que levan a cabo os seus proxectos no exterior e que o WOS “repatriou” para visibilizar os seus traballos no país. A Sede da Fundación SGAE foi a encargada de acoller estes concertos de talento galego. Previamente, o festival arrancou co habitual programa de charlas e encontros na Cidade da Cultura xunto coa proxección de Coda na sala Numax, chegando ao aforo completo achegando unha figura de culto da música contemporánea como Ryuichi Sakamoto.

Como diciamos, o festival abriu cunha mesa redonda sobre o futuro dos festivais musicais onde se abordou a viabilidade económica destes, o impacto local e a súa función social, entre outros temas. Nesta mesa participaban representantes do festival de arte interdisciplinar Loom, que se celebra na fábrica modernista Utopia126 en Poblenou; do festival Mutek tamén en Barcelona, unha cita cultural que aposta pola diversidade e o risco; e do certame de exploración audiovisual Volumens de Valencia.

Posteriormente, no mesmo auditorio, os encontros con Drew McDowall, ex membro de Coil e un dos pioneiros das vangardas musicais en Europa a partir da asimilación dos códigos punk, e Renick Bell, quen realizou en directo unha demostración do seu proceso creativo, que consiste en crear música a partir dos algoritmos empregados por unha intelixencia artificial mediante softwares de código libre.

Cae a noite en Compostela e sumímonos nunha viaxe intensa polo imaxinario da cultura galega de vangarda. O punto de partida foi a interesante proposta sonora e visual de Xiselr. Este é o novo proxecto do artista experimental Xoán Xil López, que propón unha reinterpretación da zanfona facendo uso de hardware aberto, unha dinamo e múltiples sensores. Presentou no WOS o seu traballo Non uniform circular motion, no que os sons de cadencia drone son xerados por estes instrumentos creados por el mesmo mentres se suceden unhas visuais minimalistas. O resultado é un conxunto verdadeiramente sensorial e poético. Un concerto ao que engadiría a frase de “cita especial”.

A exploración dos límites sonoros e estéticos continúa na outra sala da SGAE coa actuación de Margarida Mariño, quen experimenta con xéneros onde o seu instrumento, o violoncello, non é tan común. A artista viguesa presentou un repertorio orixinal para cello con pedais de efectos e loops cos que logrou crear unha atmosfera única, transitando por estilos tan dispares como o post-rock, o trip hop e a música clásica. Cun mínimo de atención por parte do espectador, o seu recital resulta ben pracenteiro e inspirador de emocións e sensacións varias. Véndoa, nin pestanexabamos. Hipnotizounos.

Mudamos de terzo tras estes dous concertos máis ligados ao neoclásico e pasamos a sesións de música noise e electrónica. Chago -alter ego de Iago Pedreira, dj e promotor compostelán afincado en Berlín- é o primeiro en romper coa tónica anterior nun híbrido live / djset acompañado dunha proxección con visuais en directo 100% analóxicas. A música, lenta e escura, case industrial, marca o ritmo das imaxes sacadas de películas caseiras en 8mm. Momentos familiares descontextualizados repítense ou conxélanse para arder e desaparecer mentres a música pon o dramatismo e a velocidade. Mais a aleatoriedade da conxunción sonora e visual facíame pensar que todo estaba pouco calculado.

Na entrevista que nos concedeu durante o festival, el mesmo confirmou as miñas sospeitas: aseguroume que o espectáculo fora totalmente improvisado, incluída a proxección en directo que xurdiu dunha colaboración entre amigos. Dada a sensación de que Chago aínda se está desenvolvendo como músico, será emocionante seguilo mentres continúa buscando novos colaboradores e formando novos proxectos.

As primeiras actuacións do seguinte grupo en saír a escena tamén eran improvisadas, pero pasaron os anos e os seus métodos mudaron e pulíronse. Harrga é o mordaz dúo de electrónica industrial formado en Bristol polo galego Miguel Prado e a francesa Dali de Saint Paul. Empuxados pola escalada da crise migratoria, decidiron render homenaxe aos ‘Harragas’, persoas que cruzan as fronteiras ilegalmente.

Dali mestura poética e política, cantando en francés, darija e algo de inglés. Berra con furia e cunha enerxía asustadiza, movéndose desacougada polo escenario e tamén debaixo del entre o público. Mentres os seus gritos se apoderan da sala, o deseño noise de Miguel xera cada vez máis tensión a partir de bucles, xemidos e máis xemidos. Sen dúbida, unha proposta potente que converte a música industrial en ruído de combate contra a traxedia dos refuxiados.

Para rematar a noite e animarnos a un ambiente máis festivo, Clara! foi todo un acerto. A coruñesa Clara Sobrino, DJ e produtora residente en Bruselas, fíxonos bailar coas súas particulares mesturas electrónicas de reggaeton feminino desde os anos 90 ata a actualidade. Entre o repertorio incluíu composicións propias como ‘Acero‘, nas que canta con ironía e sedución sobre os seus propios ritmos de reggaeton. Incluso tamén incorpora pistas tradicionais galegas.

Pillou desprevida á audiencia co sampleo dun tema de Baiuca entre “tanto reggaeton”, como dicían algúns. A ver se imos caendo da burra, xentiña: o reggaeton non só é música de masas (que xa é bastante) senón parte da vangarda electrónica. Creo que Clara! deixouno bastante claro.

Pódeche interesar...
Melanie Martinez – K12