WOS Festival 2019 II. Unha marabillosa comuñón entre tradición e futurismo

O programa do venres arrancaba na Sede Afundación cun debate arredor da imaxe do “clubbing” ou “espazos clube”, como están a mudar estas itinerantes festas en consonancia cos tempos que corren. Festas totalmente inclusivas que loitan por non parecer elitistas pero que acaban xerando as súas propias esferas da mesma forma. Na mesa redonda participaban algúns dos artistas desta edición do festival, como a DJ de renome internacional Elena Colombi ou o saxofonista queer Bendik Giske, que utiliza a súa corporalidade como ferramenta de expresión.

O coloquio foi ameno e enriquecedor no seu senso. Mais botei en falta -eu polo menos- un intérprete ou un equipo de tradución simultánea como había nos encontros do primeiro día na Cidade da Cultura para chegar a comprender a totalidade das intervencións.

Comezamos a xornada de concertos nun dos escenarios máis peculiares do WOS Festival, a Igrexa da Universidade, para desfrutar coa actuación dunha artista única. Desde Los Ángeles chegou coa súa arpa Mary Lattimore para recordarnos que a música é esencialmente evocadora. A arpista ofreceu unha clase maxistral de improvisación con arpa e efectos electrónicos que nos invitaba a sentir e abstraernos do resto do mundo.

Foi toda unha experiencia vela experimentar coa técnica clásica deste instrumento para levarnos cara tonos máis afins ao ambient mentres a luz se coaba desde as vidreiras da cúpula da Igrexa. Sen dúbida, unha das propostas máis estimulantes e á vez belas deste venres no WOS.

Desprazámonos a outro dos xa icónicos espazos do festival, a terraza da Fundación Eugenio Granell -que completou o seu aforo en case todas as citas-, para ver ao percusionista do avant-jazz Eli Keszler. Equipado cunha batería, crótalos, campás e amplificación, non me imaxino o que debe suar este “electronic man orchestra” nunha actuación como esta.

O son minimalista de Keszler -entre sampleos e golpes de baquetas-, foi unha tormenta de percusión de máis de media hora de agresividade ininterrumpida e arrancando os primeros aplausos na parte final da mesma. Pouco acostumada a directos deste tipo, sorprendeume o feito de que, pese a que os temas se entrelazaban entre eles e apenas existían silencios musicais, os aplausos tamén se contiñan. 

No Teatro Principal agardábanos outro luxo de actuación. A reinterpretación de Time Machines, unha das obras drone máis influíntes dos últimos vinte anos, por parte do seu creador Drew McDowall e acompañado das visuais de Florence To. Ambos artistas fusionaron os seus sendos traballos para crear un espectáculo de son e luz en directo totalmente único e que mantivo o teatro enteiro en tensión ao longo de case unha hora. Todo un gusto para os fans de Coil.

No Salón Teatro asistimos á “algorave” de Renick Bell. Un movemento que segundo o propio Renick explica, improvisa música mediante algoritmos que vai codificación en vivo a través dun software de código aberto escrito por el mesmo. O directo é proxectado en simultáneo para que o público poida ver como o artista constrúe os temas.

Este programador e músico asentado en Toquio leva máis dunha década de investigación na que música electrónica e intelixencia artificial conversan entre si. Porque, quen sabe, se cadra nun futuro próximo a programación sexa un instrumento musical máis para nós.

Ademais deste referente na experimentación musical con intelixencia artificial, a Sala Capitol foi a seguinte encargada de acoller outra destas festas asistidas por IA: a de Holly Herndon, quen se fixo un oco na electrónica grazas a mesturar sons puramente artificiais con voces humanas.

Pero non nos adiantemos: antes, a cautivadora proposta orgánica do performer queer Bendik Giske. O artista berlinés fusionou o jazz de forma libre e a música electrónica dun xeito tan versátil como fascinante.

Cun potente traballo de respiración, o saxofonista sumerxiunos nunha marea de paisaxes sonoras de diferente intensidade que levou a unha acalorada ovación do público tras desgorxarse co seu saxo no final da actuación. Un saxofón que se sinte máis como unha extensión do seu corpo, e co que Bendik encarna ritmos, texturas e armonías propias da música de club.

Agora si: chegaba un dos concertos máis esperados deste WOS Festival 2019. A proposta audiovisual de Holly Herndon, centrada nunha curiosa relación entre as imaxes e o procesamento vocal, ocupa todo o escenario da Capitol. Acompáñana catro vocalistas, o artista dixital Matt Dryhurst e o seu “bebé” -tal e como ela o denomina- Spawn, o programa de intelixencia artificial que usou no seu último disco PROTO (2019), que é esencialmente a súa tese doutoral feita realidade.

A súa actuación foi precisamente iso, unha mestura de IA e humanidade que alumbrou a Capitol coa súa mística musical. A artista de San Francisco abraiou cunha marabillosa comuñón entre folclore e música de vangarda que serviu de inmersión nun mundo coñecido desde un enfoque totalmente futurista.

Este lado futurista pode ser o que máis sorprenda do seu directo, pero tamén sorprende cando se achega ao ancestral combinando o electro-folk coa música cristiana do coro das igrexas. Así, as melodías vocais foron o punto central do espectáculo, fosen incursións a cappella, varias voces superpostas ou unha soa filtrada e procesada roboticamente.

Tamén o público puido probar esta novidosa máquina, pois Holly fixo cantar aos asistentes para gravalo e introducilo en Spawn, creando así novas bases vocais para os seus temas.

Pode que houbera xente que falara de máis na Capitol -tampouco sei se sería o momento máis axeitado para desfrutar desta celestial amalgama-. Pero presenciamos a Holly Herndon interpretando música primixenia conectándoa co futuro e fomos felices por espacio dunha hora.

Outro que estivo na Capitol foi Blanck Mass, o proxecto en solitario de Benjamin John Power. O músico británico construíu espazos sonoros ensamblados con música ambient e metal electrónico. O seu foi unha auténtica descarga de ruido que invitaba máis a velo sentado mirando as visuais de Dan Tombs tras o escenario que ao baile propiamente dito. Por momentos, chegou a recordar ao seu proxecto paralelo: Fuck Buttons.

Pouco despois o público do WOS desfrutou dunha das sorpresas agradables da noite. Konx-Om-Pax, o músico e deseñador responsable da imaxe gráfica de artistas como Oneohthrix Point Never, presentaba o seu novo álbum Ways of Seeing (2019), descrito como unha “reinvención das orixes do techno de Berlín”. O seu set transitou polos terreos do techno, o house e o electro, mais tamén tiveron cabida ritmos con influencia IDM e temas entre o downtempo e trap. Unha delicia de sesión, como as súas incríbles visuais 3D.

A noite foi rematada de maneira maxistral co supercombo formado pola italiana Elena Colombi xunto á polaca Olivia cun dj set repleto de electrónica de baile con estilos propios dos anos 90. Ritmos industriais e technazo cos que o dimos todo sobre a pista.

Quizais botouse de menos non ter outra ubicación para o clubbing de última hora, algo que tivemos en edicións pasadas na sala Malatesta e que lle daba ao festival ese toque máis underground que a Capitol non pode ofrecer.

Pódeche interesar...
The Lumineers – III