Xosé Lois Romero e Aliboria recodifican a música tradicional no seu novo single

“Non hai acougo como o do colo”, braman Aliboria no seu novo single. Pero tampouco hai maneira máis crúa, directa, salvaxe e emocionante que a que ten o proxecto de, neste caso, achandar camiños inexplorados pola música tradicional.

Xosé Lois Romero & Aliboria presentan o segundo e último adianto do que será “Latexo”, o seu segundo álbum de longa duración, que verá a luz o vindeiro 5 de marzo a través de Raso Estudo.

Tras presentar meses atrás a impresionante “Muiñeira de Ons”, primeiro adianto de “Latexo”; o combo estrea agora unha canción composta polo propio Xosé Lois Romero, pero que soa a clásico tradicional e a revolución dos postulados do folclore: manteñen o pulso polo tribal e o ritual á vez que resignifican os códigos da música tradicional galega única e exclusivamente con voces femininas e unha maraña de percusións que van desde instrumentos tradicionais a outros realizados por eles mesmos, nun exercicio inédito de recodificación dos elementos para facer música.

Aliboria, xunto cun prestixioso Xosé Lois Romero que dirixe e lidera esta orquestra de máis de dez músicos, sitúanse tan preto do olimpo do folclore galego como de proxectos que poden lembrar desde os brasileiros Barbatuques ou os arxentinos La Bomba de Tiempo até unha imaxinería de música industrial que soa a madeira: como uns Einstürzende Neubauten con instrumentos de madeira e latón que reavivan o espírito da tradición oral do folclore máis profundo e, á vez, modernista; ou uns All Blacks cantando unha ‘haka’ tan preto do folclorismo máis romántico como da rabia máis salvaxe.

Pódeche interesar...
‘O que arde’ consegue o seu segundo Goya