Yung Beef e a pantasma da xeración presente

Cando falamos de trap, os dous primeiros nomes que facilmente pode que se nos veñan á mente son os de C. Tangana e Yung Beef. Sen dúbida, os dous conseguiron nos últimos anos facerse cun nome propio, e dende unha perspectiva totalmente diferente do que a música trap é. C. Tangana é unha parodia da clase burguesa, ostentoso nas formas, onde os abrigos de pel, a champaña e as limusinas están á orde do día. Convertemos a C. Tangana en ídolo, xa que el chegou a todo aquelo que nós non podemos ter. Pola súa banda, Yung Beef levou consigo unha conexión co que el é realmente.

A conexión de Yung Beef é coa pobreza, a súa clase, o seu barrio. No caso de Fernandito Kit Kat, achégase a nós como un de nós. Para el, a diferencia de C. Tangana, as drogas non son unha simple evasión dun amor, que tamén, senón que moitas veces se nos presenta esta cuestión como a única saída que se ofrecía para unha xeración sen perspectivas de futuro. Tal vez, por esta identificación que nos é posible, nos sexa mais sinxelo empatizar con el aos límites nos que se fixo na Sala Capitol.

O trap, por si, significou unha evolución do rap moi interesante, onde os sons graves cobraron protagonismo, creando melodías cada vez máis atmosféricas, á vez que era capaz de influenciar novamente aos estilos máis socorridos do momento a nivel internacional, como son o pop ou o rythm and blues contemporáneo, sendo incapaces de pensar en artistas como Katy Perry, Frank Ocean ou The Weeknd se este estilo non existise. Yung Beef, pois, foi ser capaz de conectar cunha xeración sen futuro, como xa dixemos antes, onde a mellor maneira de canalizar eses sentimentos era mediante a súa música.

Ada Seoane

De igual maneira que todo o que rodea á figura e á música de Yung Beef ten algo especial, novo, vangardístico, o seu espectáculo en directo ofrece algo diferente. Cando chegamos á Capitol, atopámonos un local a escuras, con música moi alta e cunha gaiola recluíndo á DJ, a talentosa Brat Star ameniza o pre-concerto como se estivésemos xa no after, tras unha noite de loucura e na que non podemos manternos máis en pé. Temas de Yung Beef confundíanse entre bases, entre os que estaban Beef Boy ou No Fucks. Sen querer, e aínda sen empezar, xa estabamos sentíndonos coma se o concerto rematara. Así estivemos moito tempo, ata que Yung Beef decidiu, por fin, entrar en escena.

Dende os camerinos, a equipa de seguridade da sala acompañou entre mans que o intentaban tocar a Yung Beef e ao seu acompañante aquela noite, Hakim, ata a gaiola na que Brat Star estaba a pinchar, no medio da pista. Chegados a ela, treparon ata subir ao seu teito, poñéndose cada un nunha das plataformas preparadas para eles. Comezou a soar a música, e comezaron os playbacks. Yung Beef recordaba en non moitas ocasións cantar os seus temas, con Hakim apoiando e ás veces sendo escoitado máis ca el, deixando que a base pinchada e o público se encargasen de cantar as súas cancións. Para o setlist, non decidiu apoiarse nos temas que o fixeron famoso, senón que a inmensa maioría dos temas interpretados foron do último traballo que Yung Beef sacou fora, o seu ADROMICFMS 4. Ningunha destas dúas cuestións xogou en contra do granadino.

Moitas veces, ao pensar no trap pensamos que as normas son moito máis febles para os artistas deste xénero. Falabamos o outro día de Dellafuente, un artista que, dentro deste xénero, non acude con tanta asiduidade á técnica de simulación de canto, sendo tamén un dos directos que máis respectamos e valoramos do xénero. Como moitas veces é unha costume acudir ao playback para interpretar os temas en directo, pensamos que esta cuestión se lle perdoa a todos os artistas do xénero.

A realidade é moi diferente, sendo froito da desvalorización na que moitas veces caemos ao definir nas nosas mentes o trap o mesmo desprezo que mostramos aos artistas que realizan esta práctica en directo, aguantando un espectáculo de baixa calidade e que moitas veces non aceptaríamos polo feito de que o xénero non merece a nosa consideración verdadeira. Yung Beef, no seu espectáculo, é capaz de converter este desprezo nunha valoración verdadeira, que consegue verdadeiramente transformar o playback en algo positivo, sendo capaz de contentar a todo un público disposto a cantar todas as cancións por riba dos decibelios emitidos polos altofalantes.

Ada Seoane

Tamén, e por outra banda, os temas elixidos para o directo foron unha sorpresa. Cando un vai a un concerto dun artista que leva xa anos na escena, como é Yung Beef, pensa que celebrará o seu espectáculo cunha selección dos seus temas máis coñecidos para contentar ao público. Con todo, as cancións do directo foron, como xa dixemos, unha selección dos temas da súa máis recente mixtape, acompañadas por poucas saídas diso como poden ser Dinero E La Ola ou Beef Boy, máis por aclamación popular que por ganas.

Con esta atrevida selección, vemos claramente unha intención tamén de sorprender tematicamente no directo. A auto-compracencia do público non está permitida, senón que a satisfacción interior virá de estar nun concerto na que as cancións que un mesmo consideraba esenciais non están, e que sorprendentemente non eran necesarias, pois a lista de cancións escoitada en directo era, inequivocamente, a necesaria no concerto.

Tal vez, o primeiro que poidamos pensar é que parece unha estratexia claramente sinxela de copiar, e que podería servir para que calquera artista trunfase coma o fai Fernandito Kit Kat. Con todo, se imos aos datos que comentei enriba, veremos que estamos equivocados: o que fai Yung Beef non lle está permitido a outros artistas, senón que só el, Dellafuente e poucos artistas máis conseguiron polo de agora saír dos tópicos máis grandes do movemento trap.

Así, o vivido na Capitol é unha sorte. Unha das mostras máis claras dun artista que, armado ata os dentes con todas as armas que sabe que ten, deu un espectáculo inesquecible. Exemplo e cabeza dun movemento capaz de recoller mediante a música as preocupacións e necesidades dunha xeración, Yung Beef é un artista do presente.

Pódeche interesar...
Mourn, loitando contra o momento