10 películas inesquecibles grazas a Ennio Morricone

Ennio Morricone recibiu o alcume de O Mestre, e tendo en conta o historial resulta máis que acertado: poucos artistas que dedicaron a súa vida a isto da composición de bandas sonoras ten un historial tan dilatado coma o italiano, e moito menos tentaron achegarse a tantos xéneros musicais coma fixo el. A súa música tivo evolucións constantes, e afastado de achegarse a unha zona de comfort, dende ben novo Ennio sempre procurou achegarse a novos xéneros, buscar novos retos e novas maneiras de compoñer.

Falecendo aos 91 anos, Ennio Morricone aproveitou a súa vida como poucos, sendo acreditado como compoñedor en máis de 500 películas. Relixioso e militante, encarou sempre os seus propios límites estilísticos para que en todo aquel xénero que tocase se sentase cátedra, sendo capaz de crear melodías sen as que non se poderían entender as películas onde traballou. Daquelas 500, seleccionamos 10 que nos axudarán a recordalo.

Vergogna Schifosi

Mauro Severino

1969

Unha descoñecida para moitos, en Vergogna Schifosi atopamos en soamente ao redor de vinte minutos de composición unha das obras máis absorbentes e interesantes de Ennio Morricone. Aquí, O Mestre xoga a algo que non acostumou normalmente: con voces femininas como faría logo en filmes como Maddalena, e mediante atmosféricos ritmos pop, deixa pequenos detalles dunha calidade épica á altura de poucos, e nun momento no que pouco —ou relativamente pouco— estaba xa inventado. O filme trátase dun thriller de asasinatos italiano dirixido por Mauro Severino.

O bo, o feo e o malo

Sergio Leone

1971

En O Bo, O Feo e o Malo, Sergio Leone conseguía que cada silencio falase tanto, ou incluso máis, que calquera dos personaxes da súa película. O que atopamos cando non había ese silencio era, destacando sobre o resto, as composicións de Ennio Morricone. O Mestre conseguía aquí introducir un simple asubío como un dos elementos culturais máis significativos da historia, imitado ata a saciedade, pero tamén pistas como L’estasi dell’oro ou Il triello dotan á obra dunha profundidade e unha tensión que axudaron a convertela nunha das mellores películas da historia.

Maddalena

Jerzy Kawalerowicz

1971

Nos anos setenta, buscando novas maneiras de crear, Ennio Morricone adaptou o seu marcado estilo a unha nova categoría: en medio dos cambios sociais dos setenta, aprobeitando o éxito que de repente tiveron as filmes eróticas en Italia —de xeito semellante ao que pasara no Estado co cine de destape—, Ennio comezou a desenvolver temas onde voces femininas e ritmos típicos do rythm and blues estadounidense setenteiro entraban nas súas composicións como instrumentos máis. Entre todas, destaca a psicodélica composición para Maddalena pola maneira na que todo flúe e capaz de atrapar.

O gato das nove colas

Dario Argento

1971

O cine de Darío Argento andaba na procura dun son que acompañase á súa marca persoal, onde a provocación e o terror eran un requerimento previo. O cine de Argento, co que Ennio colaborou ademais de nesta O gato das nove colas noutras catro filmes, permitiu ao Mestre explorar o seu propio son coma ningún outro cinema no que participou, achegando o son de Morricone a diferentes instrumentos ante claras influenzas do jazz.

Novecento

Bernardo Bertolucci

1976

Se ben o clásico rumor é que Morricone era militante do Partido Comunista Italiano, o certo é que non o foi. Con todo, a súa colaboración con directores achegados a este fixo que composicións como a que fixo para Novecento, Queimada ou A Batalla de Alxer destaquen por si soas e merezan incluso unha lista e artigo propios. Os comunistas foron quen mellor entenderon ao Mestre, e onde Morricone se sentiu máis cómodo e entendido para realizar a súa labor. Os resultados son excelsos, e tan cheos de simbolismo e enerxía coma o filme que acompañan. Tanto, que películas como Novecento non poderían entenderse sen Ennio.

A cousa

John Carpenter

1982

Unha década despois das súas colaboracións con Argento, o cine de terror requería de novo os servizos de Morricone. Tras colaborar con Terrence Malick en Días do ceo (1978), abríronselle as portas do mercado estadounidense e foi John Carpenter o primeiro en expremer ao máximo o talento do Mestre. Na súa partitura para A Cousa, Ennio Morricone recolle ideas que apareceran en cine de temáticas similares coma o de Argento, depurándoos tras a experiencia da idade e sendo capaz non só de facer obras magníficas, senón inesquecibles. A Cousa conta cunha das mellores do Mestre, onde intensidade e tensión mestúranse para facer unha das súas máis soadas composicións.

Érase unha vez en América

Sergio Leone

1984

Unha vez que traballaron xuntos tras Por un puñado de dólares, alá por 1964, a conexión entre Sergio Leone e Ennio Morricone foi total, ata o punto de que o director italiano só colaborou dende entón co Mestre, e 17 anos despois de Agáchate, maldito!, volveron a colaborar xuntos en Érase unha vez en América, última película do director. Aquí, Morricone deixa nas súas partituras un ton melodramático único, pero ao mesmo tempo tan épico como o filme precisa.

A Misión

Roland Joffé

1986

Destacaba o propio Morricone dúas veces que na súa vida: unha delas foi fai soamente oito anos, cando coñeceu xunto á súa muller ao Papa Francisco. A outra, como católico devoto que era, foi cando visualizou por primeira vez unha das obras que o teñen como compositor: A Misión, de Roland Joffé. Imaxe e obra conmoveron ao Mestre ata tal punto de que nun principio non quixo aceptar o traballo, pois non pensaba que unha composición súa puidese estar á altura de algo tan precioso. Ao final fíxoo, e toda esa beleza e emotividade foi plasmada como soamente el podía facer.

Cinema Paradiso

Giuseppe Tornatore

1988

Sexa por orde cronolóxico ou por importancia, tal vez algún estivera botando de menos nesta lista Cinema Paradiso. Obviamente, non nos esquecemos da que, tal vez, sexa unha das obras mellor compostas e máis importantes da historia do cinema, capaz, ao igual que o filme, de plasmar na súa totalidade ese amor incondicional que non podemos evitar ter cara este medio. Ennio Morricone é aquí emotivo, a tal punto que destruiría incluso os corazóns máis fríos ante unha obra tan fortemente fráxil. Unha obra mestra.

Os odiosos oito

Quentin Tarantino

2015

A última obra de fama internacional de Morricone veu da man dun dos seus máis obstinados fans, o de sobra coñecido director Quentin Tarantino. Foi polo seu traballo nesta obra, aínda que dunha calidade menor que outras que figuran nesta lista, pola que un Morricone de 87 anos, xa afastado do Partido Comunista Italiano, recibiu o seu primeiro Oscar. Trátase dunha obra sinxela de desfrutar, mais que no filme tivo que aprender a convivir co estilo propio de Tarantino e resultou máis unha obra dun fan cara o seu ídolo que unha relación entre iguais. E, aínda así, ao soar é imposible non sentir a pel de galiña ao escoitar as pezas de Morricone.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.