20 discos a ter en conta este 2019

Este 2019 parece destacar, sobre todo, polos moitos e emocionantes retornos que moitos grupos, incluso fóra de lista, parecen traer. Así, amais dos nosos imprescindibles, debemos recordar e estar atentos aos traballos que grupos como Sleeper, Royal Trux ou Tool.

Xa o ano pasado fixemos unha lista similar a esta. Daquelas, procurábamos con ansia que proxectos que adorabamos viran a luz, mais nalgúns casos non chegamos a ver resultados. Artistas e bandas que nos marcaron, ou algúns que aínda non tiveron tempo de facelo, son o que esperamos deste 2019 que, dende hoxe mesmo incluso, parece que está preparado para que cada venres nos topemos con auténticas marabillas en forma de longos e EPs.

James Blake – Assume Form

Data de lanzamento: 18 de xaneiro

O silencio ao redor do novo traballo de James Blake foi, ata fai ben pouco, enorme. Sabíamos que ía ser el o produtor, coma de costume, mais non moito máis salvo pequenos rumores e filtracións. Acompañado dun equipo de luxo (Travis Scott, Moses Sumney —quen tamén lanza álbum este 2019—, Metro Boomin, Rosalía e André 3000), Assume Form xa soa nos nosos altofalantes.

Los Nikis – Menos de lo mismo Vol 1

Data de lanzamento: 1 de febreiro

21 anos sen lanzar nova música de estudo son, tal vez, demasiados anos. Mais, se se trata dun grupo como Los Nikis, a alegría é máis que xeneralizada. Sen dúbida, trátase dun dos grupos de pop punk máis queridos de todo o estado español, e as expectativas xa están por todo o alto. Tratarase dun novo EP que recibirá o nome de Menos de lo mismo Vol 1, e que incluirá o tema Me confunden con un hípster.

Amaia – Un Nuevo Lugar

Data de lanzamento: Principios de 2019

Dende a saída de OT da artista pamplonesa, Amaia Romero centrou nela focos e preguntas. Que faría a gañadora da edición de retorno do programa? Caería nas mans de Universal para traer unha produción sosa e baleira, como lle está a acontecer a moitas das súas compañeiras?

Tras colaborar con Carolina Durante no tema de Marcelo Criminal Perdona (Ahora Sí Que Sí), lanzou o seu primeiro tema en solitario: Un Nuevo Lugar, dunha duración de apenas un minuto e trinta e nove segundos que semella ser a introdución para o longo. As sensacións en tan pouco foron boas, e serviu para abrir bocas. Vexamos como remata todo.

Weezer – Weezer (Black Album)

Data de lanzamento: 1 de marzo

Liderados polo irreverente Rivers Cuomo, é indiscutible que Weezer son un dos grupos máis interesantes da historia, e ademais dos principais promotores dun power pop que cada vez ten menos importancia. Eles seguen aí, e a cada álbum tráennos un sinxelo do que namorarnos.

Con todo, o seu éxito está lonxe de ser continuo: Dende Pinkerton (1996), non fixeron un álbum verdadeiramente decente ata o seu Weezer (2016), que deron a coñecer como o White Album. E pronto se encargaron de baixarse a eles mesmos os fumes tras o lamentable Pacific Daydream (2017). Cun parón de só un ano, os de Cuomo voltarán este ano tentando recuperar a fórmula do 2016 e lanzarán un novo homónimo, por quinta vez, que será o Black Album. Veremos se o resultado final volve destacar ou se perde ante as unha e mil idas de pinza dos de California.

GLITCHGIRL – Sen anunciar

Data de lanzamento: Febreiro/Marzo 2019

En 2018 GLITCHGIRL lanzaba Royal Flush, e afastábase algo da produción daquel bakalao con gritos que facía para buscar algo diferente. E, unha vez máis, esperamos algo diferente pola súa parte: un traballo de colaboracións internacionais baixo a súa batuta na produción.

Vampire Weekend – FOTB

Data de lanzamento: Abril/Maio 2019

Durante tres álbums, o produtor principal da música de Vampire Weekend era Rostam Batmanglij. Non é moito cuspir para arriba dicir que, grazas a el, os Vampire Weekend convertéronse nun dos grupos indie pop que máis evolucionaron dende o seu comezo, capaces de darnos ese marabilloso Modern Vampires of the City (2013) que aínda retumba nas nosas mentes. Con todo, Rostam marchou, e agora toca ver de que son capaces os de Koening sen o seu produtor principal. Pode saír moi mal, pero ao menos temos curiosidade.

Que sabemos? Que será un doble LP, de 18 cancións, e que teremos novas cancións a partir da próxima semana. Dende entón, irán lanzando entre dúas e tres cancións nos tres vindeiros meses, ata a saída do disco.

Rebeliom do Inframundo – Lume dum dragon

Data de lanzamento: Principios de 2019

Xa o esperábamos a finais de ano, mais non houbo sorte. Con todo, os de Ponteareas volven por fin cun novo traballo tras o seu notable LUME E REBELIOM (2016). Dicían en decembro nas súas redes que xa estaba polo 75 por cento, polo que esperamos que non falte moito máis para ver o traballo ao completo. Polo de agora, espérase que estean no álbum os temas #NONIMOSPOLOREGHO e Plantaron lume ao monte. Na publicación de anuncio do álbum chamaban ao “Lume dum Dragon” en cada letra, e a falta de confirmación oficial, darémoslle ese nome provisional.

Danny Brown

Data de lanzamento: 2019

En 2016, Danny Brown lanzaba un dos álbums de hip hop máis interesantes da década: Atrocity Exhibition recolleu alagos de toda a crítica e foi ben recibido polos seus fans, que agradecían tamén ao rapeiro que buscara irse dos seus límites, traendo un disco onde trap rap e industrial dábanse a man para crear algo novo. En 2018, volvía a aliarse con Purity Ring para traer 25 BUCKS, que continuaba o visto nese 2016. Esperamos ver neste 2019 cal será o resultado final. O único que sabemos polo de agora é que, segundo as súas palabras, está a colaborar nel cun lendario produtor de hip hop.

Tame Impala

Data de lanzamento: 2019

Kevin Parker, cabeza visible de Tame Impala e líder indiscutible do grupo, leva dende a saída do Currents (2015) colaborando con artistas de talla internacional como Rihanna, Lady Gaga, Kali Uchis, Kanye West ou Travis Scott. Moitos fans da banda seguen sen aceptar aquel disco que afastou aos australianos da neo-psicodelia e os achegou ao pop, e todo indica que o desgusto destes aínda non rematou: as colaboracións móstrannos que o máis seguro é que o camiño cara eses sons máis melódicos segue adiante. Non hai confirmación oficial, pero o ambiente está denso. Veremos que nos depara este 2019.

Ataque Escampe

Data de lanzamento: 2019

Ataque Escampe son un dos grupos máis valorados e queridos do noso país. As datas do seu concerto unha pequena procesión inevitable para moitos que, ilusionados, acoden unha e outra vez a cantar as súas cancións. O símil relixioso busca seguir o ambiente creado por estes cando, a final deste ano, lanzaban o díptico de Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018), onde revisaban a súa discografía e traían temas inéditos daqueles vellos tempos. Non se trata de casual, pois anunciaron non hai moito, o 24 de decembro, que andaban a ocorrer cambios substanciais na súa formación, do cal saberiamos máis nos vindeiros meses. Igual adiantamos feitos, pero encantaríanos que fose un novo álbum.

The Cure

Data de lanzamento: 2019

Van xa 11 anos dende que The Cure lanzaron o seu último álbum de estudo ata a data, aquel superfluo 4:13. O Meltdown Festival londiniense será, neste 2019, unha data marcada no calendario de todos os fans pois a banda dará un concerto especial para celebrar os seus 40 anos de historia. Mais isto non é todo, pois en recentes declaracións Robert Smith declarábase eufórico ante a idea de gravar novos temas cos seus compañeiros de grupo. En principio, soarán nese concerto, e esperamos que tamén soen nos nosos auriculares.

Carly Rae Jepsen

Data de lanzamento: 2019

Ninguén esperaría que a canadense que se deu a coñecer internacionalmente grazas á esperpéntica Call Me Maybe ía ser, en pleno 2019, unha das caras máis sinaladas e sinónimo de calidade do pop internacional, pero dende o seu E·MO·TION (2015) calquera dúbida sobre ela debería estar disipada. Este 2019 volverá cun novo traballo, e esperamos que sexa tan impresionante e emotivo como o álbum anterior.

Underclock

Data de lanzamento: 2019

Non lanza nova música dende Lex:Exlex, o sinxelo que presentou en 2018. Con todo, e tras moitas dúbidas de se habería ou non, un dos produtores máis interesantes da escena galega parece que presentará música no ano que ven. Espérase que sexa, polo menos, un EP. Estamos emocionados.

Grimes

Data de lanzamento: 2019

Con Art Angels (2015), Grimes consolidouse como unha das artistas máis únicas no panorama do pop internacional actual. Este fantástico disco trouxo consigo doce videoclips e a maior xira de Grimes ata o momento. Porén, despois de tanta actividade viñeron varios anos de completo silencio. Esperábase un novo disco para o 2018 pero ao final soamente se publicou un sinxelo. Agora, no 2019 parece que si poderemos escoitar o resto do novo material de Grimes, que, a xulgar polo que puidemos escoitar en We Appreciate Power, promete ser máis sorprendente que nunca.

The Racounteurs

Data de lanzamento: 2019

O último disco de The Raconteurs saíu xa hai máis de dez anos. Nese periodo de tempo Jack White formou outra banda, The Dead Weather, desfixo aos White Stripes e lanzou a súa carreira en solitario con tres discos publicados ata o de agora. Pero este 2019 volven os Raconteurs cun disco do que xa puidemos escoitar dous adiantos que dan a sensación de que os anos non pasaron pola banda norteamericana.

Thom Yorke

Data de lanzamento: 2019

Tras entrar no mundo das bandas sonoras con Suspiria, este ano está previsto que se publique o novo disco en solitario de Thom Yorke, no que o líder de Radiohead buscará levar ao estudo as cancións que leva interpretando en directo durante xa case dous anos acompañado por Nigel Godrich, nas que mestura os sons puramente electrónicos con guitarras, baixos e pianos.

FKA TWIGS – LP2

Data de lanzamento: 2019

Basta xa de esperas. O segundo longo de FKA Twigs, que polo ben da tradición reciba o nome de LP2, non pode retrasarse máis. Dende 2015 non vemos nova música súa, e o seu primeiro longo xa está a nada de cumprir 5 anos. Se pensas do proxecto que estamos a falar entra máis pena no corpo aínda, pois o trip hop e a electrónica de FKA Twigs conquistan a cada escoita.

Dios Ke Te Crew

Data de lanzamento: 2019

Tal vez, o regreso galego máis esperado sexa o de Dios Ke Te Crew. Tras sete anos sen lanzar un novo traballo de estudo ao completo, os de Ordes volven cun terceiro álbum. Sokram, Møu e Jamas rapean sobre un beat de Møu con scratchs de DJ Murdock en SILENCIØ, o primeiro adianto. Con todo, García MC non formará parte do retorno.

The Who – Moving On!

Data de lanzamento: 2019

The Who son un dos grupos máis interesantes da historia, creadores de hinos dende o seu comezo e precursores dos álbums conceptuais, aínda que tamén creadores de moitos dos exemplos máis completos deste tipo de traballos. Con todo foron, como moitas bandas da súa época, perdendo importancia e forza nas composicións ao longo do tempo. Deixárono no 83, e no 88. Fóronse de novo do 90 ao 95, e de novo volveron… Mais o son nunca volveu ser o mesmo.

Neste 2019, a banda lanzará o seu primeiro álbum de estudo en trece anos, e semella dende o comezo prometedor pois cambian algo a súa forma de tocar e compoñer: estarán acompañados dunha orquestra en cada espectáculo que dean, e espérase que tamén soe así o seu novo álbum. Townsend e Daltrey prometeron que “a orquestra non compromete a maneira na que Pete e el crean a súa música”.

La Casa Azul – La Gran Esfera

Data de lanzamento: 2019

Sete son os anos que Guille Milkyway leva sen lanzar un novo traballo de estudo baixo o nome de La Casa Azul. E sete anos son moitos, e máis se se trata dun grupo que leva todo ese tempo tocando de maneira máis ou menos activa. Leva, ademais, quentando motores para o lanzamento xa catro anos: en 2016 lanzaba o sinxelo Podría ser peor, e dous anos despois, no 2018, continuaba aumentando as nosas ganas cos sinxelos El momento, A T A R A X I A e Nunca nadie pudo volar. Esperemos que a nova viaxe arrinque, por fin, neste 2019.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.