A 15ª MICE porá o foco na memoria histórica e as linguas

O Cineclube de Compostela volve colaborar programando a selección de películas da sección Trazas

A 15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, que se celebrará do 23 ao 29 de marzo, presenta a programación das súas dúas seccións paralelas. A sección Impropias, comisariada pola cineasta e docente chilena Carolina Astudillo, centrarase na memoria histórica dende a perspectiva de xénero. Por outra parte, o Cineclube de Compostela programa por cuarto ano consecutivo a sección Trazas, cuxa selección de filmes ofrecen unha visión variada e complexa sobre as escollas lingüísticas e a fala.

A selección proposta por Astudillo xira arredor da memoria, da lembranza e da maneira en como recordamos. As propostas das tres directoras escollidas – Paz Encina, Alina Marazzi e Tiziana Panniza– xunto á obra da propia Carolina Astudillo, empregan o medio cinematográfico como método para desmontar as historias oficiais (a do colonialismo e os modelos etnográficos de obxectividade, a dos vencedores dunha guerra civil, a do patriarcado que exclúe a perspectiva e o punto de vista desas mesmas mulleres), ao mesmo tempo que empregan a metraxe atopada e os arquivos para reconstruír a memoria, os espazos de ausencia e a voz dos e das silenciadas.

A sección Impropias estreará en Galicia películas como Un’ora sola ti vorrei da italiana Alina Marazzi, un filme autobiográfico que reconstrúe e libera o espírito feminino da nai da realizadora a través dunha revisión e resignificación dos seus obxectos e escritos. Tamén estreará o documental Ejercicios de memoria, da paraguaia Paz Encina, un xesto de resistencia contra o esquecemento da memoria de Paraguay, país castigado por diferentes guerras e unha longa ditadura. Tamén se poderá ver dentro desta sección o documental El gran vuelo, da propia Carolina Astudillo, o documental que lle valeu á directora o Biznaga de Prata ao Mellor Documental no Festival de Málaga de 2015. Completa esta sección Tierra sola, da chilena Tiziana Panizza, unha película que deconstrúe os estereotipos coloniais que se crearon arredor da Illa de Pascua e os “moais”.

Fotograma de Yezh ar Vezh [A lingua da vergoña] (1979), de Philippe Durand.

Por outra banda, a sección Trazas, programada polo Cineclube de Compostela estreará en todo o Estado Yezh ar vezh [A lingua da vergoña] de Philippe Durand, unha historia que nos descobre a loita pola supervivencia do bretón na década dos 70. A MICE proxectará por primeira vez en Galicia Journal inachevé, filmeda emigrante chilena Marilú Mallet que retrata a perda do idioma propio e o illamento no exilio en Canadá. Este diario fílmico, no que aparece tamén a escritora Isabel Allende, valeulle a Mallet conseguir o Premio especial do xurado no Festival de Cine Latinoamericano de Biarritz en 1983. Tamén será estrea galega Poto and Cabengo de Jean Pierre Gorin, o filme que retratou a Grace e Virxinia, as xemelgas norteamericanas que crearon o seu propio idioma co que se comunicaron ata os oito anos. Por último, proxectarase Het dak van de walvis [O teito da balea] de Raoul Ruiz, unha aventura que se introduce na natureza patagónica para estudar a lingua dos últimos indios yachanes, falándonos da alienación, do etnocentrismo ou da apropiación cultural.

De forma paralela a esta sección, terá lugar na Librería Chan da Pólvora un encontro e recital con Luz Pichel, O Leo e Celso F. Sanmartín, poetas que nos seus traballos e dende perspectivas moi distintas fan uso de formas ‘non regradas’ da lingua, e que compoñen os seus poemas coa fala como forma de subversión lingüística. A través dos seus poemas, e tamén das súas reflexións, os participantes achegarán ideas arredor do significado das súas escollas e da construción da súa propia fala poética.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.