A Coruña gozará do FEC sete anos despois

O verán coruñés recupera a súa cita de referencia coa música electrónica de vangarda. O Festival Electrónica Coruñés (FEC) regresa á programación estival das festas de María Pita cun cartel que xunta nunha única sesión algúns de representantes relevantes da escena estatal e local deste tipo de música. Así o mexicano Murcof acompañado de Sergi Palau; e os artistas coruñeses DJ Elektrogena, Lefrenk e VJ The End actuarán o próximo 18 de agosto no Parque de Santa Margarita.

O FEC 2021, impulsado por Fanzine Project e o concello da Coruña volve celebrarse no marco da programación das festas da cidade tras sete anos de ausencia. Iso si, sen mover un ápice o seu estilo: un cartel variado con estilos que representan diferentes sectores da escena electrónica e mesturando artistas consagrados e locais.

“A electrónica ten un peso moi importante na vida cultural da cidade.Vémolo, por exemplo, con Fanzine Fest. Coa recuperación de FEC incidimos en seguir dando a coñecer e fortalecer un sector cultural moi potente no noso territorio” sinala Pablo Cubeiro, director do festival.

O acceso a esta edición do FEC será gratuíto, pero as entradas poderán reservarse con antelación a través da plataforma web de venda de entradas do Instituto Municipal Coruña Espectáculos.  

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.