A escena musical viguesa darase cita no Museo do Mar

Doce bandas e artistas vigueses ofrecerán sete horas de música este sábado no marco de Vigo Emerxe, un concerto no Museo do Mar de Galicia co obxectivo de poñer en valor a escena musical da cidade. A proposta nace coa vocación de recuperar a esencia da movida viguesa e dar voz ao talento local. Neste sentido, Vigo Emerxe inclúe nomes de artistas e bandas locais emerxentes e outros referentes dentro da escena cultural e musical da cidade que actuarán en dous escenarios.

O escenario Aparcamento contará coas actuacións de Santi Araújo ás 18,00 h., Maryland ás 19,30 h., Basanta ás 21,30 h. e The Soul Jacket coa colaboración especial de Pablo Novoa (exmembro de Golpes Bajos) actuarán ás 23,30 h. No escenario Exposicións temporais, que se atopa no interior do inmoble, daranse cita Babykatze ás 18,45 h., BFlecha ás 20,15 h., r.e.a.l. ás 22,00 h. e Kaixo ás 00,00 h.

No evento tamén participarán artistas convidados como Nicolás Pastoriza (do grupo Bromea o qué?), que ofrecerá unha sesión especial ás 19,15 h. na sala científica do Museo do Mar. Ademais, a partir das 21,00 h., a fachada principal do edificio proxectará videocreacións de Juanma LoDo e Laura Iturralde e o xardín contará cunha instalación lumínica creada por Alejandra Montemayor.

As actuacións rematarán ao fío da madrugada e a entrada será de balde ata completar aforo sen necesidade de realizar reserva previa.

Pódeche interesar...
Paredes de Coura 2019, día III: Black Midi contra o mundo