A sétima edición dos premios Martín Códax renóvase con máis categorías e máis poder de decisión para os músicos

Os proxectos musicais galegos poderán inscribirse do 1 ao 15 de marzo

“Recoñecer e facer rendible o potencial da nosa música”. Con esa vontade vén de presentarse a sétima edición dos Premios Martín Códax da Música Galega en palabras de Xiana Lastra, presidenta da Asociación Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos mesmos. Os galardóns deste ano “botarán luz” sobre 51 proxectos musicais en activo, dos que 17 serán premiados, ademais dos 3 premios á Industria. O proceso de inscrición estará aberto de forma libre e gratuíta do 1 ao 15 de marzo para todos os proxectos musicais galegos e en activo (agás os que foran premiados na edición de 2019).

Esta nova edición introduce dous cambios fundamentais nas categorías premiadas. Por unha banda, a categoría folk/tradicional desdóbrase, pasando a establecerse unha só para a música folk e outra únicamente para a tradicional. Por outro lado, créase unha nova categoría de bandas de música populares. Un total de 17 categorías musicais ás que, por suposto, hai que engadir os 3 Premios Organistrum para a Industria e o Premio Honorífico Músicas ao Vivo.

Representantes das entidades organizadoras -Concello de Pontevedra, AGADIC, Bodegas Martín Códax, Deputación de Pontevedra e Músicas ao Vivo- na presentación. | Foto: Pixelín

Outra novidade importante nestes Premios Martín Códax da Música será o sistema de votacións. Así, invírtese a orde das emisións de voto, facendo a primeira selección un xurado profesional e deixando a decisión fnal de escoller o proxecto premiado nas mans das socias e socios de Músicas ao Vivo. Con este lixeiro cambio dáselle “moito máis poder de decisión” ás músicas e músicos, xa que “ao fin e ao cabo, delas e deles será a última palabra”, tal e como explican desde Músicas ao Vivo.

En palabras de María Garrido, directora de Márketing das Bodegas Martín Códax, “estes premios son necesarios para reivindicar a calidade artística das producións musicais galegas e conseguiron, ao longo das anteriores edicións, posicionarse á altura dos outros premios culturais do país”. Así, a gala final da entrega de premios celebrarase o vindeiro 6 de maio no Pazo da Cultural de Pontevedra, cuxa dirección artística correrá a cargo do director teatral Gustavo Dieste.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.