Cristina Calvete

A Xunta permitirá os concertos en tódolos niveis de incidencia

O Goberno galego autoriza a celebración de concertos en todos os concellos galegos, independentemente do nivel de contaxios covid que teñan, con público sentado que poderá ir dos 2.500 de aforo para os que teñen máis restricións ata os 5.000 do nivel con menos incidencia acumulada. Neste caso, o grupo de concellos no nivel medio baixo, tamén poderán contar con espectáculos ao aire libre con público de pé, que non poderá superar o 33% da superficie útil do recinto e un máximo de 2.000 asistentes.

É unha das medidas recollidas no Diario Oficial de Galicia, publicado na noite do xoves 22 de xullo, e que inclúe as novidades que entran en vigor cando se cumpran as 00,00 horas deste sábado. As únicas excepcións son os eventos contratados en establecementos de restauración para este fin de semana, tales como vodas, que poderán manter a previsión anterior se o concello onde se vai a celebrar aumenta o nivel de restricións.

Deste xeito, os concertos ou representacións ao aire libre só poderán realizarse con público de pé nos concellos co nivel máis baixo de incidencia actualmente en vigor, o medio baixo. As condicións son non superar o 33 por cento da superficie útil do recinto, de forma que cada persoa dispoña de tres metros cadrados, e o aforamento máximo será de 2.000 persoas.

Nos espectáculos musicais e artísticos con público sentado rexen dous tipos de aforamento. Nos concellos con restricións máximas e de nivel alto, un máximo de 2.500 persoas e un 50 por cento da capacidade permitida; mentres que nos de nivel medio e medio baixo, permítese un 75 por cento da capacidade permitida e un límite de 5.000 persoas.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.