Anunciado Splatoon 3 ao final dun Nintendo Direct decepcionante

532 días despois do anterior Nintendo Direct, onte foi retransmitido o evento online encargado de anunciar, segundo eles, as novidades para Nintendo Switch para a primeira metade do ano de 2020. Con todo, non foi así, xa que a maioría dos xogos anunciados teñen a data de lanzamento en xuño/xullo deste ano ou incluso en 2022.

Durante os 50 minutos de Nintendo Direct, o máis longo da compañía dende xaneiro de 2017, cando se anunciou a propia Nintendo Switch, os ánimos estaban por todo o alto. Con todo, poucas expectativas foron cumpridas nunha presentación na que faltaron grandes lanzamentos, podendo destacar, entre unha chea de ports, xogos como Mario Golf Super Rush, Monster Hunter Rise ou Splatoon 3, quen se encargou de pechar o evento.

Das franquicias máis queridas de Nintendo, co permiso de Mario, non houbo novidades por si mesmas. Sen ir máis lonxe, Metroid, Pikmin, Bayonetta ou Pokémon estiveron ausentes. Zelda estivo, anunciándose a reedición de The Legend of Zelda: Skyward Sword en HD, anteriormente xogo exclusivo da Wii. Lembramos que Pokémon celebra neste 2021 o seu 25º aniversario e, Zelda, o seu 35º, se ben poderiamos esperar un directo de Pokémon a semana que vén. Eiji Aonuma, produtor do Zelda, anunciou que haberá máis novidades en relación ao Breath of the Wild 2 neste mesmo ano.

Alén xogos novos e vellos coñecidos que volven estar nas nosas consolas máis novas, anunciouse a chegada de Pyra e Mythra, de Xenoblade Chronicles, ao Super Smash Brosh. Ultimate. A curiosidade é que, se ben son dúas personaxes, estas funcionarán como unha intercambiable.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.