As 20 películas de 2020

Este 2020 aciago por fin vai rematar, mais no audiovisual aínda que nun principio poda parecer un mal ano, soamente o foi para os filmes de grande orzamento. Esta lista das mellores películas de 2020 ao noso criterio recolle os filmes que se distribuíron en cines do Estado español ou plataformas accesibles no mesmo durante este ano. Polo tanto quedan fora as producidas en 2020 e proxectadas en festivais (aínda que foran accesibles mediante plataformas). Igualmente, hai filmes producidos no 2019, pero distribuídos no 2020.

Little Joe

Jessica Hausner

Austria

Esta lista do mellor de 2020 comeza co último filme de Jessica Hausner, un híbrido de ciencia ficción e drama familiar na que destaca unha banda sonora que contribúe á tensión mediante a percusións ou sons como os ladridos de cans. Tamén no uso da cor e nos debates que poden trascender ao propio filme. Unha proposta inusual e interesante.

Monos

Alejandro Landes

Colombia

Alejandro Landes firma unha pelicula que é puro cine, segue a máxima que unha imaxe vale máis que mil palabras. Esta obra sobre os nenos soldado na selva latinoamericana é interesante tanto polo seu arriscado tratamento visual como polas relacións entre os seus personaxes.

Verán do 85

François Ozon

Francia

O filme de François Ozon fala das emoción máis amplas e profundas e do complicado que é aceptar a morte dun ser querido. Baixo a falsa fachada dunha feel-good movie, o director francés crea unha obra que respira liberdade polos catro costados.

Rapeira aos 40

Rhada Blank

Estados Unidos

Radha Blank constrúe a potente carga comunicativa da súa ópera prima cunha liviandade formal chea de fugas humorísticas, escorrentando o risco de caer na pretenciosidade ou na autoflaxelación. Un filme honesto que pon en valor o traballo creativo

Ondina

Christian Petzold

Alemaña

No seu último filme, o alemán Christian Petzold conta unha historia de amor mentres resignifica un mito clásico. Unha grande interpretación de Paula Beer, un linguaxe poético sen excederse e unha crítica ao sistema capitalista entroncan o filme.

As boas maneiras

Marco Dutra, Juliana Rojas

Brasil

Este filme brasileiro dirixido por Marco Dutra e Juliana Rojas é unha rara avis dentro do cinema fantástico. Valeente e con vocación social. Mestura cinema de terror con drama e con secuencias de puro musical. Unhas das películas máis interesantes e sorprendentes deste 2020 que remata.

Ema

Pablo Larraín

Chile

Lume e reggaetón, así podería titularse unha suposta crítica deste filme que recuperou para a causa ao mellor Pablo Larraín. O chileno logra retratar a unha xeración distante á súa dun xeito moi fresco acompañado por unhas imaxes moi suxestivas cunha montaxe moi destacada que o fan unha das nosas imprescindibles para este ano.

Corpus Christi

Jan Komasa

Polonia

Jan Komasa cuspe con esta película aos fundamentos culturais sobre as que se sustenta o seu país de orixe, Polonia. Unha interpretación tan terreal como impactante, Komasa racha as costuras da relixión polaca cun filme tan potente como necesario.

A raíña dos lagartos

Burnin’ Percebes, Nando Martínez, Juan González

España

Malia estar no posto 12, esta é unha desas películas que están no número 1 dos nosos corazóns. Javier Botet, extraterrestres, lagartos e un dominio completo do seu formato. Esta película é unha cousa tan rara como marabillosa, desas cousas que te repelen ou te apaixonan. Pola nosa parte só dicir que a vexades. Logo, por suposto, podedes impugnar.

Mank

David Fincher

Estados Unidos

A primeira película de David Fincher da man de Netflix amósanos a xestación dunha das grandes cintas da historia do cine ao mesmo tempo que critica abertamente o papel dos grandes estudios cinematográficos, todo baixo unha dirección coa que recrea á perfección a estética da época.

1917

Sam Mendes

Reino Unido

Filmada a través dun plano secuencia tecnicamente impecable, Sam Mendes conta en 1917 unha historia sobre as consecuencias da guerra, sobre a tremenda destrución que somos capaces de provocar, sobre a morte e sobre a vida dunha forma visualmente abraiante.

Diamantes en Bruto

Ben Safdie, Joshua Safdie

Estados Unidos

O cine dos irmáns Safdie alcanzou o seu máximo expoñente nesta frenética e ansiosa á vez que fascinante película, que ademais conta con unha fantástica interpretación de Adam Sandler, protagonista absoluto desta cinta coa que conseguiu dar unha volta de 180 grados á súa carreira.

A raíña de corazóns

May el-Toukhy

Dinamarca

O filme da directora danea May el-Toukhy xoga á perfección coas expectativas do espectador para lograr unha narración sorprendente cun enfoque pouco común sobre a súa temática. O resultado, de grande impacto e calidade.

My mexican Bretzel

Nuria Giménez Lorang

España

A debutante Nuria Giménez fixo unha desas películas realmente abraiantes. Parte do found fotage para resignificar unhas imaxes que ata o final do filme non se posan na mente. A película navega entre realidade e ficción, entre a superficie e as súas capas nun crebacabezas narrativo onde visual e sonoro se dan a man para causar sensacións.

Lúa Vermella

Lois Patiño

Galicia

O filme de Lois Patiño, o mellor filme galego que puidemos ver en cines neste 2020, ascende ata a sexta posición. Se ben é unha mirada foránea do que pretende ser unha revisitación do imaxinario mitolóxico galego, a nivel formal rompe calquera tipo de dúbida respecto ao sólido do filme. Ademais é un deses filmes importantes, deses que transcenden, xa que invita a reflexionar se o coñecido como Novo Cinema Galego xa deu todo o que deu de si.

Sound of metal

Darius Marder

Estados Unidos

Esta película sobre un batería que queda xordo dun día para outro posúe un dos deseños de son máis excepcionais das últimas décadas. Ademais, a opera prima de Darius Marder establece unha historia de superación sen romantizar á doenza nin ao doente, establecendo unha narración sobre a inclusión social moi interesante.

Under the Skin

Jonathan Glazer

Reino Unido

Sete anos despois da súa realización, Under the Skin chegou finalmente aos cines galegos durante este atípico 2020. A cinta de Jonathan Glazer, protagonizada por Scarlett Johansson é xa todo un clásico de culto, cunha historia de ciencia ficción diferente a calquera outra película deste xénero. Poder vela en pantalla grande foi unha das poucas cousas bonitas que nos deu 2020.

Estou pensando en deixalo

Charlie Kaufman

Estados Unidos

Charlie Kaufman realiza unha reflexión sobre a soidade tan profunda como confusa. Mais sen ese engano continuo ao observador, sen esa fragmentación abafantemente diluída da realidade e da fantasía, quizais nunca chegaría a construír de xeito tan abisal as ideas que se propón abordar. Unha película que respecta a quen a ve con varios toques da xenialidade que atesoura Kaufman.

Beginning

Dea Kulumbegashvili

Georgia

A ópera prima de Dea Kulumbegashvili é un filme arriscado a nivel conceptual e estético. Beginning é tan perversa como empática, nun xogo de contradicións que encapsula dinámicas sociais transcendentais. Este filme abre portas para un cine contemplativo, que describe coa rudeza máis crúa a posición da muller nunha sociedade patriarcal

O Faro

Robert Eggers

Estados Unidos

O faro é un filme único. A dirección de Robert Eggers é quen de transmitir a soidade, a claustrofobia e o salitre no aire da illa na que ten lugar esta película. A fotografía expresionista en branco e negro é unha das máis impresionantes que se puido ver nas salas de cine ao longo deste 2020, que ilustra á perfección esta historia que percorre o descenso aos infernos da alma de dous fareiros illados, xenialmente interpretados por Willem Dafoe e Robert Pattinson.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.