As inscricións nos Martín Codax aumentan un 32 %

A pesar das circunstancias que se viven polo coronavirus apostarase por tentar manter as datas dentro do posible

A pesar da situación actual debida ao estado de alerta por coronavirus, “na medida do posible” os Premios Martín Códax da Música Galega tentarán respectar as datas e os seguintes pasos a seguir no calendario anunciado, afirman desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos mesmos. A grande afluencia de inscricións, 581, supera en 139 as da pasada edición (un aumento do 31’8%). Con todo, a festa de finalistas prevista para o vindeiro 15 de abril verá modificada a súa estrutura.

A directiva de Músicas ao Vivo destacou o apoio dos músicos e músicas galegas “para visibilizar, como cada ano, a gran cantidade, calidade e diversidade dos proxectos musicais do noso país” e insiste no “carácter non competitivo” do certame”. Respecto ao aumento das cifras, que se cualifican como un “absoluto éxito“, dende a organización trasládase que “evidencia a necesidade” dos premios Mestre Mateo.

Tal e como estaba previsto, do 23 de marzo ao 5 de abril un xurado profesional formado por dúas músicas ou músicos, unha persoa representante dos medios de comunicación, outra da industria e outra da formación musical, procederá á selección dos 3 proxectos finalistas de cada categoría.

AUMENTO DE PROPOSTAS

En 2019 foran 442 proxectos os presentados, con 391 musicais, 11 salas, 25 festivais e 15 medios de comunicación. Neste 2020 todas as categorías aumentaron en volume de propostas, o que supón un 31’7 %  con respecto á anterior, xa que foron 24 salas, 36 festivais, 20 medios e 501 musicais, os que chegados desde distintos puntos da xeografía galega así como doutros tan dispares como Taiwan, Holanda, Londres, Saxonia, Sacramento ou Cardiff.

No eido estritamente musical, a categoría que recibiu máis proxectos foi a de rock, con 70. Seguiuna a de pop/indie, con 57, moi de preto detrás a da canción de autor/a, con 52, músicas do mundo con 43 e folk con 39. Todas as demais recibiron entre 11 e 28 inscricións. Esta foi a cifra das propostas de música infantil.

A festa dos finalistas, que habitualmente se realizaba nas Bodegas Martín Códax, verá modificada a súa estrutura. Anunciada nun principio para o vindeiro 15 de abril, o estado de alerta fai que non sexa posible realizarse segundo o previsto por non poder congregarse un número tan elevado de persoas.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.