Así é Cinema pola Fiestra, audiovisual galego proxectado para o barrio

A iniciativa seguirá polo menos ata que remate a corentena

Nestes tempos de confinamento tan complicados poden xurdir iniciativas preciosas. Cinema pola Fiestra é unha iniciativa que propón a emisión dunha curtametraxe galega diaria proxectada nun edificio. A cita é ás 21:45 todos os días na Ronda de Don Bosco en Vigo, pero se non se ten o pracer de vivir nese lugar, a través das redes sociais pode desfrutar da iniciativa a través de directos.

Yago Barril, o artífice de Cinema pola Fiestra, explica que os tempos actuais adiantaron a posta en marcha desta particular sala de cine: “A idea xa a tiña pensada para o verán, facer as proxeccións no patio interior do meu edificio para os meus veciños, pero con toda esta situación dinlle unha volta para facer algo que puidera desfrutar todo o barrio”.

Yago Rodríguez

Nas dúas semanas que leva en marcha, polo seu proxector pasaron directores da categoría de Álvaro Gago, Sara Traba ou Fon Cortizo. “As curtametraxes consígoas preguntando directamente aos seus autores, que sempre se mostraron moi próximos e animados coa iniciativa”, comenta Barril. Aínda que hai ocasións nas que lles pasan enlaces para proxectalas, a meirande parte das veces utiliza obras en aberto, aínda que aclara que que estean libres “non significa que estean á vista de todos precisamente”.

Respecto ao seguimento, o organizador de Cinema pola Fiestra admite que en directo non se está a ter unha acollida masiva aínda que lle consta “que dúas ou tres familias o seguen a diario”. En cambio, valora moi positivamente o seguimento que está a ter en redes sociais tanto nos directos como en outro tipo de publicacións que sube co obxectivo de promocionar este cine alternativo.

Respecto ao futuro, Barril ten claro que a súa intención é seguir coa iniciativa cando menos ata que remate a corentena: “É moito traballo, pero me animan a que siga. Cando esta situación remate xa verei se facer un parón ou non, aínda que a min gustaríame continuar durante máis tempo”. Parece que temos cinema para rato pola fiestra da Ronda de Don Bosco.

Pódeche interesar...
We Are One, os principais festivais de cine do mundo únense en Youtube