Ataque aos Titáns 4×03: Ollos azuis son mentireiros

Unha semana máis, Ataque aos Titáns lévanos de volta a ese cada día máis rico e interesante mundo que envolve belicismo e xenofobia, cada día dende unha perspectiva máis antagónica e onde semella prometerse un epílogo á historia por todo o alto. Un lugar onde colisionan ideas e pensamentos de novos e antigos personaxes.

Reiner Braun, quen aos poucos estase a converter nun dos personaxes máis interesantes da serie, volve a tomar unha semana máis o papel protagonista para desenvolver con aínda máis soltura eses pequenos detalles —ou non tan pequenos— que dan forma á súa personalidade. -Neste caso tamén dándonos respostas a frases que outros personaxes dixeron en episodios anteriores, así como completando información que levamos moito tempo coñecendo.

De novo, miramos atrás: moi, moi atrás. Se no primeiro episodio podiamos atopar paralelismos no contado agora co relatado no primeiro episodio da serie, neste novo situámonos temporalmente nos mesmos momentos nos que comezamos a historia: vemos a Armin ir a buscar a Eren quen, na pola, mira aos muros da Muralla María esperando a que algún día pase algo; para posteriormente ver a cara de terror que os que antes eran os nosos protagonistas mostran cando o Titán Colosal aparece por primeira vez en escena e cambiar por completo as súas vidas.

Con todo, observamos isto dende unha nova perspectiva, comentada anteriormente: Reiner é agora o noso fío condutor, e exploraremos aínda máis como chegou ás situacións límites vendo de maneira pormenorizada como é a súa relación coa familia, como é a súa entrada na Illa de Paradis. E tamén veremos respostas a ese cambio de personalidade —descoñecido para nós— que sufriu Reiner trala morte de Marcel en mans do titán de Ymir, do que o protagonista se sinte culpable.

Pasados estes feitos e entrando máis no contido que vimos na propia serie, veremos tamén encontros entre eses monstros que habitan Paradis e os guerreiros de Marley. De maneira interesante e sutil, os ollos azuis de Eren destacarán nos tons sepia que adornan aos flashbacks neste episodio, utilizando esta familiarización por contraste no final do episodio para darnos unha pequena sensación de que a bomba, aínda sen semellar nunca desactivada, está a piques de estalar. Eren está en Marley, e a súa presencia non pode ser casual.

Nesta mirada atrás, aínda así, seguen a existir incógnitas rodeando aos personaxes que coñecemos dende o principio. Podemos aceptar a presencia de Bertolt Hoover, quen semella ter cumprida xa a súa función na trama, mais todo aquilo que rodea á figura de Annie Leonhart, aínda cristalizada dentro da Muralla Sina, segue a ser un enigma para nós, e este episodio non fai máis que aumentar a fantasía sobre a súa figura.

No apartado visual, engadido ao xogo coas cores, este episodio serve a MAPPA para despexar incluso máis dúbidas —se é que quedaba algunha tralo primeiro episodio— de que poden facer algo de calidade con Ataque aos Titáns. Se ben a dose de acción que se nos da é pequena –ao achegarnos a momentos que xa coñecemos e conseguindo que este feito non resulte estraño- seguimos esperando desexosos que chegue o vindeiro domingo para vivir unha vez máis a nosa despedida.

A última tempada de Ataque aos Titáns comeza a tomar forma. Nun episodio cheo de feitos e caras coñecidas, semella que a acción está a piques de comezar. Avanzamos cara os infernos de maneira inevitable, guiados por un ollo azul e frío. Prepárense, que veñen curvas.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.