Ataque aos Titáns 4×09: Un mundo titánico

Cantas incógnitas nos quedan por resolver? Cantas historias nos quedan por descubrir? Como chegamos a onde estamos? Tras oito episodios, a metade da última tempada, Ataque aos Titáns aínda ten máis preguntas que respostas. E este noveno capítulo tenta achegarnos, por fin, a elas.

Volvemos atrás. Non tan atrás como outras veces. Eren continúa tendo máis pelo do que lembramos que tiña. A fame de Sasha continúa sendo unha desas cousas que dan luz aos episodios. Armin semella máis curioso que canso. O drama aínda está por chegar.

Se alguén botaba de menos aos nosos protagonistas de sempre, este episodio achéganos de novo a eles. E non só isto, senón tamén á Illa de Paradise. Volvemos a un punto intermedio entre o que vimos nesta tempada e aquel reto que un triste Eren lanzaba a un mundo ao que declaraba o seu inimigo.

A trama achéganos a novos personaxes que fai dous episodios eran aínda estraños para nós. E aínda o son, pero por fin podemos perfilalos. Entre eles, destaca por si mesma Yelena, cuxa obsesión con Zeke, e sabendo o que sabemos del, semella tan perigosa como interesante. Os seus ollos parecerán baleiros, salvo cando esa obsesión dá lugar. Con todo, o seu papel aínda está por descubrir.

O que estes novos personaxes traen consigo son explicacións, tan necesarias como ben recibidas: coñecemos parte das motivacións da traizón de Zeke a Marley, mostrándose coma un novo aliado de Paradise dende moitos anos antes do que pensabamos. Se ben as feridas que este abriu na sociedade dos insulares non están pechadas —e ben vemos isto no episodio anterior mediante Levy—, a evidencia fai que non quede máis remedio que aceptalo como aliado.

A realidade é que Marley é un inimigo temible. Máis do que podería parecer cando os seus ataques á Illa de Paradise ata o de agora foran enviar a nenos soldado co cerebro lavado. O feito de que foran capaces de facer algo así e sementar o pánico coma o fixeron podería ternos dado unha pista. Pero agora, o que vemos é que o poder militar destes é tan grande que podería destruír aos nosos protagonistas nun abrir e pechar de ollos se o mundo non fose descoñecido.

O Eren do presente está preparado para afrontar ese mundo máis grande. E repítese aquela frase que vimos episodios anteriores na súa boca: Loita. Tes que loitar. Se non lotas, morres. Se gañas, sobrevives. Non podes gañar se non loitas. E parece que a súa visión do conflito non cambiou: para el, todo o mundo é o inimigo. E se non están dispostos a dalo todo, a súa liberdade nunca acontecerá.

A idea de liberdade sempre definiu a Eren. Dende o comezo, o seu soño foi este. E esta idea, mais o amor pola vida dos seus amigos, forman a súa personalidade máis intrínseca. Aquelo que Armin falaba de ver o mar, de ver o mundo, para Eren non era máis que unha maneira de definir a liberdade. E, como vimos ao longo do que vai desta tempada, fará o que faga falla para conseguila.

O que é certo, sen dúbida algunha, é que este episodio era tan preciso que se pasa voando. A tempada tívonos ata este momento cunha intensidade impresionante, pero ao mesmo tempo precisabamos contexto. Tragamos toda a información que se nos desborda ao longo do episodio nove coma se levásemos un mes no deserto. E é preciso, pois así preparámonos para continuar cara adiante.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.