Blacksad: Under The Skin – Revivindo as aventuras gráficas

As aventuras gráficas marcaron un antes e un despois nos videoxogos cando a industria todavía comezaba a despegar. Lucasarts foi un dos estudos máis prestixiosos na década dos 90 con títulos que deron a volta ao mundo como Day Of The Tentacle (que foi remasterizado recentemente), Monkey Island ou Sam & Max Hit The Road. Semellaba que, co peche do lendario estudo por parte de Disney tras a adquisición de Lucasfilm, o xénero estaba condeado ao esquecemento, pero desenvolvedores como Pendulo coa saga Runaway ou Daedalic Entertainment co fabuloso Deponia o seguiron mantendo con vida. Tamén á súa maneira, os archicoñecidos Telltale, coas súas experiencias case cinemáticas nas que as decisións dos xogadores aspiran a ter un rol clave.

Blacksad: Under The Skin, obra do estudo independente español Pendulo, dálle unha nova vida ao xénero da aventura gráfica mesturándoo coa fórmula xa repetida ata o agotamento de Telltale e engadíndolle (simples) mecánicas detectivescas ao máis puro estilo L.A. Noire. Basada na serie de cómics de Juan Díaz Canales e Juanjo Garnido, o videoxogo presenta un universo de animais antropomórficos moi semellante ao do Wolf Among Us (inspirada tamén nun conxunto de historietas, Fabled) pero cunha ambientación de film noir que sitúa aos personaxes na década dos 50 en Estados Unidos.

Unha cidade chea de segredos e desconfianza

Blacksad é un gato negro que se gana a vida como detective privado despois de servir ao seu país na segunda guerra mundial. Pronto aprendemos que non goza da mellor saúde mental e que está sumido por unha profunda depresión tras perder á súa amada, Natalia (feito que se explica na primeira historieta publicada por Díaz Canales e Garnido). Este suceso uniuno co xefe de policía Smirnov, un pastor alemán que parece ser, xunto con Blacksad, unha das poucas persoas coa súa integridade intecta de toda Nova York.

A historia comeza co aparente suicidio de Joe Dunn, dono dun ximnasio de boxeo e entrenador dunha das grandes promesas deste deporte, Bobby Yale, que desaparece pouco antes de que a limpiadora, Mary Purnell, atope o corpo. Yale tiña previsto enfrontarse en dúas semanas ao campión, Al Stone, un alce cuxo representante trata de convertir o boxeo nunha mafia clientelar. Blacksad é contratado pola filla de Dunn para que atope ao aspirante a campión, pois o negocio quebrará e ela quedará cuberta en débeda se o combate contra o campión non sucede.

Xa desde o principio, o detective protagonista atopa indicios de que algo cheira mal no suicidio de Dunn e, canto máis afonda no caso, máis se adentra na corrupción do puxilismo: apostas ilegais, dopaxe, prácticas mafiosas dos representantes… É lidiando con estas situacións onde aflora a personaxe de Blacksad: cínico, astuto e osado; non dubida en facer o que sexa para chegar ao fondo do asunto, aínda que non se deixa levar polas emocións e tamén é capaz de amosar unha empatía que o humaniza.

Neste aspecto o xogo brilla especialmente, pois, como nas aventuras de Telltale, as decisións que tomamos definen á nosa personaxe. Pero os desenvolvedores de Pendulo decidiron levar esta mecánica un pouco máis alá deixándonos “configurar” o noso propio Blacksad. No menú de pausa atopamos a opción “Tu Blacksad”, na que, coma se de un xogo de rol se tratase, se nos amosan os rasgos de personalidade que, a través das nosas decisións, basean a personalidade do protagonista da historia. Esta pequena adición engade unha rexogabilidade que títulos de Telltale quizáis non teñen, pois permite saber case con exactitude como as demais personaxes perciben a Blacksad e actuar en consecuencia para ver que pasaría se facemos as cousas doutra forma.

Bonito, pero pouco optimizado

Blacksad: Under The Skin estaba listado nun principio para setembro, pero Pendulo moveu a súa data de lanzamento a novembro para puír o título. Unha decisión comprensible, pero que por momentos non se corresponde coa experiencia xogable. As longas pantallas de carga invitan a pensar que a optimización do xogo non é a adecuada, e diversos bugs do motor gráfico dificultan a xogabilidade por momentos, en especial nas pantallas dos “sentidos felinos” (mecánica da que falaremos máis adiante), que a meirande parte das veces non amosa as retículas da interfaz, facendo a sección case inxogable.

Outro dos erros que se poden atopar comunmente durante a aventura é algo máis preocupante, pois forza a reiniciar a consola, polo menos na versión de PS4. Nalgunhas escenas que conteñen unha sorte de flashbacks para ilustrar eventos pasados ou poñerlle cara a personaxes dos que se fala, estes non cargan e ao rematar o diálogo non podemos retomar o control de Blacksad nin arranxalo de ningunha maneira. É un soft lock en toda regra que forza a apagar a consola, pois volver ao menú principal e cargar a partida non o arranxa.

Aínda que estes erros amolan e afectan á xogabilidade do título, non é nada que non se poida arranxar cun futuro parche. Centrándonos nos seus puntos fortes, a ambientación deste Blacksad: Under The Skin é un dos maiores acertos do estudo español, que soubo trasladar á perfección o estilo de cómic e de film noir ao entorno en 3D da cidade de Nova York. Desde a típica oficina de detective privado con porta de cristal translúcido ata os sotos onde se levan negocios clandestinos de apostas, pasando polo mítico diner estadounidense no que os policías sempre paran a discutir os casos e tomar un café. Nada falta nesta representación do mundo creado por Díaz Canales e Garrido.

No apartado técnico, os desenvolvedores prefiriron non arriscar en exceso. Aínda que o xogador ten máis liberdade da esperable nunha aventura gráfica á vella usanza para moverse polo espazo 3D, o control é rudimentario e con cámara fixa, como nos primeiros xogos en tres dimensiones de finais dos 90 (Resident Evil, por exemplo), polo que rexistrar cada recuncho de cada escenario ás veces pode facerse incluso difícil ao non poder mover o punto de vista.

Na pel dun detective privado

As aventuras gráficas clásicas baseaban o 90 por cento da súa experiencia en recolectar obxectos ao longo dos escenarios que se almacenaban no inventario para combinalos e resolver as diferentes situacións propostas polos creadores. Aínda que xogos como Deponia todavía utilizan este sistema, resulta moi pouco intuitivo para os xogadores que non usan PC, pois a maioría das accións involucran ao rato. Deste xeito, Blacksad: Under The Skin conserva a premisa básica do xenero: escudriñar todos os mapas para atopar todo o que un poida para ir poñendo as pezas do crebacabezas. Pero non almacenamos nada no inventario nin temos que deducir como ou onde colocar obxectos, senón que, coma un detective de verdade, imos recolectando información e pistas que nos axudarán a chegar ao fondo do caso.

O título de Pendulo Studios presenta unha mecánica de “deduccións” que, na teoría, é bastante simple: a medida que atopamos información relevante, esta almacénase e, se imos relacionando dúas ou tres xuntas, chegamos a conclusións que farán avanzar a trama ou nos permitirán preguntar máis cousas á xente para seguir investigando. É, sen dúbida, un sistema moito máis sinxelo que o de L.A. Noire –o cal nos permite errar nas nosas deduccións con graves consecuencias para o caso–, pero fomenta que o xogador intente sacar conclusións por si mesmo para saber onde buscar as pistas e guiar con máis atino ao protagonista felino.

Unha das peculiaridades deste videoxogo é a mecánica de “sentidos felinos” –que aparece bugeada en moitas ocasións e dificulta a súa utilización– que aproveita a condición gatuna do protagonista para aumentar as nosas habilidades detectivescas. Trátase dun simple minixogo no que temos que ir movendo a retícula para atopar que é o que Blacksad percibe cos seus oídos, vista e olfato que a simple vista non se pode percibir. Nalgunhas secuencias incluso se utiliza para tratar de saber se o interrogado está dicindo a verdade ou non.

O gameplay é excesivamente simple para un xogo de detectives, pero inxenioso e diferente se o tomamos como unha aventura gráfica cuxo punto forte é, sen dúbida, a historia. Aínda que con algúns matices un tanto rebuscados –trátanse temas como o racismo, pero sen especificar moito en que consiste esa opresión–, o argumento é sólido e a dobraxe ao español, salvo contadas excepcións, moi boa. Cabe destacar tamén o apartado musical, composto principalmente de jazz lixeiro que introduce ao xogador de cheo nos anos 50. Dependendo da tensión do momento, os instrumentos de vento terán máis intensidade ou non, axudando a esa inmersión

Deixando os problemas de optimización que alteran puntualmente a experiencia, Blacksad: Under The Skin trátase dun título que recolle ese encanto das aventuras gráficas que parecía perdido e dálle unha nova vida a este xénero en consolas da xeración actual. Sería interesante que tivera unha continuación na que os desenvolvedores apostaran, ou ben por unha experiencia máis cinemática –ao estilo das aventuras de David Cage co seu estudo Quantic Dream– ou ben por un xogo de detectives máis innovador e arriscado como no xa mencionado L.A. Noire de Rockstar, pois este híbrido a medio camiño, aínda que moi desfrutable, non ten futuro como franquicia se non evoluciona.

Desenvolvedora: Pendulo Studios
Distribuidora: Microids
Ano: 2019
Director: Ramón Hernáez
Guión: Ramón Hernáez, Josué Monchán
Compositor: Inon Zur
Plataformas
PS4
Xbox One
Nintendo Switch (10 decembro 2019)
Microsoft Windows
Mac OS
4
Pódeche interesar...
Longo pétalo de mar: Unha historia de Isabel Allende sobre loitas e exilios