Búscanse mecenas para celebrar a segunda edición do Delas Fest

Búscanse mecenas para celebrar a segunda edición do Delas Fest. Esta é a fórmula escollida por 7H Cooperativa cultural para organizar este festival feminista de arte urbana e contextual tendo en conta a dificil situación que atravesa o sector cultural como consecuencia da pandemia da COVID-19.

Esta entidade, dedicada á xestión cultural, á educación artística e á creación contemporánea, vén de lanzar unha campaña de micromecenado na plataforma virtual Goteo co obxectivo de recadaros 42.400 euros necesarios para celebrar unha nova convocatoria do evento, orientado ao combate das desigualdades materiais e simbólicas que sofren as mulleres nesta disciplina.

A gran acollida e impacto da experiencia inaugural, celebrada en decembro de 2019 cun cento de participantes, alentou á equipa organizadora a traballar neste novo evento. “Debemos perservar na construción de espazos de creación e debate cos que democratizar a expresión na rúa e desmontar os prexuízos e falsos argumentos que sosteñen a discriminación de xénero na arte urbana”, explican. Fronte o apenas 19% de nomes femininos que, de media, asinan obras nos festivais españois en activo cun mínimo de cinco edicións, o Delas Fest aposta por un cartel composto integramente por mulleres.

Dúo Amazonas durante o I Delas Fest / Marcos Boedo – 7H Cooperativa Cultural

7H aspira a transformar as doazóns do mecenado nunha edición máis longa, extensa e diversificada, na que ampliará o número de municipios involucrados e extenderá a duración do festival até as catro semanas. Ademais, a entidade quere implicar a un maior número de participantes con perfís máis plurais na programación, composta por catro intervencións artísticas; obradoiros de creación; faladoiros de análise e debate; un encontro de improvisación pictórica e espazos de convivencia entre colectivos, asociacións veciñais e artistas.

Malia que a proposta conta co apoio dos municipios de Ames, Brión, Teo e Santiago, a celebración da totalidade da actividades previstas dependen, en moi grande medida, do apoio económico colaborativo. O crowdfunding, que fixa unha recadación mínima de 8.900 euros en 40 días para poder aspirar a acadar o orzamento total, xa conta coas doazóns de preto dun cento de persoas.

Pódeche interesar...
‘O ministerio do tempo’ chega a HBO España