Cineuropa 33. 15 grandes filmes que poderás ver gratis nesta edición

Estas son as 15 películas gratuítas do catálogo do Cineuropa deste 2019 que non deberías deixar escapar.

Cineuropa non consiste, simplemente, en que tres ou catro salas de Santiago de Compostela proxecten catro películas diarias. O festival é moito máis, e a súa principal misión é facer que respiremos cine durante todo novembro ata o punto de pensar que é algo tan típico da cidade como saír de casa con paraugas por se chove.

Tras as seccións oficiais, de pago, Cineuropa conta cunha serie de seccións paralelas a cuxas proxeccións, polo normal, podemos acceder de maneira gratuíta para ver filmes do onte e do hoxe que significaron algo para xeracións pasadas e que estas poidan volver sentirse como daquelas ou que novas xeracións poidan sentir as mesmas ou novas sensacións ao velas.

Destacando seccións como o Ciclo cine e feminismo:  “Bechdel en Hollywood”, Cine e cambio climático: “Os últimos días do edén” ou o Ciclo ‘Paisaxes urbanas no cinema galego’, difícil sería que ningunha película desta longa lista puidese ocupar un lugar especial dentro de nós. Tras somerxernos no catálogo unha vez máis, deixámosvos as 15 películas que pensamos que non deberiades deixar escapar.

A Favorita

Yorgos Lanthimos

SÁB 9 – 16:00 (Museo das Peregrinacións)

Yorgos Lanthimos é un dos directores máis provocadores do momento. As historias que conta nas súas películas son entravesadas, rebuscadas a máis non poder e que dende un primeiro momento convencen ante tales distopías que se nos mostran cunha perversión que non esperariamos. En todo caso, salvo en A Favorita.

Para esta filme, Lanthimos abandonou a depravación explícita para contar unha historia de aires moito máis sutís, aproveitando un presuposto moito maior que o das súas obras anteriores para contar unha historia diferente e apaixonada sobre amor, envexas e vinganza. A Favorita é unha obra marabillosa e de gran desfrute que non poderiamos esquecer nesta lista.

A Estación Violenta

Anxos Fazáns

DOM 10 – 19:50 (Museo das Peregrinacións)

Unha das grandes películas galegas do ano pasado. A Estación Violenta, baseada nunha novela homónima de Manuel Jabois, é a primeira longametraxe da pontevedresa Anxos Fazáns. Nela conta a historia dun home atrapado pola propia sociedade, por ter corenta anos e botar de menos a súa vida de vinte.

O son, Santiago de Compostela practicamente como un personaxe máis, o tratamento dos corpos… son moitas as virtudes que se poden dicir deste filme. A xuventude (sexa o que sexa e vaia a onde vaia) ten data de caducidade aínda que non se queira.

L’Histoire d’Adèle H.

Fraçois Truffaut

DOM 10 – 18:50 (Multicines Compostela)

No ano 1975 Fraçois Truffaut sacou á luz este filme. A protagonista é Adele Hugo, filla do escritor Victor Hugo. Esta muller decide afastarse da sociedade por decisión propia e vivir dun xeito introspectivo, poñendo case aos seus propios sentidos nunha escala inferior.

Con todo, ten unha obsesión por un amor non correspondido cun oficial da mariña que a levou a caer. Máis adiante o propio director declarou que nin sequera el mesmo sabía por que rodou o filme. “A obsesión ten algo vertixinoso e creo que fun arrastrado por ese vértigo”, declarou o francés.

A Seducción

Sofía Coppola

MÉR 13 – 17:10 (Multicines Compostela)

Mentres esperamos por On the Rocks, onde Sofia Coppola voltará a traballar con Bill Murray, debemos botar unha ollada atrás. Concretamente, á súa última película, que xa data de 2017, que se trata dun remake da película O Seductor dirixida por Don Siegel en 1971.

Para A Seducción, Coppola tentará non deixarse nada no tinteiro: estamos ante unha película dunha enorme beleza visual e elegancia exquisita na que a directora se afasta da súa zona de confort.

As Altas Presións

Ángel Santos

MÉR 13 – 18:15 (Museo das Peregrinacións)

É a segunda longametraxe de Ángel Santos e unha película moi especial. Ambiental, rodada en pequeno para contar algo moi máis grande e unha demostración máis do talento galego no cinema. Unha obra moito máis influínte para os cineastas do que se traduciu en entradas vendidas.

Cun movemento circular da cámara característico, coa mirada dun Andrés Gertrúdix, cun plano seco e honesto que di máis que moitos travellings. Santos ten moitas razóns polas que sentirse orgulloso da súa película, un retrato individual dun problema colectivo.

Alien, o oitavo pasaxeiro

Ridley Scott

XOV 14 – 20:00 (Auditorio de Galicia)

Poucas palabras máis se poden escribir xa daquela película que puxo para sempre o nome da tenente Ellen Ripley no mapa dos personaxes máis impresionantes que apareceron nun blockbuster. Para sempre quedaron tamén os nomes de Sigourney Weaver, a actriz que lle deu vida, Ridley Scott, o director da filme, ou Michael Seymour, quen foi o encargado de deseñar unha das bestas máis míticas do cine: ese Alien que tantas películas, videoxogos e como non, pesadelos, protagonizou ata o día de hoxe.

Temos unha nova oportunidade de pasar por unha das experiencias máis enriquecedoras da historia neste Cineuropa, e esa é a de volver a ver en pantalla grande a marabillosa Alien, o oitavo pasaxeiro, o filme que comezou unha franquía e se converteu en lenda.

Barbarella

Roger Vadim

XOV 14 – 21:45 (Museo das Peregrinacións)

Dirixida polo francés Roger Vadim e protagonizada por Jane Fonda, Barbarella é unha desas películas que antes nos veñen á mente cando pensamos no que é unha “película de culto. Extraterrestres, topónimos longos en momentos absurdos, incluso ás veces máis absurdos que os propios nomes dos personaxes, e erotismo desfasado son as principais armas coas que esta obra conta.

Sería estraño que Barbarella nos encantase a día de hoxe. O humor queda lonxe, afastado das nosas xeracións, cun cheiro bastante a… rancio. E, aínda así, como non recomendar ver algo tan absurdo cando o Cineuropa nos da a oportunidade? Se Jean-Claude Forest e Claude Brulé seguisen aquí e visen que aínda a día de hoxe a película da súa banda deseñada segue a proxectarse, sen dúbida algunha botarían as mans á cabeza.

Lady Bird

Greta Gerwig

XOV 14 – 22:15 (Multicines Compostela)

Lady Bird foi un dos grandes filmes do ano pasado. Dirixida por Greta Gerwig foi unha gran sensación e estivo ata dominada ao Oscar como mellor película. A historia trata de como unha adolescente de inclinacións artísticas e un carácter fora do habitual medra e vive a súa vida con aspiracións de algún día lograr convirse nunha adulta.

Gerwig roda unha película tan auténtica como honesta, produto dunha toma de decisións meticulosa dende o uso das elipses, a banda sonora con éxitos da época na que se presenta o filme ou unha coidada colocación da cámara.

A Viaxe de Chihiro

Hayao Miyazaki

VEN 15 – 18:30 (Sala Agustín Magán, CSC Santa Marta)

Hayao Miyazaki é o gran nome da animación xaponesa. Detrás da súa firma están as obras máis importantes de estudio Ghibli e entre todas elas A Viaxe de Chihiro é a que máis repercusión tivo, chegando a colleitar o ata data único Oscar xaponés a mellor película de animación.

A historia conta a historia dunha nena que se va atrapada nun mundo sobrenatural do que ten como misión saír. Este filme transcende o seu propio xénero e deixou imaxes icónicas no medio. Ademais, é bandeira dunha forma de facer cinema diferente e singular que nos deixou o xa desaparecido Estudio Ghibili.

Tropical Malady

Apichatpong Weerasethakul

SAB 16 – 19:30 (Cinema Numax)

O cine de Apichatpong Weerasethakul roza sempre o surrealismo, a fantasía e está cheo de experimentos infalibles que nos fan retorcernos por dentro, aínda que tal vez non sexa para todolos gustos.

Tropical Malady está chea de simbolismo e potencia, chea de imaxes suxerintes e planos que tentan suplir a falta de diálogos e os ritmos frenéticos aos que tan acostumados estamos polo cine occidental. Se ben non será un viaxe pracenteiro para todos, se vos atrevedes a achegarvos a promesa é que non vos deixará indiferentes.

Varda por Agnès

Agnès Varda

DOM 17 – 19:00 (Cinema Numax)

Este documental dirixido por unha das voces máis autorizadas da Nouvelle Vauge a modo de autobiografía é a mellor despedida que podía haber a unha das figuras máis importantes da historia do cinema e que tivemos que sufrir a súa perda.

Vardá da unha lección do que é unha película con este filme. A mostra dunha persoa que tiña tanto que mostrar aínda que pouco lle quedaba no mundo. Soamente o respecto debido pola súa figura era motivo para incorporala. Eterna.

Kagemusha, a sombra do guerreiro

Akira Kurosawa

DOM 17 – 20:00 (Museo das Peregrinacións)

Ao falar do cine do mestre Kurosawa, resulta inexplicablemente sinxelo esquecerse de Kagemusha. Lanzada entre Ran e O Cazador, e incluso considerable como unha das obras menores do director, continúa a ser unha experiencia maxistral e incluso unha das obras máis íntimas deste.

En Kagemusha, a sombra do guerreiro, Kurosawa volve ao xapón medieval a mostrar unha épica capaz de deixarnos coas bocas abertas, cortarnos en mil pedazos e emocionarnos ante tal fantasía dramática. Unha oportunidade fantástica para vela.

Dhogs

Andres Goteira

LUN 18 – 18:00 (Museo das Peregrinacións)

Dhogs é historia do cinema galego. A ópera prima de Andrés Goteira é unha das mellores películas do noso país. Tanto por explorar un xénero tan esquecido en Galicia como o fantástico, como polo resultado que se conseguiu cun orzamento ínfimo.

O filme trata sobre a violencia, a insensibilización do ser humano cara ela e non se parece a practicamente nada do que se fixo en Galicia anteriormente. Un antes e un despois -aínda que pouco despois houbo dende a súa estrea- para un cinema que cada vez latexa con máis forza.

A Vingança de uma Mulher

Rita Azevedo Gomes

MÉR 20 – 22:00 (Salón Teatro)

Rita Azevedo Gomes é unha das artistas máis interesantes da nosa xeración, e ás veces parece que a nosa principal queixa ante ela debería ser que non chegase antes ás nosas vidas. Non é un nome que nos debera resultar novo, e se cadra é sinxelo localizar a súa obra grazas á súa última estrea, A Portuguesa, que tivemos a oportunidade de ver nos cines do noso país fai ben pouco.

A Vingança de Uma Mulher é poesía. Unha auténtica marabilla na que ningún dos nosos sentidos debería quedar sen trastocar, emocionante e conmovedora a máis non poder e para a cal as etiquetas quédanse curtas. Non o dubidedes!

In Between

Jonas Mekas

MÉR 20 – 21:00 (Walden: 17:00) (Teatro Principal)

Tras rematar a guerra, posteriormente de ser recluído nun campo de concentración da Alemaña nazi, Jonas Mekas abandonou Lituania e exiliouse a Estados Unidos. Dende a súa chegada gravou as súas vivencias ata que, en 1969, e tras sentarse horas e horas na sala de montaxe, creou o que hoxe en día coñecemos como Walden: Diaries, Notes and Sketches. Trátase dunha obra sen igual. Cinema en primeira persoa e voz en off para contar, simplemente, vivencias coma se estivésemos ante un diario gravado.

Walden estará neste Cineuropa. De feito, será proxectada xusto antes de In Between, sendo esta última un complemento da mesma. E, se decidimos destacar esta obra antes ca outra non é por cuestión de calidade, senón por completar unha experiencia única. In Between completa a Walden, se é que fose necesario, achegando a nós imaxes filmadas entre 1964 e 1969 que inclúen visuais fantásticos que completan a visión, literal, dunha vida.

Pódeche interesar...
Cineuropa 33 | Rita Azevedo recolle o seu galadón animando a consumir cinema en salas