Cineuropa 33 | Buñuel no labirinto das tartarugas: Un bo filme que evita mollarse

Todas as virtudes estéticas do filme tórnanse en agridoces ao diseccionar a trama

Estaba moi expectante ante retrato feito por Salvador Simó de Luís Buñuel e a súa vontade de documentar dende o surrealismo. O filme, baseado no proceso de rodaxe do documental As Hurdes, terra sen pan, ten a capacidade de conciliar o surreal co máis crudamente real das miserias dos comúns, dos invisibles. E todo con debuxos. A montaxe é clásica pero atrevida, fusionando as fantásticas ilustracións gráficas da inspiración de Fermín Solís  coas imaxes reais do documental orixinal.


A realidade é que aínda pretendendo facer unha análise do filme sen sesgo subxectivo (sen estar sequera eu moi seguro de que tal cousa se poida facer), a miña debilidade pola figura de Buñuel fai que mire para a película inherentemente cos ollos ledos.

Buñuel foi -a súa maneira e coas súas contradiccións- a antítese de Dalí. Namentres o de Figueres se dicía politicamente incorrecto ,”Picasso é comunista e eu… Tampouco”, o director aragonés pensaba incansablemente en bater inconscientes co seu surrealismo para facer que a roda da historia xirara noutro senso; precisamente o que non lle interesaba a Dalí: “ Hai unha maneira moi sinxela de saber cando unha idea é miña ou de Dalí… Todas son miñas” , di Buñuel ao comezo do filme.

Ao respecto da trama, todo é impoluto unha vez comprendido o que se quere contar. Se ben o guión ás veces pode resultar algo artificioso con conversas excesivamente forzadas para que a liña temporal avance, a conciliación coas ilustracións fai que a película siga o seu ritmo sen grandes exabruptos nin aburrimento por parte do espectador.

Pódese dicir que toda a metraxe focalízase en exceso con anécdotas máis ou menos superfluas do proceso de preprodución e produción do documental: a surrealista maneira na que Ramon Acín gaña a lotaría para que Buñuel poida financiar a película, as atrocidades que Buñuel cometeu cos animais para rodala…   Malia todas as virtudes estéticas ao relatar estes feitos, o filme remata deixando unha sensación agridoce.

Coma se o relato ideolóxico fora morno de máis. Aderezado un chisco de máis da ambivalencia de clase onde non se sinala para nada a pretensión de Buñuel de denuncia da situación das clases subalternas do lugar. Si que se percibe unha visión humanista que evoca ao espectador a percibir a fedorenta inxustiza que emana da pobreza nas Hurdes, mais só é iso, unha visión humanista da situación en lugar da lectura desta coma un conflicto de clase.

É dicir, si que se explicita unha vontade de sinalar os desequilibrios sociais, mais dende unha perspectiva liberal aburguesada e moi descafeínada que o que aquí escribe se atrevería a dicir que repugnaría ao propio Buñuel. Só fai falta ver os títulos da súa filmografía para comprender que a súa pretensión principal era precisamente o ataque a esa construción da moral burguesa e dunha visión humanista e cínica que tan só pretende agochar que as miserias que claman nacen dos seus privilexios. 

En definitiva, un bo filme, pero sospeito que feito por unha persoa que respectaba a Buñuel pero non compartía intereses de clase con el. Ou quizais si,  pero que tampouco quere mollarse en exceso, por non dicir nada. 

“Non pertenecín nunca ao Partido… Unha vez asistín a unha reunión da célula do Partido Español, unha célula que había na Embaixada en París… e non volvín. Aburríame tremendamente. Agora si, iso si, sempre preto deles. Ao seu carón. Porque son os únicos que tiñan razón.”

Luís Buñuel

Se me permitides o consello, ide ver o filme e facédelle caso a Buñuel. Estade sempre preto, porque son os únicos que teñen razón.

Dirección: Salvador Simó Busomr
Guión: Eligio R. Montero, Salvador Simó Busomr
Fotografía: Animación
Música: Arturo Cardelús
Ano: 2019
País: España<br
4
Pódeche interesar...
David Benioff e D.B. Weiss, creadores de Xogo de Tronos, abandonan a saga de Star Wars