Cineuropa 33 | Koko-di Koko-da, un expoñente das “comedias de aventuras”

O filme é unha boa idea que saiu mal, unha mostra de que moitas veces non basta con iso para facer un bo produto

“Comedia de aventuras” é un termo que se acuñou no medio de comunicación especializado en videoxogos Eurogamer fai uns anos en referencia a títulos tan desastrosos como Resident Evit 6 e Sonic Boom. Obviamente non fai referencia ao xénero cinematográfico, senón que é unha acepción nova do termo en clave de humor a esa sensación de que algo fai gracia sen querer xa sexa pola súa ínfima calidade como por outras razóns como a mala planificación das súas partes.

Pois Koko-di Koko-da, o filme de Joannes Nyholmé un claro expoñente do que a isto se refire. Non porque sexa un filme infame per se, senón porque a súa orixinal estrutura e o salto ao baleiro que implica simplemente sae mal. O que se vende como un drama psicolóxico cunha mestura de David Lynch e Haneke remata sendo un produto histriónico que a pesar do grave dos actos e as imaxes que mostra, remata levando inexplicablemente á risa.

UNHA PROPOSTA QUE SAIU MAL

Non é que o filme sexa incomprensible e sobre o papel é unha película valente. E iso hai que valoralo, non cabe dúbida. Tras a morte da súa filla, unha parella decide ir de vacacións por vez primeira despois de tres anos. Chegado a ese punto uns seres que teñen referencia na imaxiñaría popular danesa os asasinan no momento onde a muller sae da tenda de campaña para ouriñar.

E aquí é cando o espectador comprende a estrutura. De súpeto todo volve a acontecer en bucle, pero o home lembra o que pasou e tenta salvarse dun fin que parece inevitable. O que é un bo recurso que remataría na catarse dramática dos seus personaxes orixinada pola perda da súa filla é un enfoque interesante, pero que é usado en exceso. En concreto sete veces.

Isto sería admitido se deran algún tipo de profundidade psicolóxica aos personaxes, pero non o dan, polo menos non a suficiente. En vez de aportar valor, os mesmos planos de referencia á hora de comezar rematan sendo practicamente un recurso cómico e cansan.

MALOS ANTAGONISTAS

Non axuda tampouco o gran histrionismo dos antagonistas, que en vez do terror e da sensación de incomodidade que poderían inspirar unidos ao inquietante tema predominante na banda sonora, rematan sendo pouco menos que unha parodia. Son moi malvados, pero a reafirmación da súa maldade en todos e cada un dos seus actos fai que realmente se pasen da raia e crucen a barreira do ridículo.

E é unha mágoa porque as ideas por separado eran boas, non así a súa cohesión. O traballo na fotografía de Johan Lundborg é marabilloso e, sen dúbida, é o que fai que se trate dunha película moi recoñecida en certos sector. Pero un envoltorio bo non é un valor suficiente para conseguir un bo produto como queda demostrado neste caso.

Koko-di Koko-da é un filme valente e orixinal, que pretende innovar pero realmente todo lle quedou grande. Non se penaliza o intento e agradécese a idea pero a execución é moi deficiente. Unha comedia de aventuras para non pasar un bo rato. E non polo medo e impacto que quere inspirar.

Director: Joannes Nyholm
Guión: Joannes Nyholm
Fotografía: Johan Lundborg, Tobias Höiem-Flyckt
Música: Simon Ohlsson, Olof Cornée
Ano: 2019
País: Suecia
2
Pódeche interesar...
Succession: Os ricos non son xente de fiar