Cineuropa 33 | Madurar implica que sexa Tarde para Morrer Novo

O filme de Dominga Sotomayor analiza como é madurar nos últimos días do pinochetismo

Nos últimos días do pinochetismo unha familia e amigos viven xuntos nunha comunidade na periferia de Santiago de Chile. É verán de 1990 e acércase cada vez máis o fin de ano austral, unha celebración que se vive como é natural dun xeito moi diferente. Dous adolescentes de dezaseis anos (Sofía e Lucas) e Clara, unha nena de dez, comezan a afrontar os seus amores e medos, as súas primeiras probas vitais relevantes nun contexto que ten pouco de idílico a pesar do bucólico da paisaxe.

A película, dirixida e escrita por Dominga Sotomayor, é un filme sobre como medrar nun mundo sen ilusións nin esperanzas claras de futuro. Unha actualidade que asusta. Se ben o protagonismo é coral, a acción narrativa recae sobre Sofía, á que lle da vida o actor transxénero  Demian Hernández. Realmente, a única interpretación que sobresae na obra.

A MÚSICA VERTEBRADORA

A música -nun 95% diexética- funciona como elemento vertebrador dunha narrativa ambiental e é fundamental para a concepción de todo o filme. As cancións empuxan, acompañan e incluso definen aos personaxes. Cancións de artistas tan diferentes como Los Prisioneros, Séptimo Sello ou The Bangles sonan durante a metraxe. En concreto, destacar a última banda e o seu tema Eternal Flame, xa que serven a modo de catarse para unha das personaxes cara o peche do seu arco argumental.

Porque o filme non vai tanto de volverse adulto como de explorar a fronteira onde os adolescentes crense adultos pero aínda non o son. Onde fúmase tabaco -e outras cousas que non son tabaco- , mantéñense relacións sexuais e créanse momentos inesquecibles, pero tamén te obsesionas con esa persoa que te gusta e que non te fai caso. Cando te vas de casa por orgullo e prometes non volver. E precisamente ese instante no que te das conta de que é unha carallada e volves, aí e soamente aí é cando xa é demasiado tarde para morrer novo. Tamén é cando comeza a nostalxia das segundas veces que enchen a metade.

A BANDEIRA DO COTIÁ

Sotomayor opta por contar a historia cun extremo naturalismo, a través duns planos onde predominan a cámara fixa (aínda que cuns travellings laterais exquisitos en momentos concretos) e onde en ocasións é incluso complicado observar o que está a pasar. E isto último non o sinalo como algo negativo, o espectador é practicamente un espía de momentos moi íntimos a nivel emocional dos personaxes e resulta un enfoque interesante á hora de mostrar o cotiá.

Os encadres desprenden un grande vitalismo e hai unha morea de elementos que observar todo o rato. Ás veces en diferentes capas de imaxes e outras diríxese a mirada dun xeito máis lineal a través do uso da profundidade de campo. Aínda así, cando é necesario o filme déixase respirar e recompoñerse.

Tómase en serio un contexto gris que sempre planea de fondo aínda que a comunidade sexa en parte allea aos grandes cambios que atravesa Chile. Conseguir electricidade nun lugar onde se está dun xeito circunstancial, proxectos atravesados pola inquedanza, un Santiago de Chile gris e un temor irracional á Policía. Son os anos noventa, pero tampouco se diferencia deste violentos anos dez que xa están a rematar. O filme cuspe actualidade.

O SON EN DIRECTO, UN LASTRE

A pesar das súas grandes virtudes, Tarde para morrer novo ten defectos que lastran o resultado enormemente. En primeiro lugar, o deficitario son en directo que contén. Optar por este estilo é arriscado, pero ten sentido neste filme a nivel narrativo. O problema é que por momentos non se escoita absolutamente nada en diálogos fundamentais para entender as relacións entre os personaxes. Esixe unha atención esaxerada e practicamente a utilización de subtítulos.

Por outra banda, presenta a demasiados personaxes e non desenvolve a practicamente ningún. Chégase ao último terzo do filme con relacións demasiado pouco definidas entre os mesmos. Polo menos entre a meirande parte deles, o que fai que a resolución das tramas non sexa todo o satisfactorio que debería.

Tarde para morrer novo é un filme extremadamente interesante, onde a súa autora denota unha intelixencia moi grande á hora de narrar temas en absoluto simples. Os problemas técnicos e un guión algo descompensado lastran unha película que, con todo, deixa unha sensación dentro do corpo de gran paz interior tras visualizar un produto diferente e de calidade. Quizais un pouco máis maduros, pero seguro que menos novos que ao cruzar a porta do cine.

Dirección: Dominga Sotomayor
Guión: Dominga Sotomayor
Fotografía: Inti Briones
Música: Varios
Ano: 2018
País: Chile
3
Pódeche interesar...
O shonen tras Dragon Ball